Sociolingüística: Linguas Hexemónicas, Minorizadas, Diglosia e Conflito Lingüístico
1. Linguas hexemónicas, linguas minorizadas e linguas minoritarias
Chamamos linguas hexemónicas a aquelas que gozan dun gran prestixio social, xa que están apoiadas por un poder económico e político que as potencia. Fronte a estas linguas, están as linguas minorizadas, que son aquelas que, aínda sendo as propias dun territorio, están sometidas a condicións que fan que as súas funcións se vexan restrinxidas.
A principal condición é a existencia dunha lingua allea en orixe ao territorio que as despraza, e que é lingua hexemónica. Así, a lingua propia do territorio vai perdendo prestixio e ámbitos de uso (fenómeno de restrición) fronte á lingua foránea, que vai ocupando eses ámbitos (fenómeno de expansión).
O número de falantes non ten que ver con ser unha lingua minorizada, pois pode ter igual ou maior número de falantes ca a lingua allea. As linguas que teñen escaso número de falantes chámanse linguas minoritarias, pero non por iso teñen por que ser minorizadas (por exemplo, en Finlandia, o sueco non chega ao 10 % de falantes e, con todo, está en igualdade co finés).
O feito de que unha lingua se converta en minorizada non é natural, senón o resultado de diversos procesos históricos que conduciron a isto. No caso galego, a política lingüística de substitución que comezou no século XIII e rematou no século XV cos Reis Católicos fixo que a lingua deixase de usarse nos altos estamentos e quedase relegada a ámbitos familiares e rurais, arrastrando certas ideas negativas a partir dese momento que aínda perviven hoxe.
A actitude dos estados é diversa ante o problema das linguas minorizadas: pode ir desde o recoñecemento legal, como é o caso de España, ata o obstrucionismo do desenvolvemento destas linguas, como é o caso francés. En xeral, a situación das linguas minorizadas é preocupante, pois poden chegar a desaparecer. Para evitalo, debe poñerse en práctica unha política lingüística eficaz, é dicir, adoptar medidas que favorezan que esa lingua sexa de uso normal.
2. Bilingüismo e diglosia
A coexistencia de dúas linguas nunha sociedade provoca que os falantes poidan expresarse en dúas linguas, no que se dá en chamar bilingüismo, un fenómeno habitual no mundo (5000 linguas repartidas en 200 estados así o demostran). Porén, en moitas ocasións tamén produce que haxa desigualdades, dando lugar ao que chamamos diglosia.
Tipoloxía do bilingüismo
Cando falamos de bilingüismo debemos diferenciar entre:
- Bilingüismo individual: capacidade dunha persoa para expresarse ao mesmo nivel, polo menos oralmente, en dúas linguas. A nivel individual diferénciase entre:
- Activo: falar e entender dúas linguas.
- Pasivo: entender as dúas linguas e falar só unha.
- Bilingüismo social: refírese á comunidade que se expresa en dúas linguas.
Algo diferente é poder falar dun bilingüismo social en situación de igualdade para ambas as linguas, pois o individuo tende a usar unha das linguas maioritariamente. Polo tanto, é difícil que nunha sociedade se dea o bilingüismo harmónico, é dicir, usar as dúas linguas igualmente dentro dunha comunidade.
A diglosia e os seus tipos
O que adoita ocorrer é que o falante empregará unha das linguas como lingua A (dominante ou hexemónica) para usos que lle parecen máis cultos, e reservará a outra como lingua B (minorizada ou dominada) para usos informais. A este desigual reparto de usos entre linguas chamámoslle diglosia, e diferenciamos dous tipos:
- Endodiglosia: prodúcese entre variantes da mesma lingua (en Marrocos, o árabe clásico é o oficial fronte ao árabe magrebí, que se usa coloquialmente).
- Exodiglosia: dúas linguas diferentes úsanse en ámbitos diferentes (en Galicia, o que ocorre co galego e o castelán).
3. O conflito lingüístico e o ecolingüismo
Pode ocorrer que a lingua minorizada reclame os ámbitos de uso que ocupa a lingua hexemónica, e é entón cando se produce o conflito lingüístico.
Causas do conflito lingüístico
As causas son varias, destacando:
- Os procesos históricos de expansión e unificación política.
- A presión cultural e económica que unha lingua produce noutra.
Este é o caso do galego: ao comezar o castelán a substituílo nos usos cultos, acabou por establecer na sociedade diferenzas de clase por razóns lingüísticas, chegando a identificar o castelán como a lingua das clases superiores e o galego como lingua das clases populares. Para ascender socialmente cambiábase de lingua, e así o castelán foise estendendo na sociedade.
Consecuencias do conflito lingüístico
As consecuencias son variadas, destacando a falta de autoestima que produce nos falantes da lingua B, que chegan a sentir autoodio pola propia lingua (isto prodúcese nomeadamente nas clases medias urbanas). Ao mesmo tempo, os que si permanecen fieis ao idioma propio ven como un acto de deslealdade o abandono da lingua por parte dos que non a queren usar. Deste xeito, o conflito lingüístico maniféstase abertamente na sociedade.
Posturas perante o conflito: uniformismo fronte a ecolingüismo
Ante esta loita lingüística adoita haber dous posicionamentos:
- Uniformismo lingüístico: defende o uso dun único idioma. Cando unha lingua desaparece (á cal conduce o uniformismo), tamén desaparece a forma de ver o mundo dunha comunidade.
- Ecolingüismo (ou ecoloxismo lingüístico): defende que cada comunidade lingüística conserve e promova a súa propia lingua, establecendo a allea como segunda lingua para as relacións con outras comunidades diferentes, na liña de defensa da diversidade cultural e lingüística.
Como xa dixemos, esta situación só se pode resolver mediante unha política lingüística axeitada que axude á normalización do idioma.