Vangarda e Xeración de 1922 en Galicia: literatura, Manuel Antonio e normalización lingüística

Lengua y literaturaActualizado el 11,06 KB

Resumen

O documento expón a renovación literaria da Xeración de 1922 en Galicia, co hilozoísmo, o neotrobadorismo e o vangardismo, e presta especial atención a Manuel Antonio e Rafael Dieste. Tamén recolle a historia social da lingua galega desde 1978, coa Lei de Normalización Lingüística e as organizacións que a impulsaron, e inclúe nocións de uso de maiúsculas e minúsculas.

Puntos clave

  • A Xeración de 1922 renovou a poesía galega nos anos vinte e trinta, aínda que as limitacións sociais impediron un desenvolvemento pleno das vangardas.
  • Os tres movementos principais foron o hilozoísmo (Luís Amado Carballo), o neotrobadorismo (Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro) e o vangardismo (Manuel Antonio).
  • Manuel Antonio, natural de Rianxo, publicou en vida só De catro a catro (1928), unha obra de linguaxe experimental sen rima nin métrica.
  • Rafael Dieste é o principal prosista da Xeración de 1922, con obras como Dos arquivos do trasno (1926) e a peza teatral A fiestra valdeira (1927).
  • A Constitución de 1978 recoñeceu a pluralidade lingüística, e o Estatuto de 1981 estableceu a cooficialidade do galego e do castelán.
  • A Lei de Normalización Lingüística foi aprobada en 1983; o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega chegou en 2004, máis de vinte anos despois.

Ponte a prueba

Literatura: vangarda e xeración de 1922

O tempo das vangardas

Co comezo do século XX aparecen por toda Europa grupos de artistas que rexeitan as súas tradicións culturais, por consideralas caducas e incapaces de expresar as novas realidades culturais e científicas. A situación política e os cambios sociais favorecen a aparición destes movementos, que pretenden reflectir as formas da vida moderna, moitas veces en aberta ruptura con todo o anterior. Os principais movementos de vangarda son o futurismo, o cubismo, o dadaísmo e o surrealismo, que difundían as súas ideas a través de manifestos de carácter provocador.

A renovación poética en Galicia

Tamén nos anos vinte e trinta do século pasado prodúcese en Galicia, da man da Xeración de 1922, unha fonda renovación literaria, sobre todo poética. Non obstante, as limitacións sociais nas que se producía a cultura galega impediron o desenvolvemento pleno de movementos vangardistas.

A renovación poética en Galicia

A renovación poética en Galicia cristalizou, sobre todo, en tres movementos:

  • Hilozoísmo. Ten no poeta Luís Amado Carballo a súa figura principal. Este autor, que finou cando só tiña 26 anos, deixou dous libros de poemas, Proel (1927) e O galo (1928). A súa é unha poesía na que atopamos unha paisaxe humanizada, con innovadoras imaxes de carácter sensorial, nas que se aprecia a influencia vangardista.
  • Neotrobadorismo. Recupera as estruturas formais da lírica medieval e algúns dos seus temas, pero desde unha sensibilidade contemporánea. Os principais poetas desta tendencia foron Fermín Bouza Brey, co seu libro Nao Senlleira (1933), e Álvaro Cunqueiro, con Cantiga nova que se chama Riveira (1933).
  • Vangardismo. Está representado polos poetas que asumiron propostas dos movementos de vangarda. É o caso de Álvaro Cunqueiro, con libros como Mar ao norde (1932) e Poemas do si e do non (1933). Salienta tamén Manuel Luís Acuña, co seu libro Firgoas (1933). Mais o poeta máis destacado é Manuel Antonio, cunha obra moi influída polo creacionismo.

Manuel Antonio

Vida e obra

Naceu en Rianxo, no ano 1900. Dende moi novo estivo vinculado ao movemento das Irmandades da Fala. Durante os seus anos mozos mantivo contacto cos homes do grupo Nos, así como con compañeiros da súa xeración: Rafael Dieste, Álvaro Cebreiro, etc.

Aínda que moitos poemas seus apareceron en periódicos e revistas, en vida só publicou un libro, De catro a catro (1928), a súa obra máis importante. É o diario poético dunha viaxe polo mar e, ao tempo, dunha viaxe interior marcada pola soidade e a ausencia. Os outros libros que deixou permaneceron inéditos ata 1972: Con anacos do meu interior, Follas, Sempre e máis despois e Viladomar, que deixou inacabado.

