Teorías Éticas e de Xustiza: Guía Filosófica Completa
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 9,6 KB
Valores Morais: Guías para a Acción Ética
Os valores morais sérvennos como guías para a nosa acción e orientan o noso comportamento moral. Todos os valores comportan un "deber ser"; pero os valores éticos, ademais deste deber ser, implican un deber facer, sendo unha prescrición ou norma que temos que cumprir.
Os valores éticos clasifícanse segundo diferentes puntos de vista, como os públicos ou os privados.
Teorías Éticas da Felicidade
O Eudemonismo de Aristóteles
As teorías éticas propoñen distintos modelos de vida feliz. A primeira delas é a ética do Eudemonismo, cuxo máximo expoñente é Aristóteles, un dos filósofos máis importantes da antigüidade (nado en Macedonia, país de orixe de Alexandre Magno).
O Ben Superior e a Autorrealización
Segundo Aristóteles, o ben superior é a Felicidade, que se alcanza ao lograr as metas propias do ser humano. A máis importante é a autorrealización a nivel teórico e práctico.
Os ingredientes dunha vida feliz son:
- Gozar dun certo nivel de riqueza.
- Ter saúde.
- Ter amizades.
Pero, ante todo, o ser humano acada a felicidade a través do uso da súa propia razón e do seu afán por coñecer o mundo natural, persoal e social.
O Cinismo: A Busca da Autonomía Persoal
O Cinismo foi unha filosofía orixinal que apareceu en Atenas no século IV a.C., promovendo un novo modo de vida centrado nos problemas éticos.
Representantes e Principios Cínicos
Os seus principais representantes foron:
- Antístenes (fundador, discípulo de Sócrates e Gorgias)
- Dióxenes de Sinope
- Crates
Antístenes desenvolvía a súa actividade fóra das murallas de Atenas, preto do mercado. Adoitaba reunirse a conversar nos espazos reservados aos sectores marxinais e de orixe estranxeira. O seu aspecto externo (viste pobremente e leva sempre bastón e un fardel) simboliza o seu rexeitamento explícito da cultura dominante.
Antístenes manifesta un claro desprezo pola vida social e as institucións da polis, preocupándose pola seguridade do individuo, pola busca interna da autonomía persoal e pola felicidade terreal.
Outra das ideas destacadas polos cínicos foi o Cosmopolitismo, que significa ser cidadán do mundo; o soño dun mundo sen fronteiras como un único ideal político digno do ser humano.
En xeral, os cínicos desprezaron a riqueza, a fama, a vida luxosa e superficial, a nobreza de sangue e consideraron que o amor ao diñeiro é a fonte de todos os males.
Felicidade Cínica (Autarquía)
A felicidade consiste en ser autosuficientes, o que implica:
- Levar unha vida sinxela e austera.
- Vivir á marxe das convencións sociais.
- Desprezar as comodidades, os praceres e as ostentacións.
O Hedonismo de Epicuro: A Ataraxia e o Pracer Calculado
A ética hedonista de Epicuro de Samos (séculos IV-III a.C.) afirma que a felicidade consiste en experimentar o pracer e evitar a dor. O hedonismo individualista defende como ideal ético o goce ben calculado (hedoné).
Pracer Calculado e Ataraxia
- Virtude: Ser prudentes na busca do pracer, tendo en conta que sempre hai que evitar a dor intermedia e futura.
- Felicidade: Pracer ben calculado, que leva á Autarquía (bastarse a si mesmo).
- Estado Ideal: A Ataraxia (paz e equilibrio interior).
Epicuro estableceu a súa escola en Atenas, chamada "O Xardín", onde participaban familiares, amigos, mulleres filósofas e escravos. Entre os seus escritos hai que destacar a "Carta a Meneceo". Na época romana, o poeta Lucrecio reuniu as súas ideas no libro "De Rerum Natura".
Epicuro recomendaba vivir retirados e afastados das guerras políticas. Se vives consonte á natureza, nunca serás pobre; se vives segundo as opinións, nunca serás rico. Para el, o pracer é a ausencia de dor no corpo e de confusión ou inquietude na alma.
Non todos os praceres son igualmente desexables; só os desexos e praceres naturais merecen a aprobación de Epicuro. A paixón polo poder, a fama ou o diñeiro perturba o equilibrio interno. O maior pracer para Epicuro é o cultivo da amizade.
As Fontes da Dor e da Infelicidade (Segundo Epicuro)
- As paixóns desatadas sen o freo da prudencia.
- O temor aos deuses.
- O futuro.
- O medo á morte.
- O descoñecemento da natureza das cousas e das leis que rexen a vida.
