Evolución do Teatro Galego no Primeiro Terzo do Século XX
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 6,29 KB
O Teatro do Primeiro Terzo do XX: Irmandades, Vangardas e Grupo Nós
Non se conserva ningún texto dramático da Idade Media (aínda que seguramente existiu). Durante os Séculos Escuros (XVI, XVII, XVIII), cando se produce o esplendor do teatro nas literaturas europeas, o galego non participa, aínda que cabe destacar que houbo un teatro litúrxico e outro de tipo popular que aínda perdura nas diferentes vilas de Galicia.
Do século XVII data a primeira peza teatral conservada na nosa literatura: o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño (1671).
No inicio do século XX, o teatro segue a ser o xénero menos desenvolvido; ademais de haber poucas obras, tardan anos en representarse. Ao longo das tres primeiras décadas prodúcese un progresivo desenvolvemento.
De todas formas, o teatro é o xénero menos cultivado da literatura galega por dúas razóns fundamentais: a exclusión da lingua galega dos espazos públicos cultos debido á diglosia (ademais, o teatro é un espectáculo social fundamentalmente burgués) e as sucesivas prohibicións de representar en linguas diferentes ao castelán.
Etapas do Teatro Galego
Podemos diferenciar catro etapas:
- Un teatro continuador do rexionalismo, coa inserción do galego no medio de espectáculos musicais coa intención de chegar á xente.
- O teatro das Irmandades da Fala (Cabanillas e Villar Ponte), que xa concibe o teatro como medio de concienciación social, de loita contra o analfabetismo e de regaleguización de masas.
- O teatro da Época Nós (Vicente Risco, Otero Pedrayo e Castelao), que o europeíza e universaliza.
- O teatro das vangardas (Rafael Dieste), que une as vangardas co tradicionalismo.
O Teatro Rexionalista (Inicios do XX)
Durante os primeiros anos do século XX, intentábase normalizar o movemento rexionalista (nome que se lle daba ao galeguismo de finais do XIX e principios do XX). Por iso se funda, na Coruña, a Escola Rexional de Declamación (1903), que se inaugurou coa presentación da obra Filla de Galo Salinas, quen presidía a Escola. O obxectivo da Escola era consolidar un grupo de teatro estable que garantise a representación de pezas en galego, o que por forza estimularía a súa redacción.
O autor máis destacado neste primeiro intento foi Manuel Lugrís Freire, con obras como A ponte (1903, primeiro drama galego en prosa), Minia ou Mareiras. Para Lugrís Freire, a esencia do país eran os labregos e os mariñeiros.
O Teatro das Irmandades da Fala
A transición entre o teatro anterior estaría representada por algunhas obras de Leandro Carré Alvarellos (Pra vivir ben casados ou Rexurdimento).
O proxecto político e cultural das Irmandades (oficialización da nosa lingua e concienciación social da defensa da nosa cultura) non foi alleo ao teatro. A importancia que lle concederon a este xénero púxose de manifesto coa publicación de pezas, estudios e informacións variadas, que apareceron en A Nosa Terra.
O seu interese quedou ben reflectido coa creación do Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919), onde se representa como primeira obra A man de Santiña, de Cabanillas. Anos máis tarde, o Conservatorio transformouse en Escola Dramática Galega (1922), e resultou ser a época máis intensa do desenvolvemento do noso teatro.
Os homes das Irmandades non só exerceron o seu labor como escritores, senón tamén como críticos teatrais e tradutores de obras estranxeiras.
Entre as obras máis importantes das Irmandades debemos salientar O Mariscal de R. Cabanillas, xa que mostraba importantes innovacións técnicas.
Antón Vilar Ponte tamén foi un gran promotor do mundo teatral con A patria do labrego, Endre dous abismos ou Almas mortas.
Cotarelo Valledor con Hostia, Xaime Quintanilla con Alén ou Leandro Carré con O corazón dun pedáneo foron outros autores do teatro desta etapa.
O Teatro do Grupo Nós
Aínda que o teatro non foi o xénero máis cultivado polo Grupo Nós, si foi un dos temas que maior interese espertou neles. A xeración Nós non utilizou o teatro como arma política ou pedagóxica, pero si lle deu un pulo extraordinario dende o punto de vista literario, facéndoo participar das correntes europeas. Ademais, con eles aparecen os primeiros elementos simbolistas e surrealistas, superando o realismo do anterior (non só falan de labregos e caciques, tamén de princesas, fantasmas, bocois…).
O teatro de Risco e Otero quedou reducido ao plano literario, pero o de Castelao mesmo foi escenificado en vida do autor e supervisado por el mesmo.
Obras Destacadas do Grupo Nós
- Vicente Risco: A única peza teatral publicada é O bufón de El-Rei, drama simbolista que se desenvolve na época medieval, toca a “materia de Bretaña” e é unha reflexión sobre a maldade e sobre o inevitable do destino.
- Otero Pedrayo: Deixou bastantes pezas escritas: Teatro de máscaras, A Lagarada…
- Castelao: Deixounos Os vellos non deben de namorarse, que é a peza máis famosa do teatro galego. Castelao non concibía o teatro como un simple texto senón como un espectáculo global, polo que adquiren unha grande importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utiliza tamén outras artes, como a música. O motivo do vello namorado repítese tres veces, en tres versións diferentes, nos tres lances. En cada un hai un vello namorado, unha moza e un mozo rival. A morte intervén como personaxe para advertir aos vellos. Finaliza cun epílogo no que aparecen os tres vellos xuntos, mortos, no cemiterio para arrepentírense do seu namoramento e coñecer novas das súas mozas.
O Teatro da Xeración do 22 ou das Vangardas
Representada polas obras de Rafael Dieste como A fiestra baldeira ou O cabalo de xadrez. En ambas pode observarse a tensión entre o individuo e a sociedade.