A obra de Manuel Antonio caracterízase por empregar unha linguaxe experimental e renovadora, na que elimina a rima, a métrica, a división estrófica e o ritmo. Trátase dunha poesía conformada por unha sucesión de imaxes novidosas, ausentes de todo sentimentalismo.

Rafael Dieste

A renovación da prosa e do teatro

Rafael Dieste naceu tamén en Rianxo. Autor de obras narrativas, teatro e ensaio, é o principal prosista da Xeración de 1922. En toda a súa obra latexa un espírito anovador, afastado do realismo costumista que daquela predominaba na prosa galega. O seu libro de relatos Dos arquivos do trasno (1926) é unha boa mostra da modernidade da súa narrativa.

A obra de teatro A fiestra valdeira (1927) é unha peza orixinal e innovadora, que contribuíu a que o noso teatro acadase unha riqueza formal e temática descoñecida até daquela.

Sociolingüística

Historia social da lingua galega: de 1978 á actualidade

Coa fin da ditadura, en 1975, e a instauración da democracia lévanse a cabo importantes cambios:

  • A Constitución española, aprobada en 1978, recoñece a pluralidade lingüística do Estado e abre o camiño da descentralización a través da súa organización en comunidades autónomas.
  • En Galicia, o Estatuto de Autonomía aprobouse en 1981 e nel establécese a cooficialidade do galego e do castelán, ademais de recoñecerse o galego como lingua propia de Galicia.
  • Todas as comunidades autónomas de España que recoñecen nos seus estatutos a cooficialidade das súas linguas propias aprobaron leis de normalización lingüística. En Galicia, a Lei de Normalización Lingüística foi aprobada por unanimidade no Parlamento en 1983 e ten como obxectivo protexer e fomentar a lingua galega, co fin de convertela nunha lingua de uso normal. O seu artigo 1 establece que: “O galego é a lingua propia de Galicia. Todos os galegos teñen o dereito de coñecelo e de usalo”.

O proceso de normalización levado a cabo en Galicia presenta estas características:

  • Centrouse principalmente no ámbito do ensino e, en menor medida, na Administración, relegando outros ámbitos tamén importantes, como o empresarial, o xudicial ou o sanitario.
  • Non estivo sometido a unha organización e planificación previas, de xeito que dependeu en moitos casos da boa vontade dos axentes implicados. Isto supuxo unha falta de continuidade nas medidas adoptadas, así como un escaso ou nulo seguimento.

Cómpre esperar ata o ano 2004, máis de vinte anos despois da Lei de Normalización, para que se elabore e sexa aprobado por unanimidade un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. A pesar disto, a súa aplicación está a ser lenta e custosa, en parte por falta de implicación política e tamén por falta dos recursos necesarios.

A sociedade civil intenta compensar estas carencias e existen diferentes organizacións que loitan pola normalización da nosa lingua, como a Mesa pola Normalización Lingüística (creada no ano 1986), a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (fundada en 1995) ou Prolingua (no ano 2009).

Lingua

Maiúsculas e minúsculas

Casos en que se usan maiúsculas

  • Na letra inicial da primeira palabra coa que comeza un texto e despois de punto e seguido, punto e aparte e doutros signos (interrogación, admiración, puntos suspensivos) cando equivalen a punto. Exemplo: Para, Félix! Son as cinco da tarde, unha hora menos en Canarias. Iso dician sempre os locutores.
  • Nos nomes de pila, apelidos e alcumes: Lourenzo, Sabela, Pereira, o Gato.
  • Nos nomes de lugar: Lugo, Celanova, Rodeiro, Narón, Pazos de Borbén. Se o topónimo comeza por artigo, este mantense en maiúscula, agás cando contrae con preposición: O Porriño — Hoxe merquei pan do Porriño; A Fonsagrada — Ao vir de volta haberemos pasar pola Fonsagrada.
  • En todos os substantivos e adxectivos dos nomes de institucións, organismos e empresas: Real Academia Galega, Xunta de Galicia.
  • Nos títulos de obras literarias e artísticas e dos programas de radio e televisión escríbese con maiúscula inicial a primeira palabra: O lápis do carpinteiro (Manuel Rivas); A noite estrelada (Van Gogh); Xabarín Club (TVG). Nas publicacións periódicas (xornais, revistas...) escríbense con maiúscula inicial todas as palabras agás as preposicións: Tempos Novos, Faro de Vigo.
  • Nas siglas: IVE, FIFA, UE.
  • Nas formas abreviadas de tratamento: Vd. (vostede), Sra. (señora), Dra. (doutora).