A Ética Cristiá: O Eudemonismo Teolóxico de Tomé de Aquino
A ética de Tomé de Aquino céntrase na felicidade e acepta tres características:
- O intelectualismo.
- O eudemonismo.
- O carácter teolóxico con elementos novos.
Para Aquino, a felicidade terreal non é absoluta nin total. A perfecta felicidade consiste na Visión de Deus, á que se chega a través do amor.
As accións que se basean no amor e na natureza achégannos á presenza divina, e son malas as que nos afastan de Deus, xa que grazas a el somos felices.
A Ética do Deber Kantiano: Razón e Imperativo Moral
Immanuel Kant define a felicidade como un estado onde a un ser lle vaia todo ben. Non obstante, cando a vontade busca a felicidade, a conduta non é absolutamente moral. Kant recoñece o Sumo Ben como síntese de virtude e felicidade.
Felicidade e Moralidade
- Felicidade: É un ideal imposible de acadar nesta vida (satisfacción plena das necesidades e desexos).
- Actuar Moralmente: Actuar sempre con respecto ao deber, nunca por capricho.
Kant distingue dous tipos de mandatos ou obrigas morais que temos todos os seres humanos:
- O deber de autoperfeccionarnos: A necesidade de formarnos un carácter e de autoeducarnos.
- Deberes cara á propia persoa: Como animais que somos, temos prohibido o suicidio, a gula e vivir sen pudor. Non debemos mentir, nin ser avariciosos, nin falsamente humildes.
Caer en calquera destes vicios é a negación da propia dignidade.
A Dignidade Humana e a Fraternidade
Para Kant, a fraternidade vén imposta como obriga moral. Esta obriga inclúe o amor ao próximo e o feito de facer propios os fins dos outros, sen esixirlle a ninguén que renuncie a si mesmo para ser escravo dos nosos propios fins.
Kant condena moralmente as condutas que conleven a cousificación das persoas. Os seres humanos teñen dignidade, e non prezo, como lles acontece ás cousas ou ás mercadorías.
Só no caso de que estes deberes morais se cumprisen, sen excepción, por todos e cada un de nós, só entón a felicidade sería un feito.
Teorías Clave sobre a Xustiza
A Teoría da Xustiza de Platón
A súa teoría representa o equilibrio de tres virtudes:
- Prudencia
- Fortaleza
- Temperanza
A harmonía debe gobernar o individuo, do mesmo xeito que a xustiza goberna os grupos sociais.
A Teoría da Xustiza de Aristóteles
Para Aristóteles, a xustiza consiste en "dar a cada un o que é debido". Distingue dúas clases de xustiza:
- Xustiza Distributiva: Distribución das vantaxes e desvantaxes dunha sociedade segundo o mérito.
- Xustiza Conmutativa: Restauración da igualdade perdida, danada ou violada, a través dunha reparación ou dun contrato.
A Teoría da Xustiza de John Rawls: O Velo de Ignorancia
John Rawls, autor norteamericano da obra "Teoría da Xustiza", inspirado na ética de Kant, elabora a súa teoría da xustiza. Se unha sociedade quere ser xusta, os seus habitantes teñen que pactar (Contrato Social) as condicións necesarias para alcanzar acordos que propicien unha auténtica xustiza social, evitando caer na arbitrariedade ou na parcialidade.
A Posición Orixinaria
Rawls expón a situación ideal desde a que os integrantes dunha sociedade deben acordar os principios da xustiza, coñecida como Posición Orixinaria (similar ao "Estado de Natureza", onde os individuos son iguais).
A posición orixinaria consiste nun proceso de condicións:
- Aceptar que todos os cidadáns son iguais ante a lei e socialmente.
- Respectar a liberdade de todos coma se fose a propia.
- Aceptar o "Velo de Ignorancia" na toma de decisións.
O Velo de Ignorancia implica que os cidadáns acorden os principios de xustiza sen saber previamente se van saír beneficiados ou desfavorecidos con eles. Nisto consiste a imparcialidade, evitando que cada un defenda os seus intereses privados e deixando de lado os prexuízos.
Principio de Diferenza: En caso de necesidade, os principios acordados favorecerán sempre aos máis necesitados, aínda que isto supoña o prexuízo de colectivos con mellores condicións de vida.
Na década dos 80, como sinala Adela Cortina, estalaron en Norteamérica disputas pola teoría Rawlsiana da xustiza, non só por parte dos neoliberais (ao estilo de Nozick) que a consideraban excesivamente socialdemócrata, senón tamén polos comunitarios, que están de acordo, pero que tamén queren que se imparta a súa teoría.