O Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal

Clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,59 KB
Actualizado el

Resumen

Este texto presenta os tres grandes autores do Rexurdimento das letras galegas: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Recolle a súa biografía, as súas obras en galego e castelán e os temas principais, como o costumismo, a saudade ou o celtismo. Serve para coñecer a súa aportación á dignificación da lingua galega.

Puntos clave

  • Rosalía de Castro naceu en Compostela en 1837 e morreu en Padrón en 1885.
  • Cantares gallegos (17 de maio de 1863) é o primeiro libro escrito integramente en galego e símbolo do inicio do Rexurdimento.
  • Follas novas (1880) é o segundo e derradeiro libro de poemas de Rosalía en galego.
  • Manuel Curros Enríquez publicou Aires da miña terra (1880), obra censurada polo bispo de Ourense.
  • Eduardo Pondal é considerado o bardo do pobo galego; a súa obra mestra é Queixumes dos pinos (1886).
  • Pondal defendía a orixe celta da nación galega e participou no cenáculo coruñés A Cova Céltica.

Resumen generado con IA a partir del documento. Ponte a prueba

ROSALÍA DE CASTRO

Vida

Naceu en Compostela no ano 1837, filla dunha muller solteira, de liñaxe fidalga vinda a menos, e dun sacerdote que foi capelán de Iria. Rexistrada como filla de pais descoñecidos, foi recollida pola súa madriña e criada nunha aldea preto de Padrón. Na adolescencia vive coa súa nai en Santiago. Alí recibe a educación propia dunha moza fidalga e participa nas actividades do Liceo de la Juventud, onde tamén ían outros mozos intelectuais como Manuel Murguía, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal, etc., cos que compartía os mesmos ideais galeguistas.

No ano 1856 trasladouse a Madrid, onde casou dous anos máis tarde con Manuel Murguía, con quen tería sete fillos. Ata 1875, data na que se instalou definitivamente na casa da Matanza en Padrón, Rosalía mudou frecuentemente de lugar de residencia, pasou certos apuros económicos e sufriu reiterados problemas de saúde.

Pasa os últimos anos da súa vida na casa da Matanza en Padrón, onde morre en 1885 dun cancro de útero con 48 anos. Foi enterrada no cemiterio de Adina e os seus restos serán trasladados anos despois ao Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Obra

En castelán

Poesía: Publica en 1857 un breve poemario titulado La flor. En 1863, o poemario de ton elexíaco A mi madre, escrito co gallo da morte de súa nai e, en 1884, En las orillas del Sar, un dos cumes poéticos do XIX español.

Prosa: En 1859 aparece La hija del mar, a súa primeira novela, e en 1861 Flavio, a segunda. En 1866, publica o texto costumista Ruinas; en 1867, a novela El caballero de las botas azules, a mellor das súas obras en prosa; en 1881, a novela breve El primer loco. Publicou tamén en castelán algúns artigos xornalísticos en diferentes revistas.

A crítica española contemporánea non valorou a obra rosaliana escrita en castelán na súa xusta medida. O recoñecemento comezará a chegar postumamente, cando os escritores modernistas e os escritores da xeración do 98 descubran o carácter innovador e progresivo da súa arte, nomeadamente do seu poemario En las orillas del Sar.

En galego

Poesía: Na súa obra literaria en galego destacan dous poemarios, Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880).

Prosa: Rosalía escribiu un relato titulado Conto gallego, cuxa acción ten lugar nunha aldea onde dous amigos apostan sobre o tempo que vai durar o desconsolo dunha viúva. Nel demostra unha concepción narrativa novidosa con ausencia das intervencións autoriais, condensación temporal e axilidade nos diálogos.

Hai que engadir tamén os prólogos de Cantares gallegos e Follas novas, que constitúen as dúas primeiras mostras de ensaio socioliterario en lingua galega.

CANTARES GALLEGOS

O 17 de maio de 1863 edítase Cantares gallegos, o primeiro libro escrito integramente en galego. A súa publicación ficará na historia de Galicia como o fito co que se inaugura simbolicamente o Rexurdimento das letras galegas.