Casos en que se usa inicial minúscula

  • Nos nomes de cargos, títulos e profesións: a presidenta, a xuíza, o rei.
  • Nas formas de tratamento non abreviadas: dona Clara.
  • Nas denominacións dos días da semana, dos meses e das estacións: luns, outubro, verán.
  • Nos nomes dos puntos cardinais: norte, sur, leste, oeste.

Exemplos de contracción e uso de apóstrofo:
Hoxe fun á presentación de O corazón de Xúpiter.
Tamén se pode escribir: Hoxe fun á presentación d'O corazón de Xúpiter (uso do apóstrofo cando hai contracción coa preposición).

Vocabulario

Glosario de termos e definicións:

Parlamentario
Membro do parlamento.
Hemiciclo
Espazo en forma de semicírculo, en particular o redondeado de bancadas destinadas aos membros dunha asamblea.
Conserxe
Persoa empregada subalterna que realiza determinados labores nun edificio oficial ou público.
Escanos
Lugar ocupado por un membro do parlamento.
Voceiro/a
Persoa ou medio autorizado para falar en nome doutra persoa, grupo, etc.
Quórum
Número mínimo de membros presentes nunha asemblea para que teñan validez os acordos tomados.
Pleno
Reunión xeral dunha corporación á que deben asistir todos os seus membros.
Solicitude
Escrito mediante o cal se solicita algo de maneira formal.
Taxa
Cantidade de diñeiro que se debe pagar a algún ente público por determinados servizos.
Licenza
Documento oficial que acredita que se pode realizar unha actividade suxeita a regulamentación.
Elector/a
Persoal que ten dereito a participar nunha elección.
Decreto
Resolución ou decisión da xefatura de Estado, goberno ou autoridade.
Competencia
Facultade que ten unha persoa ou organismo para resolver un asunto.
Orzamento
Cálculo anticipado do custo dunha obra ou dun servizo.
Regulamento
Conxunto de regras que regulan unha actividade ou o funcionamento dun organismo.
Cámara
Asemblea lexislativa.
Tixola / fritideira
Utensilio de cociña metálico, de forma redonda, pouco fondo e con mango longo, no que se friten os alimentos.
Molleira / salseira
Recipiente empregado para servir salsas.
Olla / pota
Recipiente de metal ou de barro en forma de cilindro, con tampa, que se usa para facer a comida.
Neveira / refrixerador
Electrodoméstico dotado dun sistema frigorífico, utilizado para conservar os alimentos, arrefriar bebidas…
Vaixela / louza
Conxunto de pratos, fuentes e demais recipientes que se empregan para servir a mesa.

Descargar

PDF Word HTML

Preguntas frecuentes

Quen foi Manuel Antonio?

Manuel Antonio foi un poeta nado en Rianxo en 1900, vinculado ao movemento das Irmandades da Fala e ao grupo Nos. A súa obra máis importante é De catro a catro (1928), un diario poético marcado pola soidade e a ausencia.

Que características ten a poesía de Manuel Antonio?

Emprega unha linguaxe experimental e renovadora, elimina a rima, a métrica, a división estrófica e o ritmo, e constrúe unha sucesión de imaxes novidosas sen sentimentalismo.

Cal foi o principal prosista da Xeración de 1922?

Rafael Dieste, autor de narrativa, teatro e ensaio, afastado do realismo costumista que predominaba na prosa galega daquela.

Que di o artigo 1 da Lei de Normalización Lingüística?

Establece que o galego é a lingua propia de Galicia e que todos os galegos teñen o dereito de coñecelo e de usalo.

Ponte a prueba

Tarjetas de repaso

Pulsa una tarjeta para ver la respuesta.

Test

1. Cal é o título da obra máis importante de Manuel Antonio, publicada en vida?
2. Que movemento tiña a Luís Amado Carballo como figura principal?
3. En que ano se aprobou o Estatuto de Autonomía de Galicia?
4. Cal foi o ámbito no que se centrou principalmente o proceso de normalización en Galicia?
5. Que obra de Rafael Dieste é un libro de relatos publicado en 1926?
6. Cales dos seguintes son movementos de vangarda citados no texto?

Preguntas generadas con IA a partir del documento: comprueba las respuestas con el texto.