O Impacto da Guerra Civil na Cultura Galega: Escritores Exiliados
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,2 KB
A literatura galega no exilio: autores e obras
En 1936, o xeneral Francisco Franco inicia unha sublevación militar contra a II República Española, que levará a unha Guerra Civil (1936-39) e a unha posterior ditadura militar. Para a nosa cultura, as súas consecuencias foron nefastas.
A etapa de efervescencia cultural que estaba a vivir Galicia viuse truncada instantaneamente. Ademais do peche das institucións de carácter galeguista, intelectuais, artistas e escritores foron asasinados, silenciados ou exiliados. Estes últimos asentáronse, principalmente, en Montevideo, México e Bos Aires, cidades nas que xa había nutridas comunidades de emigrados galegos. Esta fusión permitiu dinamizar a asociación da comunidade galega e impulsar numerosas actividades culturais coas que garantir a continuidade da cultura galega e da súa lingua.
O Ámbito Poético no Exilio
No ámbito poético hai unha cuantiosa obra. Abórdanse, principalmente, liñas temáticas vetadas en Galicia e os problemas do seu exilio. Salientan autores como Emilio Pita, Luís Seoane, Lorenzo Varela ou Eduardo Blanco Amor.
- Emilio Pita publica obras como Jacobusland, na que fala da traxedia da Guerra Civil en Galicia, ou Cantigas de nenos.
- Luís Seoane, home polifacético, é un dos iniciadores do movemento cultural galego en Bos Aires. Na súa poesía (Fardel de exiliado, Na brétema...), observamos a preocupación por Galicia dende a dimensión social e política, o coñecemento histórico e cultural e o reflexo do mundo artístico.
- Lorenzo Varela escribe obras como Lonxe, un libro dominado pola angustia do desterro e unha visión case irónica sobre o afastamento de Galicia.
- Eduardo Blanco Amor edita en Bos Aires o seu Cancioneiro.
O Campo Narrativo no Exilio
No campo narrativo, falamos de autores como Ramón de Valenzuela Otero, que escribe Non agardei por ninguén e Era tempo de apandar, que constitúen un documento narrativo sobre a época. Outro narrador será Silvio Santiago, autor de Vilardevós e O silencio redimido, obra póstuma na que relata a súa época de fuxida e desterro.
O Teatro Galego no Exilio
Tamén no teatro hai un desenvolvemento no exilio. Convivirán dúas tendencias teatrais diferentes: unha de carácter popular e enxebre, que representa Varela Buxán; e outra máis culta e innovadora, encabezada por Castelao, Eduardo Blanco Amor e Luís Seoane.
- Varela Buxán escribe pezas de tipo rural, costumista e humorista, pero con carga social. Entre elas, podemos salientar, por exemplo, A xustiza dun muiñeiro e ¿Pista ou peste?.
- Castelao escribirá Os vellos non deben namorarse, unha obra marcada polas innovacións técnicas e na que se presentan tres versións dun mesmo esquema dramático: o vello namórase dunha moza e a imposibilidade dese amor remata inevitablemente coa morte do ancián.
- Eduardo Blanco Amor, ademais de ser director de varias compañías teatrais no exilio, é autor de varios textos dramáticos, case todos contidos en dous volumes: Farsas para títeres e Teatro prá xente.
- Luís Seoane é autor de obras como A soldadeira, peza histórica-social, ou Esquema de farsa, na que denuncia a falsa visión sobre os emigrantes galegos que ofrecen as autoridades franquistas.
O Ensaio no Exilio Galego
Finalmente, falamos do ensaio, no que salientan figuras como Luís Seoane, que na súa obra Textos encol da arte galega inclúe varios documentos sobre figuras da arte galega; ou Castelao, que escribe estudos como As cruces de pedra na Galiza ou Sempre en Galiza. Esta última é considerada por moitos a biblia do nacionalismo galego.