Sistemas Normativos, Ética e Estrutura do Estado: Unha Análise Política e Xurídica
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 22,9 KB
Conceptos Fundamentais de Ética e Dereito
1. Que é un sistema normativo?
Un sistema normativo é o conxunto de regras, pautas ou leis que regulan o comportamento. Debe presentar coherencia para ser eficaz e xusto. Contan con códigos de comportamento (leis morais, éticas, xurídicas, etc.) distintos en cada sociedade, e a infracción destes pode dar lugar a sancións.
2. Que é o ben?
Existen diferentes puntos de vista sobre o que é o ben:
- As éticas da felicidade din que o ben é o que nos produce pracer, o útil, ou o que conxuntamente pensamos que é bo.
- As éticas do deber din que o ben é seguir as normas xustas.
3. O deber
O deber defínese así:
- Dende o punto de vista obxectivo: é unha obriga cuxo cumprimento está esixido por unha lei.
- Dende o punto de vista subxectivo: é a obriga ou necesidade que temos de facer algo para conseguir un fin.
4. Dereitos innatos
A afirmación dos dereitos innatos xurdiu debido ao poder absoluto do rei, o que motivou a necesidade de afirmar a existencia de dereitos anteriores á potestade lexislativa do monarca. Denomínanse “dereitos do home” aos que toda persoa ten polo feito de ser persoa. Tamén son chamados dereitos naturais. Actualmente recóllense na “Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán”, publicada a finais do século XVIII.
5. A noción de persoa
Segundo o filósofo latino Boecio (s. IV): “Substancia individual de natureza racional”:
- Substancia individual: o ser humano pode subsistir por si mesmo (é individuo e ten autonomía).
- Natureza racional: o ser humano é natureza como os demais seres, pero dotada de racionalidade (autoconciencia, vontade e sociabilidade).
6. A postura de Kant
Kant afirma que o específico da natureza humana reside na liberdade, racionalidade e autonomía de cada un. Ser persoa é ser libre e consiste na posibilidade de elixir. Kant, non obstante, deixa un problema sen resolver: o conflito entre o ser humano (autónomo e libre) e a sociedade.
7. A noción de cidadán e de cidadanía
O concepto persoa destaca a visión individualista e autónoma do ser humano, mentres que o de cidadán se fixa na súa dimensión social e de vida en comunidade. O cidadán que está nunha comunidade política ten unha serie de dereitos e obrigas. O cidadán é a relación política entre un individuo e unha comunidade política (Estado), da cal o individuo é membro e ao cal lle debe lealdade, e á cal esa comunidade debe protexer.
8. Legalidade e lexitimidade
- Legalidade: ámbito xurídico, algo legal é algo que se fixo de acordo coas leis dun país.
- Lexitimidade: ámbito ético e moral, algo lexítimo é algo que, ademais de ser legal, está de acordo cos valores e principios morais da xustiza.
9. Dereitos: clases e propiedades
As clases de dereito son: dereitos individuais e civís, dereitos políticos e dereitos de promoción. As propiedades do dereito son aumentar o meu poder de actuar, teñen un poder simbólico, son realidades mancomunadas e non son propiedades reais, senón posibilidades reais.
Ética Pública e Acción Política
1. O modelo teórico
O modelo de ética pública debe presentar un conxunto de valores e normas aceptables por calquera intelixencia informada, racional e imparcial, que cumpra os criterios de verdade ética estudados e debe coordinar a autonomía persoal e a heteronimia moral. Ademais, debe constar polo menos dos seguintes contidos: recoñecemento de dereitos individuais previos á lexislación, rexeitamento das diferenzas non lexítimas, participación no poder político, racionalidade no poder político, racionalidade como forma óptima de resolver os conflitos, seguridades xurídicas, función social da propiedade, políticas de axuda.
2. Comparación con outras teorías
Como nos ensinou Popper, as teorías deben probar a súa firmeza enfrontándose con outras teorías. Así, as grandes teorías éticas clasifícanse en:
- Éticas materiais: defenden que existe un fin que guía o noso comportamento moral e establecen unha serie de normas para alcancelo.
- Éticas formais: din como se debe atopar ou realizar o ben, sen falar da felicidade nin dar normas concretas (defendidas por Kant).
Os defensores do dereito natural consideran que as normas derivan da natureza humana e por iso son universais e inmutables.
3. A acción política
A acción política é imprescindible para realizar o modelo ético; é o modo de organizar e participar no goberno común. Adoita distinguirse entre:
- Sociedade política: o Estado, e as institucións e poderes que o compoñen.
