O Galego: Identidade, Diglosia e Superación de Prexuízos Lingüísticos

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,79 KB

A Lingua como Identidade Cultural

As linguas non son soamente sistemas de comunicación; son tamén signos de identidade cultural. As linguas asócianse a unha cultura e a unha comunidade, á que lle proporcionan coherencia. As formas de falar identifícannos como membros dunha comunidade. Se estamos orgullosos desa identidade, non a desprezamos nin a minusvaloramos.

O Bilingüismo Social con Diglosia

Os problemas xorden nas comunidades con bilingüismo social con diglosia, orixinada pola expansión política doutra comunidade.

A Situación do Galego: Un Caso Típico de Diglosia

Desde o punto de vista sociolingüístico, a situación do galego pode describirse como un caso típico de bilingüismo social con diglosia. En Galicia rexístranse dúas linguas diferentes, o galego e o castelán, cunha repartición de usos moi desigual.

  • O castelán é a lingua de prestixio ou lingua alta e, polo tanto, a das comunicacións de carácter formal: a utilizada habitualmente polos sectores dominantes da economía, polos membros da Igrexa e nos diferentes medios de comunicación.
  • O galego, pola contra, é a lingua minorizada ou lingua baixa e segue sendo a propia das comunicacións de carácter informal, mantida sobre todo polas clases baixas e pola poboación rural.

Evolución da Diglosia: Substitución ou Conflito

As situacións de bilingüismo social con diglosia non son estables e, co tempo, tenden a resolverse en dúas saídas opostas:

  1. Pode suceder que a lingua alta acabe desprazando totalmente a lingua propia do territorio. É o que se coñece como substitución lingüística ou glotofaxia.

  2. Tamén pode ocorrer que os falantes da lingua baixa rexeiten a marxinación da súa lingua e inicien un proceso de recuperación de ámbitos de uso. Adoita dárselle o nome de conflito lingüístico cando se reacciona contra a diglosia e se inicia a normalización social da lingua. Trátase de recuperar paulatinamente os ámbitos de uso que lle foran usurpados pola lingua non propia dese territorio.

O Conflito Lingüístico do Galego e o Rexurdimento

No caso do galego, o conflito lingüístico dá comezo co Rexurdimento, ao recuperar o galego a condición de lingua literaria.

Obstáculos para a Normalización: Estereotipos e Prexuízos

Un dos atrancos máis graves para a normalización social do galego son os estereotipos e os prexuízos lingüísticos. Os prexuízos funcionan como argumentos para apoiar ou xustificar unha conduta lingüística, e neles aparecen cristalizadas as ideoloxías lingüísticas.

Que son os Prexuízos Lingüísticos?

Os prexuízos lingüísticos non son outra cousa que xuízos de valor sen fundamento na ciencia lingüística que se emiten sobre unha lingua e/ou sobre os seus falantes. Adoitan formularse como estereotipos ou clixés lingüísticos, case sempre de forma dicotómica.

Prexuízos Lingüísticos Comúns sobre o Galego

Algúns dos prexuízos lingüísticos máis estendidos sobre o galego son os seguintes:

  • A lingua galega vale para a vida rural e afectiva, pero non é útil para o mundo da ciencia e da técnica.
  • O galego representaría o atraso, mentres que o castelán simbolizaría a modernidade.
  • Os que falan galego son "da aldea" ou pertencen a algún sector político determinado.
  • O galego fálase distinto en cada sitio.
  • O "bo galego" é o que fala a xente, mentres que o estándar moderno é un invento de profesores, un idioma artificial.