A Revolución Rusa: O Nacemento do Primeiro Estado Comunista

Historia3,86 KB

Durante a Primeira Guerra Mundial, en 1917, estalou a Revolución Bolxevique en Rusia, que derrocou ao tsar Nicolao II e instaurou o primeiro Estado comunista do mundo.

A Autocracia Tsarista: Un Imperio Atrasado

A comezos do século XX, o Imperio dos tsares era un inmenso país onde aínda se mantiña o absolutismo monárquico. Ademais, a súa economía e as súas estruturas sociais eran das máis atrasadas do continente europeo. Politicamente, o tsarismo era unha autocracia, isto é, o tsar estaba investido dun poder absoluto; gobernaba por decreto, non estaba suxeito a ningunha constitución nin tiña que responder diante dun Parlamento. Unha fiel burocracia e un poderoso exército aseguraban o control do Imperio, mentres que a Igrexa Ortodoxa constituía un dos grandes piares ideolóxicos do réxime.

A agricultura era a principal actividade económica e a terra estaba soamente en mans duns poucos terratenentes, que pertencían a unha aristocracia privilexiada. A maioría da poboación eran campesiños sometidos a un réxime case feudal, que os condenaba a unhas condicións de vida miserables. Nalgunhas zonas do Imperio iniciaríase un proceso industrial impulsado, en boa parte, por capital estranxeiro. Alí xurdía un numeroso proletariado industrial que traballaba en grandes fábricas por uns salarios miserables. Entre os obreiros, difundiríase o marxismo e en 1898 fundouse o Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso, que en 1912 se escindiu entre os menxeviques e bolxeviques. Estes últimos, liderados por Lenin, defendían a necesidade de impulsar en Rusia unha revolución social.

A Revolución de Febreiro: O Estoupido Popular

A conxuntura da Primeira Guerra Mundial creou en Rusia as condicións para un estoupido revolucionario. Nin a economía nin a organización política e militar rusas estaban preparadas para unha guerra tan longa, dura e custosa.

Como consecuencia disto, os desastres militares sucedéronse. A mobilización de millóns de campesiños implicou o descenso da produción agrícola, nun momento no que a meirande parte dos recursos económicos se dedicaron á guerra. Consecuentemente, a fame apareceu nas cidades e espallouse o malestar entre obreiros e campesiños. Todo isto desacreditou ao tsar Nicolao II e ao seu goberno, que se amosaba incapaz de lle dar un xiro á situación. A poboación estaba desmoralizada e comezou a organizarse en soviets (consellos de obreiros, campesiños e soldados) que lle esixían ao tsar a retirada da guerra e a fin da autocracia. A oposición política ao tsar aproveitou as circunstancias e tanto os partidos burgueses como os campesiños e obreiros esixiron a súa abdicación.

A Caída do Tsarismo e o Goberno Provisional

En febreiro de 1917 estalou unha revolución en San Petersburgo que provocou a caída do tsarismo. O poder pasou a un Goberno Provisional, dirixido por Kerensky e apoiado polos partidos liberais da Duma (Parlamento), que iniciou unha serie de reformas. Rusia converteuse nunha República democrática.

A Revolución de Outubro: Os Bolxeviques no Poder

A lentitude con que se realizaba a reforma e o mantemento de Rusia na guerra fixeron aumentar o descontento popular e a influencia dos bolxeviques, que desexaban derrocar o Goberno Provisional e instaurar o socialismo. Os bolxeviques aspiraban á formación dun goberno de soviets obreiros e campesiños. No seu programa prometían:

  • A paz.
  • A repartición de terras entre os campesiños.
  • A dirección das fábricas polos obreiros.
  • A nacionalización da banca e dos medios de transporte.

O 25 de outubro, os soviets, impulsados polos bolxeviques, subleváronse e en dez días fixéronse co poder e destituíron o Goberno Provisional.

Descargar

PDF Word HTML