- Sociedade civil: o conxunto de institucións e mecanismos de coordinación social non dependentes do sistema de Administración estatal.
Ambos ámbitos son necesarios.
4. Ciencia política e filosofía política
A política é o modo de organizar o goberno da comunidade, a través da cal os seres humanos toman decisións colectivas. A política é un fenómeno social estudado por outras ciencias; hai que distinguir varias disciplinas:
- Historia política: parte da historia que narra a evolución dos sistemas de organización política.
- Ciencia política: estuda os conceptos fundamentais dos sistemas políticos (forma parte das CCSS).
- Filosofía política: encárgase do estudo dos sistemas políticos e elabora teorías sobre estes.
5. As teorías políticas
As distintas teorías distínguense entre si polo modo en que tratan a procedencia ou a lexitimidade do poder político, así como polas distintas formas de exercer o poder. A principal clasificación é:
- Teoría organicista: defende que o ser humano só pode realizarse e alcanzar a felicidade plena na comunidade (Aristóteles).
- Teoría individualista: defende que o soberano é o individuo, que decide vivir baixo un poder común como unha forma máis eficaz de organizar a convivencia. Dentro do modelo individualista podemos atopar dúas teorías políticas distintas:
- Teoría absolutista: defende que o poder debe exercerse de forma absoluta sobre os cidadáns, que son entendidos como súbditos (Maquiavelo).
- Teoría liberal: afirma que todos os seres humanos son iguais e soberanos, e que debe haber un respecto a unha serie de dereitos e liberdades (Locke).
6. A relación entre ética e política
A política debe ter en conta principios éticos ou rexese por outros criterios? Cal é o modo de relación máis adecuado entre ética e política? Déronselle dúas respostas posibles:
- Non hai relación, son dúas realidades diferentes: unha cousa é a ética e outra a política. Dentro deste modelo déronse dúas teorías diferentes:
- Realismo político: defende que a tarefa política é diferente á da ética.
- Idealismo político: defende que a ética debe estar por enriba da política.
- Hai relación, pero desde o recoñecemento das súas diferenzas (ética política): na actualidade este é o modo habitual de entender as relacións entre ética e política.
7. A xustiza como igualdade
O termo “igualdade” segue tendo dous sentidos (como nos tempos de Aristóteles): a igualdade natural e a igualdade política ou de dereito. O dereito é o que pode darnos un estatuto de igualdade, e máis concretamente de igualdade ante a lei. A concepción de xustiza está intimamente relacionada co Estado democrático de dereito.
8. A xustiza como liberdade
A liberdade é un dereito natural, inalienable e propio do ser humano polo feito de selo. Os réximes democráticos deben procurar as condicións adecuadas para que a liberdade poida desenvolverse.
9. A xustiza e a seguridade xurídica
A xustiza no ámbito da política tamén se identificou coa “seguridade xurídica”. A seguridade xurídica é a certeza que ofrece o dereito de que certos valores, liberdades e actuacións serán cumpridos e estarán garantidos pola lei.
O Poder Político
1. O poder: definición e características
O poder é a capacidade de facer que algo posible pase a ser real. É un modo de relación mediante o cal un suxeito impón os seus propios fins á vontade doutras persoas.
Os psicólogos din que o ser humano ten tres grandes motivacións sociais: a afiliación (desexo de ser aceptado), o logro (desexo de adquirir unha habilidade, de conseguir un obxectivo) e o poder (capacidade de impoñerse a outros).
Os mecanismos do poder son castigar, premiar, alterar as crenzas, sentimentos e desexos e limitar as posibilidades de acción dos demais.
2. Funcións do poder político
As sociedades perseguen obxectivos colectivos, e no seu desenvolvemento xorden conflitos que é preciso regular. Para isto, recorrese a unha estrutura de regras co obxectivo de alcanzar solucións e adoptar decisións. Necesítase contar con algún tipo de autoridade ou poder social que poida impoñelas. Esta é a función do poder político.
3. O poder soberano
En democracia considérase que a soberanía reside no pobo, que pode transferir o poder ao Estado ou ao gobernante. Esta afirmación crea ás veces conflitos políticos pola dificultade de definir quen é o pobo soberano:
- Os nacionalistas queren identificar ese poder coa nación.
- A Constitución española di no seu artigo 1: “A soberanía nacional reside no pobo, do que emanan os poderes do Estado”.
