O Rexurdimento e a Xeración Nós (1900-1936): Contexto e Legado

Enviado por Iván Castro Rascado y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,67 KB

Período Nós ou 2º Rexurdimento (1900-1936)

1. A Lingua

A fundación da RAG, en 1906, supón un salto cualitativo na caracterización, valoración e defensa da lingua galega. Promovida desde A Habana por Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez, terá como primeiro presidente a figura clave do vello Rexionalismo: Manuel Murguía.

2. A Nación

A fundación das Irmandades da Fala en 1916 significa a culminación dun proceso, iniciado no Provincialismo de mediados do XIX, e continuado no Rexionalismo, que consistía na construción da identidade de Galicia en base ao imaxinario de nación. Xorde así o Nacionalismo, movemento político que vai centrar unha parte fundamental das vindicacións sociais, culturais e políticas de Galicia durante todo o século XX.

3. A Literatura

Todo o período Nós é o momento de emerxencia e consolidación dun sistema literario que procura novas estruturas para a súa difusión e espallamento, do que serán proba as numerosas iniciativas editoriais e culturais que se leven a cabo.

Textos Autobiográficos da Xeración Nós

Os tres textos autobiográficos elaborados pola Xeración Nós son os ensaios Dos nosos tempos de Florentino López Cuevillas e Nós, os inadaptados de Vicente Risco; e un escrito en forma de novela Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo.

A Que Se Refire o Termo Nós?

O termo Nós referéncianos nestes anos sobre distintas cuestións:

  1. Álbum de debuxos de Castelao exhibido por primeira vez ao público en 1920 no salón do Círculo de Artesáns da Coruña.
  2. A Revista Nós, editada entre os anos 1920 e 1936 que contou con Vicente Risco como director editorial e con Castelao como director artístico.
  3. A editorial Nós, dirixida por Ánxel Casal.
  4. A propia Xeración Nós, composta por dúas franxas de autores: os pertencentes ao cenáculo ourensán e os provenientes das Irmandades da Fala.

Situación Sociopolítica do Período 1900-1936

O clima de conflito social que se vive na época en toda Europa ten a súa resonancia en Galicia, sobre todo en forma de Agrarismo, consecuencia da crise Agraria Finisecular, derivada do Antigo Réxime. As masas traballadoras dos nosos campos revélanse perante a falta de alternativas e tentan aplicar saídas racionais e sostibles á explotación da agricultura. A escaseza de tecido industrial na Galicia fai que a presenza de organizacións obreiras sexa reducida e non adquira as dimensións que ten o Agrarismo ata 1923. Son moitas as organizacións agrarias que están presentes na vida social galega da época: Acción Gallega, Solidaridad Gallega...