O Rexurdimento Galego: Claves do Renacemento Cultural e Lingüístico de Galicia no Século XIX

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,88 KB

O Rexurdimento: O Renacemento da Identidade Galega

O Rexurdimento foi un movemento cultural, social e, sobre todo, literario que se desenvolveu na segunda metade do século XIX co obxectivo de dignificar a identidade galega, o que significaba conseguir un poder político e administrativo propio e recuperar o idioma galego.

Este movemento inaugurouse coa publicación en 1863 da primeira obra escrita integramente en galego, Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, e rematou coa creación das Irmandades da Fala, en 1916.

Na literatura alcanzáronse os maiores logros, xa que Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, principais autores deste movemento, expresaron de forma brillante nas súas obras a conciencia cívica da época e as inquedanzas propias do país.

Contexto Socio-Histórico do Rexurdimento

Todo o século XIX sofre unha gran inestabilidade política.

A Galicia destes anos sufrirá dúas grandes lacras: a implantación do poder central nas redes caciquís para impoñer os seus intereses e a perpetuación, durante o século XIX, do sistema foral que regulaba a propiedade da terra, do que continúan a tirar boas rendas a fidalguía e o clero. Isto provoca un progresivo empobrecemento das clases populares, que fai que consideren a emigración como única saída para tratar de mellorar os seus problemas.

É por eses anos cando unha burguesía de orixe foránea crea as primeiras industrias e fábricas de salgadura (antecedentes das actuais conserveiras).

A Situación da Cultura e da Lingua Galega

A mediados do século XIX apareceron as primeiras publicacións periódicas, que tamén introduciron algúns textos en galego. Mais habería que esperar até os anos 70 para ver xornais e revistas monolingües en galego: O Tío Marcos da Portela e A Monteira contribuíron a unha maior difusión social do ideario do Rexurdimento.

Foi tamén moi importante a publicación de candasúa Historia de Galicia, a cargo de Benito Vicetto e Manuel Murguía, cuxo obxectivo era demostrar a vixencia da nación galega ao longo dos séculos. Xorden, ademais, as primeiras gramáticas, como a de Saco e Arce, e os dicionarios do idioma galego.

O Novo Pensamento: O Galeguismo

A partir de 1840, como reacción ao proceso unificador do Estado, nace entre algúns intelectuais o galeguismo, movemento político, social e cultural que pretende recuperar a identidade galega e atribuírlle poder político.

O Provincialismo (1840-1868)

Galicia quedou dividida nas catro provincias actuais fronte ás sete do Antigo Reino de Galicia. Esta división provocou como reacción unha insurrección militar en 1846 e o nacemento dun movemento político chamado Provincialismo, que reivindicaba a nivel administrativo, social, cultural e económico.

O Rexionalismo (1881-1916)

Liderado por Manuel Murguía, autor de El Regionalismo Gallego, que tamén combatía o centralismo.

O Nacionalismo (Século XX)

É a evolución de todas as correntes anteriores que pulaban polo recoñecemento da identidade galega. Considérase que naceu en 1916 coa constitución das Irmandades da Fala, que xa consideran Galicia como unha nación con dereitos políticos.