A Razón na Ilustración: Características, Límites e Crítica
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,11 KB
Características da Razón Ilustrada
Onde mellor se coñece o “espírito ilustrado” é no seu concepto de “razón”, que integra os seguintes trazos:
1. Autonomía da razón
Kant expresa dun modo modélico o carácter autónomo da razón ilustrada no seu opúsculo Que é a Ilustración?. A razón é suficiente en si e por si mesma, polo que se esixe confianza nela e a decisión de servirse dela con independencia, sen outros límites que aqueles que lle veñan dados pola súa propia natureza. De aí a necesidade de analizala e recoñecer os seus límites, como fará Kant.
2. Os límites da razón
A razón é unha e a mesma en todos os pobos, culturas, épocas e sociedades; ten unha esencia ou natureza fixa, constante, aínda que desenvolvible no tempo mediante o esforzo e a aprendizaxe continuos.
3. Carácter crítico da razón
Para que a razón desenvolva todo o seu poder e independencia, necesita realizar antes un labor de clarificación sobre que cousas viñan afogando ou restrinxindo o seu funcionamento autónomo. As frontes de crítica serán:
- Non tanto a ignorancia, que facilmente pode ser superada, senón os prexuízos, que a cegan e paralizan.
- Non tanto a historia e o pasado, pois sería ilusorio intentar algo así como estrear o mundo de novo, senón contra a tradición, entendida como unha carga que a razón se ve obrigada a soportar, polo mero feito de tratarse do pasado.
- Contra a autoridade externa cando esta non é recoñecida nin lexitimada pola razón ou polo seu exercicio responsable e moralmente aceptable.
- Contra a superstición e a idolatría, que veñen ser deformacións da verdadeira relixión. As críticas non se dirixen, sen máis, contra o posible sentido da idea de Deus ou o divino, senón contra unha determinada representación e forma de concibir esa idea de Deus.
4. Carácter analítico da razón
A razón é concibida como un instrumento ou medio para coñecer e co cal interpretar o mundo e exercer a crítica. A razón na Ilustración enténdese como a capacidade de adquirir coñecemento a partir da experiencia, analizándoa e comprendéndoa, creándose un vínculo estreito entre o empírico e o racional.
5. Secularización da razón
A Ilustración adopta unha progresiva secularización da vida humana. Xa que logo, o progreso e a liberación da humanidade xa non van depender dun Deus providente (que intervén no mundo: milagres...) ou redentor (salvación sobrenatural), senón que é resultado do propio traballo e esforzo da humanidade na historia. Fronte ao “providencialismo divino”, críase agora no progreso continuo e ilimitado da razón e da sociedade humana. E fronte á redención sobrenatural, confíase máis na redención que o propio home debe procurarse mediante o seu traballo e esforzo por vencer as circunstancias desfavorables da historia. A historia e a sociedade aparecen agora como o marco e horizonte de salvación.