Esta primeira obra de Rosalía en galego responde a dúas motivacións:

  • O compromiso da autora con Galicia e o desexo de contribuír á dignificación do seu idioma. Rosalía vai defender a súa terra e a súa xente das inxustizas e aldraxes ás que se ve sometida. Empatizará sobre todo cos problemas e coa marxinación das mulleres das clases populares.
  • A intención de glosar poeticamente unha serie de coplas populares (incorporadas aos poemas a xeito de refrán), seguindo o modelo do poeta Antonio Trueba no Libro de los cantares.

Temas

Trátase dunha colección de 36 poemas onde se abordan distintas temáticas:

  • Costumista ou popularizante: descrición de tipos e costumes galegos (o gaiteiro, as devocións populares, as romarías, etc.). A vida dos personaxes do rural cotián reflectida en cadros costumistas onde abundan as penurias, as inxustizas sociais e as deshonras.
  • Amorosa: poemas nos que a muller ou o home expoñen a súa coita amorosa (queixas de namorados, mágoas por deixar antigos amores, resentimentos, separacións...).
  • Intimista: aparece en dúas composicións que aluden á saudade ao evocar a terra ou os antergos («Campanas de Bastabales» e «Como chove miudiño»).
  • De denuncia: tratan problemas de carácter social ou patriótico como a emigración, a miseria, a marxinación dos galegos ou a incomprensión dos casteláns cara a Galicia.

FOLLAS NOVAS

En 1880, Rosalía de Castro publica Follas novas, que será o segundo e derradeiro libro de poemas en galego. No limiar do libro, a propia Rosalía dá testemuño da súa decisión de non volver escribir en galego.

MANUEL CURROS ENRÍQUEZ

Vida

Naceu en Celanova no ano 1851 e morreu na Habana en 1908. Foi o poeta comprometido coa causa política e social (o progresismo galeguista e republicano). En 1880 publica Aires da miña terra, obra que foi censurada e denunciada polo bispo de Ourense, o que lle proporcionou unha gran popularidade.

Obra

A súa obra literaria en galego está formada por dous libros, Aires da miña terra (1880) e O divino sainete (1888). Destaca tamén o poema «Unha noite na eira do trigo».

EDUARDO PONDAL

Vida

Naceu na vila de Ponteceso, na comarca de Bergantiños, o ano 1835 e morreu na cidade da Coruña en 1917. De orixe fidalga, foi un dos intelectuais rexionalistas que defendían a orixe celta da nación galega, participando no cenáculo coruñés coñecido como A Cova Céltica.

Obra

A súa obra mestra é Queixumes dos pinos (1886), onde se consagra como o bardo do pobo galego. Nela destaca o celtismo, o bardismo, a natureza e a virilidade.

Preguntas frecuentes

Cal foi o primeiro libro escrito integramente en galego por Rosalía de Castro?

Foi Cantares gallegos, editado o 17 de maio de 1863. A súa publicación simboliza o inicio do Rexurdimento das letras galegas.

Que obra é considerada a mestra de Eduardo Pondal?

A súa obra mestra é Queixumes dos pinos (1886), onde destacan o celtismo, o bardismo, a natureza e a virilidade.

Por que foi censurado Aires da miña terra de Manuel Curros Enríquez?

Foi censurada e denunciada polo bispo de Ourense, o que lle proporcionou unha gran popularidade.

Ponte a prueba

Tarjetas de repaso

Pulsa una tarjeta para ver la respuesta.

Test

1. En que ano se publicou Cantares gallegos?
2. Cal é a obra mestra de Eduardo Pondal segundo o texto?
3. Onde morreu Manuel Curros Enríquez?
4. Cal era a orixe que Pondal defendía para a nación galega?
5. Cantos poemas inclúe Cantares gallegos?
6. En que ano publicou Rosalía de Castro a súa obra En las orillas del Sar?

Preguntas generadas con IA a partir del documento: comprueba las respuestas con el texto.