A única vontade real é a dos cidadáns, é dicir, o poder soberano reside no individuo.
4. Formas clásicas do poder político
As formas clásicas que adoptou o poder político son:
- Teocracia: todo o poder provén dalgunha instancia superior de carácter divino; é un réxime político superado na actualidade.
- Aristocracia: forma de poder político que entende que deben exercer o poder político “os mellores”. Pode haber concepcións moi distintas sobre quen son estes mellores.
- Monarquía: forma de goberno na cal a xefatura do Estado se transmite por herdanza. As monarquías poden ser absolutas (ningunha lei limita o poder do soberano), constitucionais (o poder lexislativo do soberano é exercido en colaboración co Parlamento) e parlamentarias (o Parlamento exerce a soberanía efectiva e o monarca ten funcións simplemente simbólicas: “o rei reina, pero non goberna”).
- República: forma de goberno na cal o xefe é elixido por votación, nuns casos de forma directa (EEUU e Francia) e noutros indirecta (Alemaña e Italia).
5. Réximes políticos actuais
Unha vez consolidada a democracia como a forma máis lexítima de organizar o poder político, os réximes políticos clasifícanse en:
- Réximes democráticos: fundaméntanse no dereito dos cidadáns a decidir quen os goberna e a facer responsables aos seus gobernantes das accións que emprenden. As democracias coinciden en que recoñecen aos seus cidadáns o poder de decidir quen os goberna e de participar na vida pública.
- Réximes ditatoriais: sitúan o Estado por riba dos cidadáns. Ao longo da historia as ditaduras revestiron formas moi diversas:
- A monarquía tradicional absoluta.
- A ditadura dirixida por un só partido político: encabezado por un líder carismático ou un pequeno grupo de líderes (réxime nazi de Hitler, réxime comunista na antiga Unión Soviética, etc.).
- As ditaduras militares: dirixidas por oficiais do exército, e combinadas en ocasións co apoio dos partidos dominantes.
- Réximes mixtos ou híbridos: combinan elementos democráticos e ditatoriais. Os dirixentes ditatoriais adoitan adoptar estas institucións democráticas normalmente por presión internacional, para dar unha imaxe democrática.
6. A forza e a autoridade
Os dous elementos básicos do poder político son a forza e a autoridade:
- Forza: é o poder de coacción para exercer control e dominio sobre a sociedade civil, sobre os cidadáns.
- Autoridade: é a razón ou fundamento que pode xustificar esa forza.
7. Formas de lexitimación do poder político
Segundo a clasificación de Max Weber, a lexitimidade do poder político pode asumir basicamente tres formas. Trátase de tres modos distintos, aínda que ás veces combinados, en que a autoridade dos líderes políticos, ao longo da historia, foi recoñecida como lexítima:
- Lexitimidade tradicional: neste caso considérase que un poder político é lexítimo cando se explica ou se xustifica acudindo á tradición, baséase na crenza da validez do que sempre existiu.
- Lexitimidade carismática: a lexitimidade está nas características persoais e extraordinarias que ten un gobernante.
- Lexitimidade legal: a lexitimidade atópase na validez das leis e na súa xustificación racional. Esta forma de lexitimación é a que caracteriza o poder político moderno.
8. A revolución
A resposta máis contundente contra o poder inxusto é a revolución. Mediante ela os grupos revolucionarios tentan facerse co control do poder, co obxectivo de establecer unha nova orde moral e material. Moitos filósofos negaron a lexitimidade de calquera oposición ao poder; Kant, por exemplo, pensaba que nunca hai razón suficiente para desobedecer a lei, por que iso levaba á anarquía.
9. A desobediencia civil
Con este nome desígnase un grupo de comportamentos que teñen en común desobedecer o dereito por motivos ideolóxicos, relixiosos, éticos ou políticos, como nos casos da resistencia á opresión, os movementos revolucionarios, a insubmisión, a obxección de conciencia, etc.
A desobediencia civil é un acto público, consciente e político, contrario á lei, non violento, cometido co propósito de ocasionar un cambio na lei ou nos programas de goberno. Non ten como finalidade un cambio radical no sistema, senón a solución dunha inxustiza. É, fundamentalmente, unha protesta dunha minoría contra unha maioría.
10. O abuso do poder
Existen algúns recursos e estratexias para evitar o abuso do poder:
- Recorrer a un sistema constitucional: que se asenta en dous piares básicos: a división de poderes e a Constitución.
