Os tres grandes do Rexurdimento: Rosalía, Curros e Pondal
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 6,51 KB
Rosalía de Castro: A obra e o Rexurdimento
Rosalía de Castro é a primeira e grande escritora da literatura galega contemporánea. A súa obra insírese no Rexurdimento pleno. De feito, a publicación de Cantares Gallegos, en 1863, supón o arranque desta etapa. Con este libro demóstrase a viabilidade dunha literatura feita en galego e, ao mesmo tempo, aparece unha conciencia decidida á hora de defender o idioma e a identidade galegos. Follas Novas (1880) inicia unha década de prestixiosos títulos na nosa lingua, á vez que abre a poesía da autora a novas técnicas e aos temas da literatura universal.
Características da súa obra
Os trazos comúns ao conxunto da súa produción pódense agrupar ao redor de tres aspectos:
Os temas
Os temas máis recorrentes son:
- A reivindicación do uso da lingua galega.
- A defensa de Galicia, a través da dignificación dos valores da sociedade rural e da denuncia do desprezo exercido contra a nosa cultura.
- A denuncia dos problemas económicos e sociais que padecía a nosa terra, entre os que estaban a emigración ou a propiedade da terra.
- A crítica da discriminación á que era sometida a muller no seu tempo e a reivindicación dun protagonismo social activo para ela.
A lingua
Rosalía emprega unha lingua coloquial e espontánea cunha sintaxe e cun léxico sinxelos. Nunha etapa de carencia dunha norma estándar, á hora de escribir, a autora baseouse, fundamentalmente, na fala da área compostelá.
O estilo
De aparente sinxeleza, baséase nunha reelaboración culta das formas da poesía popular. Bota man dos recursos propios da literatura popular baseados no contraste e na repetición de palabras ou de estruturas.
Cantares Gallegos (1863)
O 17 de maio de 1863 publicouse o primeiro libro da literatura galega contemporánea. Está integrado por trinta e seis poemas nos que a poeta lles dá voz a unha rapaza da nosa terra e a outros personaxes do mundo rural. En realidade, está a prestarlle voz ao mundo galego. A técnica da que se vale formalmente consiste en desenvolver unha cantiga popular ao comezo ou ao remate do poema.
As composicións agrúpanse nos seguintes núcleos temáticos:
- Costumistas: Mostran o xeito de vivir das xentes do mundo rural e afástanse dos tópicos ridiculizadores a que estas eran sometidas.
- Sociais: Denuncian a marxinación á que estaba sometida Galicia polo poder central. Critícanse problemas como a miseria dos campesiños, a burla que se fai deles fóra do país, a emigración ou o caciquismo.
- Intimistas: De carácter máis subxectivo, expresan as vivencias máis fondas da autora, xeradoras de sentimentos de dor ou de saudade.
Follas Novas (1880)
Está dividido en 5 partes, que constitúen os seguintes núcleos poéticos: Vaguedás, Do Íntimo, Varia, Da Terra... Aborda temas sociais e costumistas, pero introduce un tema novo: a reflexión filosófica e existencial, a expresión da saudade e a angustia fronte á infelicidade e a dor humanas. Adóitanse clasificar as composicións en dous núcleos temáticos:
- Poesía subxectiva: De carácter máis intimista e existencial, prevalece nas 2 primeiras partes. Abundan os temas da angustia, do desacougo, do sufrimento e da morte.
- Poesía obxectiva: De carácter máis colectivo, está presente, sobre todo, nas dúas partes derradeiras. Pásalles revista aos problemas da emigración, a pobreza do eido rural ou a situación de dependencia da muller labrega.
A Prosa de Rosalía
Con ser unha excelente poeta, Rosalía foi tamén pioneira no cultivo da narrativa en galego. A súa produción en prosa está conformada polos prólogos dos seus 2 poemarios e máis por Un Canto Galego. Esta é unha narración popular que, valéndose como fío argumental da aposta de dous homes por conquistar unha viúva á que lle acababan de enterrar o marido, afonda na escasa consideración da que gozaba a muller na sociedade rural da época.
Manuel Curros Enríquez (1851)
Curros naceu en Celanova en 1851.
Obra poética
Aínda que escribiu moito, a obra poética en galego de Curros é relativamente reducida. É autor de 2 libros, Aires da miña terra e O Divino Sainete, e dunha serie de poemas que quedaron ciscados en distintas publicacións periódicas. Entre estes destaca o titulado "Na chegada a Ourense da primeira locomotora", no que fai un canto ao progreso.
Aires da miña terra (1880)
Esta obra foi publicada en 1880, igual ca Follas Novas de Rosalía. O libro provocou o escándalo máis soado da historia da literatura galega, porque incluía moitos poemas nos que criticaba o caciquismo e a Igrexa. En Aires da miña terra recóllense tamén tres longos poemas costumistas: A Virxe do Cristal, Unha voda en Einibó e O Gaiteiro de Penalta, cos que Curros gañara un certame poético celebrado en Ourense. O máis importante destes é A Virxe do Cristal.
O Divino Sainete (1888)
Este libro apareceu en 1888 e é o segundo e último libro de Curros. Trátase dun extenso poema burlesco, cun forte ton anticlerical, no que Curros ridiculiza os seus inimigos.
Lingua e estilo
Curros emprega o galego dialectal de Celanova, aínda que selecciona o léxico e a sintaxe á procura dunha maior expresividade.
Eduardo Pondal (1835)
Traxectoria e contexto
Naceu en Ponteceso en 1835. O seu rexistro lingüístico é o dialectal de Bergantiños. Estudou Bacharelato en Santiago. Tras licenciarse en Medicina e traballar nesa profesión, retorna á súa casa. Participou en numerosas sociedades literarias e en tertulias como a Cova Céltica, constituída por un grupo de intelectuais.
Aspectos literarios e temáticos
A paisaxe sérvelle de marco espacial para o mundo mítico que recrea. Aparece retratada como dura, salvaxe e agreste.
A primeira publicación foi A campana de Anllóns, incluída no Álbum de la Caridad (1862).
O Queixume dos Pinos (1886)
En 1886 publica O Queixume dos Pinos. O fío condutor é o bergantiñán que escoita o queixume dos pinos. A continuación aparecen os queixumes en boca do bardo, e o bo bergantiñán acláraas. A poesía de Pondal ten elementos caracterizadores propios.