Historia do Teatro Galego: Da Posguerra á Xeración dos 50

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,9 KB

O teatro precisa para o seu pleno desenvolvemento dunhas estruturas económicas e institucionais moi completas e custosas e dun público asiduo e formado, de maneira que se poida falar dun teatro galego desenvolvido con normalidade.

A escasa produción teatral galega do século XIX e comezos do XX dirixíase a un público formado principalmente polas clases populares. Serían os homes do tempo das Irmandades os que por primeira vez tentarían sintonizar co teatro europeo do momento. Logo viría o silencio imposto polo golpe militar de 1936. A primeira obra dramática publicada na posguerra foi unha zarzuela de J. Trapero Pardo, Non chores Sabeliña! (1943), que xunto con O Romance do Cristián e do Mouro na Franqueira de Cunqueiro, e Viaxe Perdido de Xosé Ibáñez, foron as únicas obras publicadas entre 1936 e 1952. A actividade teatral tivo continuidade no exilio.

O Teatro da Posguerra no Exilio

A Guerra Civil e a posterior ditadura militar supuxeron o traslado da produción teatral galega á emigración, concretamente a Arxentina. No exilio, pola contra, si foi posible manter unha actividade teatral en galego grazas á numerosa colectividade galega, formada tanto por emigrantes como por exiliados. Isto explica a existencia dunha compañía de teatro dedicada profesionalmente á posta en escena de obras en galego. En 1941 estreouse con gran éxito en Bos Aires a obra de Castelao Os vellos non deben namorarse.

Manuel Varela Buxán

Escritor de pezas dramáticas costumistas con elementos cómicos que gozaba de gran éxito entre a comunidade galega de Bos Aires. As súas obras inclúen O Ferreiro de Santán, Taberna sen Dono e A Xustiza dun Muiñeiro. As súas pezas, aínda que de estilo directo, popular, cómico e sentimental, tamén están revestidas de crítica social.

Eduardo Blanco Amor

Desenvolveu un importante traballo coa fundación do Teatro Popular Galego. O teatro do autor publicouse en dous tomos: Farsas para Títeres (1973) e Teatro para a Xente (1974). No primeiro, inclúense farsas de evidente matiz sarcástico nas que ataca todo tipo de convencións sociais. No segundo tomo atópase unha mestura de temas e tons: fantasía, caricaturas ou costumismo, dependendo das pezas.

Luis Seoane

Deixounos no exilio a obra A Soldadeira, unha peza escénica sobre as Guerras Irmandiñas que fai unha evocación reivindicativa do pasado histórico de Galicia.

A Xeración dos 50

Caracterizouse por un afastamento do realismo que permitiu establecer unha certa distancia de seguridade coa actualidade do momento. A posta en marcha da Editorial Galaxia significou un pulo decisivo no proceso de recuperación do teatro galego. A estrea de O Incerto Señor Don Hamlet de Álvaro Cunqueiro marcou a consolidación dese proceso.

Álvaro Cunqueiro

Escribe pezas de grande calidade literaria. Afástase do costumismo e achégase aos mitos e aos grandes personaxes clásicos, como en O Incerto Señor Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca. Cunqueiro recrea o mito do príncipe Hamlet desde unha nova perspectiva: que Hamlet non fose fillo do rei, senón fillo oculto de Halmar, o usurpador. Deste xeito, ao matar o usurpador, Hamlet asasina o seu pai, converténdose nun Edipo. En A Noite Vai Coma un Río, a protagonista vaga polo escenario cunha rosa na man á busca do amor. Palabras de Víspera céntrase na épica castelá e na figura do Rei Afonso que desterra o Cid.

Manuel María

Convencido da capacidade educativa do teatro e do seu valor como elemento de concienciación social, reflexiona sobre o noso pasado histórico ou pronúnciase sobre temas polémicos da actualidade.

Xohana Torres

Obras de marcado carácter alegórico con mensaxe política e social, como A Outra Banda do Iberr (1965).