A Cultura Galega no Exilio Post-1936
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,71 KB
A Literatura Galega no Exilio (1936-1975)
Como consecuencia da diáspora á que se viron abocados unha boa parte dos intelectuais galegos por mor da represión iniciada en 1936, o centro da actividade literaria galega trasladouse a México e Bos Aires. Nesta última cidade, os exiliados entraron en contacto cos que emigraran antes da sublevación militar (como B. Amor e E. Pita) e comezaron a impulsar revistas, libros e reimpresións, para establecer deste xeito a continuidade dunha cultura ameazada.
O Legado de Castelao no Exilio
De capital importancia foi o labor levado a cabo por Castelao, que se converteu en guieiro da liberdade de Galicia. Destes anos datan as súas obras máis significativas:
- Os vellos non deben namorarse (escrita en parte no exilio e estreada en Bos Aires en 1941)
- Sempre en Galiza (1944)
- As cruces de pedra na Galiza (1950)
Características da Literatura Galega do Exilio
Condicionamentos como a extraterritorialidade, as dificultades editoriais, a instalación en culturas de expresión castelá e a carencia de público lector fixeron que a literatura galega do exilio presentase características especiais:
- O compromiso político galeguista e republicano está na base de toda obra literaria.
- A poesía e a narrativa teñen un forte compoñente autobiográfico, na que destaca a experiencia traumática da Guerra Civil e o desterro.
- A introdución da temática cívico-social na poesía, anticipando unha orientación que será dominante nos anos 60 e primeira metade dos 70 (desterro, emigración, Guerra Civil, represión fascista, saudade do tempo e da patria perdida...).
- A mestizaxe cultural que engade elementos temáticos e estilísticos novidosos.
Autores e Obras Destacadas
Poesía no Exilio
Podemos destacar en poesía a autores como:
- Emilio Pita co poemario Jacobusland, libro testemuño que pon de relevo a traxedia da Guerra Civil en Galicia no medio dunha nostálxica visión da natureza galega.
- Luís Seoane, con obras como Fardel de eixilado, no que, desde un punto de vista moi persoal, canta a epopea anónima da emigración galega; e Na brétema, Sant-Iago e as cicatrices, nas que alentan tres preocupacións principais, sempre enxendradas a través de Galicia: a dimensión social e política, o coñecemento histórico e cultural e o reflexo do mundo artístico.
- Lourenzo Varela con Lonxe, un libro dominado pola angustia do desterro e o afastamento de Galicia.
Narrativa no Exilio
En canto á narrativa, tamén a Guerra Civil vai estar presente. Podemos salientar a autores como:
- Ramón Valenzuela Otero coas novelas Non agardei por ninguén ou Era tempo de apandar, ambas as novelas constitúen un documento narrativo sobre esa época.
- Silvio Santiago coa novela Vilardevós, escrita con sinxeleza técnica e con intención de crítica social.
Teatro no Exilio
No teatro temos que mencionar, ademais da figura de Castelao coa súa obra Os vellos non deben namorarse, a M.V. Buxán, quen representara xa a obra do rianxeiro. Escribiu e representou pezas de liña cómica e sentimental (sen refugar por iso o problema social de Galicia) e a súa ambientación remíteos ao mundo rural. Cómpre salientar:
- Se o sei... non volvo á casa
- O ferreiro de Santán
- Taberna sen dono