O Galego Durante a Ditadura Franquista (1936-1975)

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,06 KB

A lingua durante a ditadura franquista

O galego era a lingua máis falada e a única coñecida para a maioría da poboación. Co triunfo das tropas franquistas, a lingua galega perdeu toda posibilidade de acceder ás instancias oficiais e ao uso público. A ditadura franquista baseábase ideoloxicamente nun nacionalismo español exacerbado, así que volveu aplicar unha política de asimilación forzada, por medio da escola, da Administración e da Igrexa.

Nos primeiros anos da posguerra, o clima de temor ante a represión política facía que escribir en galego resultase arriscado, e calquera actuación de fomento e de cultivo da lingua galega podía ser sentida como unha actividade contraria á unidade nacional española. Aínda así, xa desde a década de 1940 apareceron indicios de recuperación do galego como lingua literaria, e esa recuperación consolidouse nas décadas seguintes. Os continuadores do movemento galeguista trataron de evitar a confrontación coa ditadura e centráronse no movemento cultural.

Nesta recuperación cultural tivo un papel destacado a editorial Galaxia, que se creou no ano 1950. Outras iniciativas importantes foron as Revista Grial e a Revista de Economía de Galicia, a colección poética Benito Soto, etc. Na década dos 60 publicáronse gramáticas (Carballo Calero), dicionarios (Eladio Rodríguez, Franco Grande) e comezan a proliferar asociacións culturais (O Galo, Abrente...) que desenvolven un labor importante a prol do galego e de Galicia.

O 17 de maio de 1963 celébrase o Día das Letras Galegas, sendo Rosalía a primeira homenaxeada. No 65 a lingua e a literatura galegas son obxecto de estudo na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago e no 71 créase o Instituto da Lingua Galega (ILG).

Na década de 1960 incrementouse a actividade política clandestina e creáronse dous partidos nacionalistas, o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Pobo Galego (UPG). Mais, xunto ao desenvolvemento destes acontecementos históricos, corre paralelo un proceso de importantes transformacións sociolingüísticas no seo da sociedade. O fenómeno da desgaleguización social avanza durante a etapa da ditadura franquista a un ritmo máis acelerado que o correspondente á primeira fase do século. A desgaleguización na xeración que nace por volta de 1940 é mesmo superior á que se vai producir en xeracións posteriores… Xunto a factores que xa viñan actuando no pasado, aparecen agora outros axentes castelanizadores.

Alteracións no tipo de hábitat

Fronte ás primeiras décadas do século, nas que se detecta un certo crecemento da poboación urbana, na etapa franquista constátase unha tendencia de carácter rerruralizador. Con todo, a partir dos anos sesenta vólvese a notar un incremento poboacional nas zonas industriais galegas, co conseguinte proceso migratorio da poboación rural. Nestes anos, o galego mantíñase na sociedade rural e nas clases populares das cidades. Cando se produciu o éxodo do campo para as cidades, a maioría dos novos cidadáns adaptouse ao esquema diglósico castelán-galego, co emprego da lingua oficial para as situacións formais e o galego para os usos informais e familiares. Moitos educaron os fillos en castelán, rompendo a transmisión da lingua ás novas xeracións.

O ensino

Os órganos e institucións dependentes das estruturas do Estado (administración municipal, provincial, estatal, xustiza, ensino,...) seguen a constituír un importante foco de castelanización, ao empregaren o español como única lingua oficial de relación cos cidadáns. Mais agora, móstrase unha actitude agresiva co galego sen precedentes. O ensino vaise conformar nesta fase nun dos principais focos de castelanización e de desprezo pola lingua do país. Alén disto, o emprego do galego é considerado como unha falta máis ou menos grave. Con todo, dous datos moi importantes e interrelacionados actúan como freo á castelanización: o atraso da escolarización na Galicia (en comparación coas taxas do resto do Estado) e os altos índices de analfabetismo.

A Igrexa

Durante a etapa da ditadura franquista, a Igrexa (acérrima defensora do réxime) e a inmensa maioría dos sacerdotes continúan na mesma liña de negativa ao uso da lingua galega, se ben é certo que algúns sectores moi minoritarios seguen a traballar pola galeguización. O momento clave para a reivindicación dunha Igrexa en galego hase presentar en 1963, cando o Concilio Vaticano II aproba a introdución progresiva das linguas vernáculas na liturxia (até entón en latín). Mais o Arcebispado dá por suposto que a lingua vernácula da Galicia é o español.

Os medios de comunicación

Na etapa da ditadura, os medios de comunicación de masas van experimentar un desenvolvemento descoñecido até o momento, incrementando dunha maneira espectacular a súa influencia social, en particular a radio e a televisión. Da man do desenvolvemento e da expansión dos medios de comunicación, o español incrementa considerabelmente a súa presenza na vida cotiá dos galegos.