Normalización do galego: retos e perspectivas
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,32 KB
A normalización do galego
Fálase de normalización cando se recupera unha lingua que, sendo a propia dunha comunidade, foi desprazada por outra foránea e viu restrinxidos os seus usos, especialmente os máis prestixiosos. O proceso de normalización lingüística está constituído por todas as accións legais, políticas, sociais e lingüísticas que teñen como obxectivo o uso normal dunha lingua minorizada en todos os ámbitos (educativo, académico-científico, sociocultural, laboral…) e a recuperación de todas as funcións dentro da propia comunidade. É dicir, trátase de recuperar falantes (normalización vertical) e prestixio (normalización horizontal).
O proceso de normalización no século XX
Cando no último cuarto do século XX se inicia o proceso de recuperación institucional, xa existían unhas bases establecidas polos axentes culturais e sociais que reivindicaron o idioma no primeiro terzo do século XX (Irmandades da Fala e Partido Galeguista) e durante a ditadura (Galaxia).
Na década dos 80, este proceso normalizador prodúcese dentro dun marco legal que contempla unha serie de institucións públicas que teñen como obxectivo a promoción social do idioma, é dicir, a súa normalización.
Exemplos de institucións e colectivos:
- Secretaría Xeral de Política Lingüística: Organismo que desenvolve e centraliza a acción normalizadora a nivel gobernamental. Focalizou a súa actividade no ámbito educativo, deixando a actuación noutros ámbitos nun plano moi secundario.
- Administracións locais: Servizos de Normalización Lingüística.
- RAG (Real Academia Galega), Universidades galegas, Consello da Cultura Galega.
A limitada acción institucional deu lugar a colectivos sociais como:
- Mesa pola Normalización Lingüística (MNL): Ámbitos de actuación xeral. 55 mentiras sobre a lingua galega é unha obra colectiva elaborada pola organización que analiza e desmonta 55 ideas falsas sobre o idioma.
- ProLingua.
- AS-PG, Nova Escola Galega, CGENDL (ensino).
- Fundación Galicia-Empresa, Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004)
Aprobado por unanimidade no Parlamento para potenciar a nosa lingua en distintos ámbitos sociais. O obxectivo era garantir a posibilidade de vivir en galego, conseguindo máis funcións sociais e promover unha visión moderna do idioma. As iniciativas levadas a cabo foron moi escasas.
Factores positivos e negativos na normalización do idioma
Factores positivos:
- Un sector importante da poboación segue recoñecéndoa como un sinal de identidade colectiva.
- Vinculación coa lusofonía.
- Aumento da competencia na lectoescritura.
- Marco legal.
- Colectivos que a defenden.
- Uso do galego na vida pública.
- Expresión dunha cultura contemporánea que conseguiu un importante desenvolvemento en diferentes ámbitos artísticos.
Factores negativos:
- Mantemento de prexuízos.
- Ruptura da transmisión lingüística.
- A presión social que fai que as persoas galegofalantes máis novas “agochen” o idioma con iguais.
- Poucos medios de comunicación en galego.
- Escaseza de medidas normalizadoras efectivas a nivel político.
Uso da lingua pola poboación máis nova
Un dos aspectos máis preocupantes é a non transmisión xeracional, algo que si garantiu a vitalidade da lingua galega ao longo dos séculos, a pesar da súa situación de marxinación e minorización. O INE publica nos datos do Censo 2021 (apartado “coñecemento e uso de linguas”) que o castelán xa é a lingua maioritaria no ámbito familiar (64%-57%), no ámbito das amizades (65%-54%) e laboral (63%-52%). Por idade, a situación do galego é moito máis negativa entre os e as menores de 20 anos. Apenas o 35% dos mozos e mozas empregan o galego "sempre" ou "frecuentemente" coa súa familia e a porcentaxe cae ao 31% coas súas amizades. O galego é maioritario entre as persoas maiores de 60 anos, pero na xeración entre 40 e 59 anos, o castelán comeza a aparecer como a lingua máis empregada.
En canto á lingua inicial (idioma no que cada persoa comezou a falar), o castelán está por diante. Entre os menores de 20 anos, as persoas que tiveron o castelán como lingua inicial son un 59% fronte ao 16% do galego. Entre os grupos de idade de 20 a 39 anos e de 40 a 59 anos, o castelán é maioritario, aínda que por pouco. En cambio, os datos mudan por completo no caso das persoas maiores de 60 anos. Segundo o hábitat tamén varía, máis galegofalantes no rural que no urbano.
En canto á competencia, é o sector poboacional máis novo o que presenta unha porcentaxe superior nas catro destrezas (entender, falar, ler e escribir) sendo tamén a mocidade a que presenta unha mellor actitude cara ao idioma. De aí que sexa urxente e necesario que estas capacidades e actitudes frutifiquen en usos coa posta en marcha de política lingüísticas máis eficaces, con persoas neofalantes que asuman a lingua de xeito consciente, con contextos de socialización que permitan desenvolverse no idioma propio e coa creación de modelos socioculturais (estética, deportes, música...) que sirvan de referencia.