Análise de 'Follas Novas' de Rosalía de Castro

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,95 KB

Estrutura e temas de Follas Novas

Follas Novas aparece estruturado en cinco apartados:

  • I. Vaguedás
  • II. ¡Do íntimo!
  • III. Varia
  • IV. Da terra
  • V. As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos

Nesta obra encontramos dous bloques temáticos fundamentais:

  • Poesía subxectiva, intimista, metafísica, existencial. Predomina nas dúas primeiras partes do libro, que recollen a subxectividade da autora, quen expresa os seus sentimentos, convertendo o discurso poético nunha reflexión frecuentemente pesimista e angustiada sobre a existencia. Rosalía parte nestes poemas da introspección para chegar a verdades xerais sobre a condición humana. A omnipresencia da desgraza, a conciencia dun destino fatal que arrastra ao sufrimento e a obsesión pola morte son temas recorrentes que conforman a cosmovisión rosaliana.
  • Poesía obxectiva, social, colectiva, solidaria nas partes cuarta e quinta. Insiste no aspecto reivindicativo do popular e do home galego, e supón en certa maneira unha continuación dos Cantares. Con todo, obsérvase unha maior profundidade nos poemas, nos que se denuncia a inxustiza e se analizan as causas e consecuencias da emigración.

A terceira parte é unha transición entre ambos os bloques, de temática variada.

I. Vaguedás

Comeza con reflexións líricas sobre a súa poética, que se revela como resultado do seu desacougo anímico. Rosalía adianta o ton do poemario e descobre como os seus versos agachan, ás veces dun xeito irónico, o seu verdadeiro significado.

II. ¡Do íntimo!

É variado en canto ao punto de vista. Rosalía utiliza un eu lírico, por veces encuberto, identificándose cos suxeitos aos que cede a voz ou aos que canta, de forma que todos eles constitúen un alter ego da propia Rosalía, pois participan da súa mesma cosmovisión.

III. Varia

Móvese entre o subxectivo e o obxectivo, mostrando o carácter complexo que ofrece a realidade en toda a súa extensión. A variedade de temas responde ao título deste apartado, que remata cun poema de carácter social, “Tembra un neno no húmido pórtico”, que serve de ponte para as partes IV e V de poesía obxectiva.

IV. Da terra

Continuación da poesía de Cantares, pero desde unha postura máis crítica e reflexiva.

V. As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos

Ten como tema central a emigración. Algúns poemas que o integran presentan certo carácter narrativo e reflicten a emigración desde o punto de vista obxectivo; outros son máis líricos e expresan os sentimentos das vítimas do éxodo, especialmente das mulleres, que protagonizan a maioría dos poemas. A composición inicial, “¡Para a Habana!”, serve de introdución a este drama colectivo.