O Galego no Século XXI: Características Lingüísticas e Situación Sociolingüística

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,78 KB

O Galego a Finais do Século XX e Comezos do XXI: Características Lingüísticas Fundamentais. Contexto Histórico e Situación Sociolingüística

A morte de Franco permitiu cambios políticos que favoreceron o uso do galego. O establecemento da democracia parlamentaria, a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística constitúen o marco xurídico-legal no que se atopa a cobertura á lingua galega. Aínda en réxime de cooficialidade co castelán, o galego convértese en lingua propia de Galicia.

A creación do ILGA, a promoción do uso do galego por entidades públicas e privadas, o uso da lingua por parte dos medios de comunicación, a introdución do estudo da Lingua e Literatura Galega no Ensino Primario e Secundario, e unha maior preocupación tanto individual como colectiva pola calidade do galego empregado, contribúen a aumentar o nivel de corrección da lingua.

Con este esforzo normalizador van aparecendo as primeiras propostas normativas serias para o galego, hoxe rexido polas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, elaboradas polo ILGA e a Real Academia Galega, que constitúen a normativa ortográfica pola cal se rexe o galego.

Na actualidade, o galego é vehículo de expresión de importantes revistas culturais e científicas, de textos didácticos e obras literarias, científicas e ensaísticas. Outros feitos foron a introdución do estudo da lingua e da literatura no ensino, o seu uso nos medios de comunicación, e o ser obxecto de interese político. Hoxe non podemos dicir que o proceso de normalización estea rematado, pero é un proceso que tende a consolidarse.

A situación lingüística en Galicia

Segundo o Mapa Sociolingüístico de Galicia, o galego está a deixar de ser a lingua da maioría da poboación; o MSG indica que as porcentaxes se inverteron.

Se temos en conta factores como o hábitat, a idade ou o nivel social, os distintos datos confirman esta tendencia:

  • Idade: Canto á idade, segundo baixamos, descende tamén o uso do galego, superado polo castelán.
  • Hábitat: No medio rural e nas pequenas vilas o galego é maioritario, mentres que nas vilas grandes e medianas cidades, o galego ten unha porcentaxe máis baixa có do castelán.
  • Clase social: O galego é máis empregado nas clases baixas e media-baixa, mentres que o castelán é máis habitual nas altas e medias-altas.

Tendo en conta que a poboación de máis idade irá desaparecendo e a sociedade se urbanizará, pódese chegar a un futuro preocupante para o galego de non mediar un decisivo impulso dos axentes normalizadores. Compróbase que o galego está a gañar neofalantes, que, malia non o teren como lingua inicial, apréndeno posteriormente. Do mesmo xeito que non se pode negar que o galego chega a ámbitos nos que antes non se chegaba.

Ata hai poucas décadas a situación sociolingüística describíase como diglósica; na actualidade rompeuse a ríxida división social e funcional que caracterizaba a situación anterior.

Este proceso aínda non contrarresta a tendencia desgaleguizadora, derivada da situación diglósica. O proceso substitutivo segue avanzando. O castelán segue a gañar falantes, desprazando ó galego de usos que lle foron tradicionais ata os nosos días.

O movemento cívico a prol da normalización perdeu nos primeiros compases do século XXI a vitalidade dos derradeiros anos do século anterior. A maioría das persoas pertencentes ás xeracións futuras teñen no sistema educativo o principal contacto co idioma. A ruptura da transmisión xeracional da lingua é o fenómeno máis preocupante que está a vivir o noso idioma.