Grandes Figuras do Rexurdimento Galego: Rosalía, Curros e Pondal
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 12,13 KB
Rosalía de Castro: A Voz do Rexurdimento
Inaugura con Cantares Gallegos unha nova época para a literatura galega. A actividade creadora de Rosalía de Castro, chea de talento e orixinalidade, foi decisiva para a recuperación literaria da lingua galega, que caera no abandono desde os Séculos Escuros.
Era filla de María Teresa de Castro, de liñaxe fidalga, e Xosé Martínez, crego de Iria. As leis daquel tempo prohibían que ningún fillo de sacerdote puidese vivir con algún dos seus pais, polo que a mandan a vivir cunha tía. Aos 15 anos vai para Santiago onde vive coa súa nai. Alí frecuenta o Liceo da Xuventude onde coñece a Pondal e participa en veladas literarias e musicais.
No ano 1856 vai a Madrid, onde coñece a Manuel Murguía. Casaron dous anos despois e tiveron sete fillos. A vida de parella estivo chea de dificultades: laborais, económicas e familiares. Esta vida difícil e unha precaria saúde levaron a Rosalía a unha morte aos 48 anos. Faleceu en Padrón, e esa casa está convertida hoxe na Fundación Rosalía de Castro que leva o seu nome.
Un percorrido pola súa obra
Rosalía tratou de desenvolver unha obra literaria plena.
Publicou catro novelas: El caballero de las botas azules, La hija del mar, Ruínas e Flavio. Todas elas escritas en castelán, pois as circunstancias da época facían case imposible a utilización do galego en prosa.
A súa faceta máis destacada foi a de poeta. As súas obras fundamentais son Cantares Gallegos e Follas Novas, que é o seu mellor libro. Un ano antes da súa morte publica En las orillas del Sar.
Rosalía como muller escritora
Foi a primeira autora galega que sufriu as dificultades que supuña desempeñar o rol de muller escritora no seu tempo. No seo dunha sociedade na que o papel da creación literaria estaba reservado ao home, loitou sempre contra iso, queixándose das dificultades que se lle presentaban para atopar un oco na sociedade literaria.
Así, o seu nome únese ao doutras europeas do seu tempo que traballaron para que a muller accedese ao status de escritora.
Significado da obra galega de Rosalía
Os dous libros galegos de Rosalía ábrense cunhas páxinas iniciais nas que a autora explica o sentido e as intencións da súa obra.
No prólogo de Cantares Gallegos lemos que o libro nace para reivindicar a Galicia e a súa lingua, e para defendelas dos ataques que sufrían, tanto por xente de fóra como por parte dalgúns sectores influentes da sociedade galega.
En Follas Novas, as mulleres son as protagonistas da maior parte do libro.
Nos dous libros hai un compromiso con Galicia e coas súas xentes, sobre todo coas humildes. E hai un propósito deliberado de escribilos en galego, para facer ver que unha lingua marxinada socialmente era tan útil como calquera outra para expresar toda a intensidade que esixe a literatura.
Unha ollada sobre Rosalía
Rosalía foi consciente de que escribía desde un país marxinada, e Cantares Gallegos é a ilustración dunha ideoloxía que pretendía afirmar os valores específicos da patria galega, así como para denunciar as inxustizas de que eran vítimas as súas xentes.
Cantares Gallegos: O inicio da literatura
É a obra que sinala o inicio da nosa literatura contemporánea. Editouse en Vigo o 17 de maio de 1863. En lembranza desta data, cada ano homenaxeamos un autor ou autora das nosas letras.
É un libro escrito en clave reivindicativa que presenta unha poesía de signo folclórico. Consta de 35 poemas e ten unha estrutura circular: no primeiro, unha rapaza que é o símbolo de Galicia declara a súa intención de cantar a beleza do noso país; no último, despídese tras declarar o seu labor cumprido.
Nos outros poemas “cántase” a Galicia, con poemas de carácter descritivo ou costumista que falan da beleza do noso país, coa intención de contrarrestar a imaxe negativa que se daba del.
Tamén hai poemas que exaltan a lingua galega, e outros nos que se expresa a voz máis persoal de Rosalía, confesando tristeza ou o desamparo.
Follas Novas: Compromiso e introspección
Está dividido en cinco seccións, percorridas por unha liña que parte do individual e logo vai achegándose a unha dimensión social.
As dúas primeiras inclúen composicións de carácter persoal nas que Rosalía se achega aos grandes temas da literatura universal. Nas dúas últimas recollen poemas centrados en Galicia e no drama da emigración, desde unha perspectiva crítica. É inesquecible a denuncia que fai da dura situación social das mulleres.
Neste libro revela as inxustizas que se cometen co pobo galego e que son causa da emigración masiva. Tamén reflexiona sobre a propia condición humana. A dor, a saudade, a soidade, a morte son os eixes fundamentais na súa visión do mundo.
A actualidade de Rosalía
Non ten só importancia como figura histórica da nosa literatura. A súa poesía ten a forza que só posúen as grandes obras.
Ao falar dos grandes problemas de todo ser humano, moitos dos seus poemas soan tan actuais coma se fosen escritos hoxe.
Unha boa proba desta vixencia témola nas continuas referencias a ela por parte dos novos poetas, nas numerosas cancións que seguen a facer cos seus poemas e nos estudos que se publican sobre ela.
Os movementos feministas viron en Rosalía unha precursora da loita das mulleres por acadar os dereitos que como persoas lles corresponden.
Claves na poesía rosaliana
- Exaltación dos valores e da paisaxe do pobo galego.
- Afán reivindicativo e de denuncia social.
- Recreación dos grandes temas da literatura de todos os tempos (a dor, a morte, o sentido da vida).