- Evitar a tiranía das maiorías: neste caso, o abuso do poder non procede da elite política, senón da cidadanía. O exceso de poder das maiorías pode levar ao conformismo e á mediocridade intelectual, e as democracias tentan solucionalo coa educación, formación e información e coa participación das propostas ou ideas das maiorías.
- Loitar contra a corrupción política: a corrupción é o uso ilegal e ilícito dunha posición de poder político co fin de proporcionar vantaxes particulares a individuos ou grupos, abusando da confianza depositada neles. As causas deste problema son: a asimetría e falta de homoxeneidade na sociedade civil e a falta de transparencia política no acceso ao poder.
O Estado e as súas Formas
1. Definición de Estado
O Estado é unha forma de organización política, destinada a regular as formas de exercer o poder, o control e a autoridade.
Max Weber definiu o Estado como “aquela comunidade humana que, no interior dun determinado territorio, reclama para si con éxito, o monopolio da coacción física lexítima”. Hai, pois, tres elementos necesarios: pobo, territorio e soberanía.
2. O Estado moderno
O concepto de Estado moderno xurde no Renacemento, e as súas principais características son:
- Concentración e monopolización do poder político nunha mesma figura: o soberano.
- A primeira forma de Estado moderno foi o Estado absolutista.
- Distínguese entre a esfera do público e do privado.
3. Do Estado absolutista ao Estado representativo
O Estado representativo é a forma que adquire o Estado moderno cando se admite que o poder procede do pobo, que se constitúe como soberano e que decide ser representado por un poder común.
4. O Estado liberal
O Estado liberal de dereito opóñese ao absolutismo. Para iso tivo que afirmar a existencia duns dereitos naturais que son iguais e comúns para todos os seres humanos. O Estado convértese no poder lexítimo para facer cumprir e garantir estes dereitos e liberdades previas.
5. Liberalismo político e liberalismo económico
- O liberalismo político céntrase na idea de que os seres humanos deben ser libres para seguir as súas propias preferencias nos asuntos relixiosos, económicos e políticos, o que supón marcar uns límites e controis ao poder estatal. O Estado garante estes dereitos e liberdades individuais.
- O liberalismo económico é unha teoría económica que entende que as mercadorías e o capital deben moverse libremente, aceptando as regras da competencia e a liberdade de mercado, sen que o Estado interveña.
6. O constitucionalismo
O Estado ha de ser constitucional, ten que ter un sistema de regras fundamentais, xa sexa unha Constitución ou unhas normas equivalentes, que determinen claramente os poderes estatais, co fin de evitar o abuso dos gobernantes, que foi o problema fundamental do Antigo Réxime.
7. As orixes do Estado social
A tradición socialista propónse establecer a igualdade material, defender condicións sociais e económicas iguais para todas as persoas. Segundo os teóricos socialistas, o liberalismo económico, aínda que parece favorecer a liberdade individual, non o fai en realidade: o que produce é un forte contraste social e económico. O Estado deixou de ser un simple garante de liberdades, para converterse no representante do ben común.
8. Teorías socialistas
As principais teorías socialistas son:
- Socialismo científico e comunismo utópico: ideas do economista e filósofo Marx, desenvolvidas por Lenin, que define o Estado liberal como un instrumento ao servizo da clase dominante (burguesía).
- Socialismo reformista ou socialdemocracia: propoñían a subordinación do mercado ás necesidades sociais e comúns.
O resultado é o Estado social de dereito (economía mixta).
9. O Estado de dereito
O Estado de dereito é a forma de organización política en que o exercicio do poder está regulado polo dereito. Baséase na afirmación de que, por riba do poder político, están os dereitos recoñecidos e aceptados polo pobo.
10. O contractualismo
O contractualismo é unha teoría filosófica e política que explica a orixe e o exercicio do poder político mediante a figura do contrato social. A orixe da obriga política non está na obediencia a un poder alleo á vontade dos individuos, senón na obediencia a un poder que naceu da propia vontade dos individuos e que, por conseguinte, eles aceptan libremente.
11. O contractualismo clásico
O contractualismo clásico inclúe as teorías do contrato social que elaboran Hobbes, Locke, Rousseau e Kant: todos eles recorren á figura do contrato social para explicar de forma racional o poder político:
- Hobbes: a defensa do Estado absoluto.
- Locke: os fundamentos da teoría liberal.
- Rousseau: a teoría revolucionaria da sociedade (vontade xeral).
- Kant: a defensa da autonomía individual.