Historia da lingua e literatura galega: Séculos XVIII e XIX
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,44 KB
Situación sociolingüística
Se na etapa anterior podemos dicir que o castelán se asociaba ás clases altas e o galego ás baixas, agora vaise producir un maior retroceso na nosa lingua.
- Imposición do castelán: Levarase a cabo a través de leis, a vida administrativa, xudicial, eclesiástica, a creación da RAE e a súa imposición na escola.
- Clases diglósicas: Os grupos que na etapa anterior eran diglósicos decantaranse polo castelán, incluso nos seus documentos privados: fidalgos e clases medias urbanas e vilegas (avogados, médicos, comerciantes, armadores, notarios...).
- Prexuízos lingüísticos: Refórzanse os prexuízos que perduran ata hoxe: identifícase castelán con cidade, clase alta, riqueza, cultura, progreso e educación, mentres que o galego asimílase á aldea, clase baixa, pobreza e incultura.
Os ilustrados (século XVIII)
Nesta época, aínda que non aumentan os textos redactados na nosa lingua, aparecen intelectuais que critican abusos e buscan remedios aos problemas máis serios da nosa sociedade, tanto económicos como culturais.
Preocúpanse polo atraso económico e a miseria en que vive a poboación galega. Para solucionalo traballan aspectos diversos: a introdución de novas técnicas agrícolas, e tamén ven que son necesarias novas infraestruturas e vías de comunicación para fomentar a industria e o comercio e saír do sistema foral.
Tamén crean sociedades culturais que tiñan como obxectivo o estudo da historia de Galicia ou as orixes do galego.
Na educación son innovadoras as súas propostas liberais: necesidade de que os galegos aprendan na escola na súa lingua; mellorar o nivel educativo por medio de escolas e bibliotecas públicas, a defensa da igualdade entre xéneros...
Entre os ilustrados que máis se preocuparon pola situación do idioma galego (criticando a súa marxinación e falta de cultivo escrito, combatendo prexuízos e estudando cientificamente as súas orixes e características) destacamos tres frades beneditinos: Frei Benito Xerónimo Feixóo, Frei Martiño Sarmiento e o Padre Sobreira.
Principais figuras ilustradas
- Frei Benito Xerónimo Feixóo: Deixou demostrado no tomo I da súa obra ensaística Teatro Crítico Universal que o galego procedía do latín, que non era dialecto do castelán e que, ademais, formaba unidade co portugués.
- Frei Martiño Sarmiento: Coa súa obra pretende xuntar materiais para elaborar un dicionario. Ademais de estudar a lingua (Estudio sobre el origen de la lengua gallega; Catálogo de voces y frases de la lengua Gallega; Onomástico etimológico de la lengua gallega), foi dos primeiros autores que reflexionaron sobre o proceso histórico que conducira á imposición do castelán. A súa obra Coloquio de 24 Gallegos Rústicos é considerado o principal precedente literario do Rexurdimento.
- Padre Sobreira: Traballou durante anos para compilar a súa obra Papeletas de un diccionario gallego. Consideraba vergoñento que o galego carecese de dicionario mentres outras linguas da Península o tiñan.
A literatura do século XIX
1. O Prerrexurdimento (1808-1836)
Iníciase a principios do século coa mobilización popular contra a invasión napoleónica. A novidade temática consiste en utilizar o galego con fins propagandísticos, tanto en textos en prosa como en verso. Entre as obras destacan:
- Proezas de Galiza de Xosé Fernández de Neira.
- Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento (anónimo).
- Os rogos de un gallego de Manuel Pardo de Andrade.
- A casamenteira de Benito Fandiño.
2. O Rexurdimento (1836-1914)
Este período caracterízase pola recuperación da escrita literaria do galego e a súa dignificación. Distinguimos tres etapas:
2.1. Período precursor (1833-1862)
A maioría dos autores simpatizaron co movemento provincialista. A publicación máis emblemática é o Álbum de la Caridad (1862). Autores relevantes: Nicomedes Pastor Díaz, Alberto Camino, Xoán Manuel Pintos (autor de A gaita gallega), e os irmáns Antonio e Francisco María de la Iglesia.
2.2. Rexurdimento pleno (1863-1890)
Nace o Rexionalismo, que defende a idea de nación e a descentralización. A data de publicación de Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro marca o inicio. Destacan tamén Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Proliferan os Xogos Florais e a prensa en galego.
2.3. Período da depresión finisecular (1890-1916)
As obras perden calidade literaria, pero mantense a cantidade. Destaca a fundación da Real Academia Galega en 1906. Esta etapa remata co nacemento das Irmandades da Fala en 1916.
A lingua no século XIX
Aínda que o galego era a lingua oral maioritaria (85%), o século XIX supuxo un incremento na imposición do castelán a través de:
- Medios de comunicación escritos.
- Incremento de escolas e a Lei Moyano.
- Formación da Igrexa Católica en castelán.
- Obrigatoriedade legal do castelán na administración.
- Emigración transoceánica.
- Establecemento de burguesía foránea.