Bilingüismo, Diglosia e Conflito Lingüístico en Galicia
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,23 KB
Definicións Clave: Bilingüismo e Diglosia
Bilingüismo
O termo bilingüismo designa, no plano individual, a capacidade dunha persoa para desenvolverse en dúas linguas.
Bilingüismo Individual
O bilingüismo individual é asimétrico, xa que resulta moi difícil acadar un nivel de competencia idéntico e un nivel de uso equilibrado entre os dous idiomas.
Bilingüismo Social
O bilingüismo social prodúcese cando dentro dunha unidade territorial aparecen individuos que empregan dous idiomas: un propio, aprendido a través da transmisión lingüística da súa sociedade, e outro pertencente a un grupo lingüístico diferente. Esta alternancia idiomática preséntase sempre desequilibrada a favor dunha das dúas linguas e provoca unha situación de conflito. A sociolingüística desmente a existencia de bilingüismo harmónico.
Diglosia
O termo diglosia acuñouse para describir a situación de sociedades nas que se utilizan dúas linguas, unha delas en acontecementos públicos e formais, e outra nas circunstancias cotiás ou informais. Podemos distinguir así:
- Bilingüismo: fenómeno individual, non conflitivo.
- Diglosia: fenómeno colectivo e conflitivo.
A diglosia defínese, polo tanto, como o contacto entre dúas linguas que teñen unha distribución xerárquica das funcións. Existe unha lingua de usos formais e prestixiados e unha lingua de usos informais e menos prestixiosos.
A Situación Sociolingüística de Galicia
Contexto Histórico e Diglosia
Ata hai poucas décadas, a situación sociolingüística de Galicia describíase como diglósica. O español, lingua imposta polos poderes económicos e polo aparello institucional do Estado, era empregada polos sectores acomodados e ocupaba os usos públicos de prestixio. Producíase un fenómeno de substitución lingüística debido á valoración do español como a lingua de promoción social.
Situación Actual: Avances e Retos
Na actualidade, esta situación ten mudado, xa que se rompe esa división social e funcional que caracteriza a situación diglósica. O galego está adquirindo novos ámbitos de uso e gañando unha nova consideración social. Non obstante, o proceso substitutivo segue avanzando, xa que o español segue a gañar falantes e despraza o galego de usos que lle foron tradicionalmente propios. A ruptura da transmisión xeracional é o fenómeno máis preocupante para o futuro da nosa lingua.
Causas e Consecuencias do Contacto Lingüístico
Causas da Coexistencia
As causas da coexistencia de dúas linguas nun territorio adoitan ser de carácter histórico:
- Procesos de expansión e unificación política.
- Presión cultural e económica.
- Movementos migratorios.
No caso do galego, foi o primeiro factor o que provocou unha situación de dominio por parte de Castela sobre Galiza, traducíndose nunha conxuntura de opresión lingüística. Dende hai xa cinco séculos, o castelán comezou a substituír o galego nos usos cultos e a introducirse nas capas máis altas da sociedade; así mesmo, instalouse como lingua oficial nas actividades burocráticas. O conflito agudizouse nos anos 60 do século XX cando boa parte da poboación rural, por mor da crecente industrialización, se mobilizou ás cidades, producíndose a súa asimilación ao castelán, unha conduta lingüística que era interpretada como un elemento de progreso.
Consecuencias do Contacto
Ademais da diversificación de usos entre o galego e o castelán, o contacto lingüístico ao longo da historia entre estas linguas tivo como consecuencia:
- Que se asentase na poboación un fondo complexo de inferioridade, caracterizado polo rexeitamento e minusvaloración dos sinais de identidade.
- E, por outra parte, que o galego fose minguando nas súas características máis peculiares, para ir quedando aquelas nas que coincide co castelán, tanto no léxico como na fonética, morfoloxía e sintaxe.