- Defensa da relevancia da muller na sociedade da época.
- Riqueza formal, desde a versificación de Cantares Gallegos ata as profundas innovacións de Follas Novas.
Manuel Curros Enríquez: A voz combativa
Manuel Curros Enríquez representa a voz máis reivindicativa, solidaria e batalladora. Denunciou a situación de privilexio dos caciques fidalgos e do clero, así como o asoballamento ao que estaban sometidos os labregos. Plasmou na súa obra as súas ideas ata as últimas consecuencias, sufrindo mesmo persecución por expresar as súas crenzas.
Nace en Celanova e alí transcorre toda a súa infancia. Mantivo moitos conflitos co seu pai, que o levaron a abandonar a casa familiar para irse a Madrid onde vivía un irmán seu.
Alí estudou algúns cursos de dereito. De todos os xeitos, é o exercicio do xornalismo e máis tarde a creación literaria o que vai ocupando profesionalmente o resto da súa vida. Viviu moi activamente a Revolución de 1868. En 1877, participa nun concurso literario en Ourense conseguindo o primeiro premio, isto supuxo a súa estrea como poeta galego. En 1880 publica Aires da miña terra, que provocou unha forte polémica coas autoridades relixiosas. Emigrou a Cuba, onde viviu os seus últimos anos. No ano 1967 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Aires da miña terra: Compromiso social
É un poemario dominado pola forte actitude reivindicativa e de compromiso social.
Nel atópase un canto solidario cos labregos, os máis oprimidos da sociedade daquel tempo. Amosa as situacións inxustas que os rodeaban. Hai outros nos que se achega a cuestión que afecta á esfera máis íntima do poeta, onde fai unha xenerosa e sentida evocación de Rosalía con ocasión da súa morte.
O Divino Sainete: Crítica e sátira
É un longo poema de carácter burlesco que parodia A Divina Comedia de Dante. O seu argumento conta unha suposta peregrinaxe que Curros fai a Roma para gañar o xubileo.
Neste libro establécese unha crítica furibunda e caricaturesca da sociedade contemporánea. Nel o autor critica tanto aos seus inimigos persoais como ao afán da Igrexa por enriquecerse.
Trazos da poesía de Curros Enríquez
- Denuncia social e dos males dos labregos.
- Afán anticlerical: denuncia dos abusos da Igrexa.
- Defensor da xustiza e crenza nos valores do progreso.
- Poesía costumista en poemas como A Virxe do Cristal e noutros que teñen tamén carácter reivindicativo.
- Presenza ocasional na súa obra da poesía lírica e da circunstancia.
Eduardo Pondal: O bardo celta de Galicia
Eduardo Pondal é outra das grandes figuras do Rexurdimento. Creou un universo literario singular, marcado por un lirismo épico no que salienta a exaltación das raíces celtas de Galicia e unha inquebrantable defensa da lingua galega.
Aspectos biográficos
O lugar de nacemento, Ponteceso, resulta determinante en Pondal, pois a lingua literaria que el construía na súa obra ten como base o rexistro lingüístico dialectal da bisbarra de Bergantiños.
Estudou bacharelato en Santiago onde participa nas actividades do Liceo de la Juventud e traba amizade cos rexionalistas que o frecuentaban. Licenciouse en medicina e exerceu esa profesión durante un breve período de tempo en Ferrol, e retornou á súa casa. Alí viviu a maior parte dos seus anos, dedicado ao cultivo da creación literaria.
Participa en varias sociedades literarias, entre elas a Cova Céltica. Esta estaba constituída por un grupo de intelectuais preocupados por Galicia e a súa cultura e defensores da orixe celta do noso pobo.
Aspectos literarios
A súa primeira publicación foi o longo poema A Campana de Anllóns, e en 1886 publica Queixumes dos pinos. O fío condutor deste libro é un personaxe, o Bo Bergantiñán, que de camiño a Ponteceso, escoita os queixumes dos piñeiros.
Traballou intensamente nos seus últimos anos na redacción dun extenso poema épico, Os Eoas.
O celtismo e o bardismo
Pondal construíu un universo literario místico baseado nun pasado lendario cheo de esplendor, que sitúa na época celta. Para relatar o noso pasado, o poeta recorre á creación de heroes que nunca existiron ou reutiliza mitos extraídos doutros lugares.
O bardo considérase unha figura clave no universo literario pondaliano, pois aparece recorrentemente como un personaxe destinado á profecía e dotado de características sobrenaturais que o converten nun ser por riba da xente común.
O ossianismo
En 1760, un mestre de escola escocés declarou que dera cun libro de poemas dun bardo celta chamado Ossian. Este poemario gozou dunha gran difusión no seu tempo. Pondal tamén viu nel a manifestación artística e literaria do celtismo, como un pasado ideal no cal os galegos se deben ollar.
O helenismo e o iberismo
O home libre, a morte pola patria, o sentimento heroico, o guerreiro que Pondal retrata nas súas composicións proveñen da cultura helénica, en concreto do pobo espartano famoso polo seu valor. Pondal acreditaba nunha organización política que concedese a todos os pobos ibéricos. Deste xeito, Galicia quedaría libre do xugo castelán e podería xogar un papel importante en unión con Portugal.
A defensa da lingua galega
Pondal amosouse intransixente na defensa da fala, considerándoa un elemento fundamental da nosa identidade. Traballou esta dimensión ao longo da súa vida e da súa produción literaria.
A figura da muller na súa obra
O tratamento que fai o poeta da figura feminina non é uniforme. En ocasións asómanse na súa obra as heroínas guerreiras ou as fadas. A maior parte das veces, a muller representa a debilidade, aparecendo mesmo como botín para o guerreiro ou como depositaria dun sutil erotismo.