A prosa medieval galega: características, xéneros e obras fundamentais

Otras lenguas extranjeras5,05 KB

A prosa medieval

A prosa medieval galega é menos copiosa, máis tardía e ten un carácter menos orixinal ca o da lírica. Os primeiros textos literarios en prosa son de finais do século XIII e comezos do XIV, e xorden vinculados ás cortes reais e nobiliarias. A escaseza de textos en prosa escritos en galego leva a pensar que o noso idioma tiña un uso moi limitado; con todo, a abundante documentación de tipo non literario desminte esta idea.

A causa de que conservemos tan poucos textos en galego atribúese a:

  • No noroeste peninsular, o galego funcionaba como lingua asociada ao xénero lírico; desta forma, é posible que se marcase a diferenza de xéneros privilexiando outra lingua, neste caso o castelán, para a prosa.
  • Moitos textos foron destruídos por mor de diferentes revoltas e conflitos bélicos.

A prosa literaria

Os textos en prosa desta etapa presentan algúns problemas para a súa inclusión na literatura galega:

  • Por un lado, existen obras que hoxe poderían considerarse non literarias, como as de carácter historiográfico; con todo, debemos ter en conta que o concepto de literatura foi evolucionando ao longo dos séculos e non acolleu sempre o mesmo tipo de textos.
  • Outro dos problemas que podería supoñer incluír estas obras na literatura galega é que non se trata de textos orixinais, senón de traducións e versións doutras obras.

Dentro da prosa literaria podemos establecer tres grandes grupos: a prosa ficcional, a prosa haxiográfica e a prosa historiográfica.

A prosa ficcional

Desenvolve asuntos relacionados con dous ciclos temáticos fundamentais:

  • O ciclo artúrico: é o máis importante polo gran número de textos que o forman. As obras sitúanse na actual Bretaña francesa ou en Gran Bretaña e recrean as aventuras do rei Artur e dos cabaleiros da Táboa Redonda na procura do Santo Greal. As obras galegas que se desenvolven neste ciclo son as relativas ao Rei Artur, á Demanda do Santo Graal e a de Tristán e Iseo.
  • O ciclo clásico ou troiano: recrea as lendas derivadas do asedio e da destrución da cidade de Troia. Desta temática fixéronse dúas traducións ao galego a finais do século XIV: a Crónica troiana e a Historia troiana.

A prosa haxiográfica

A relixión ocupaba un papel central no mundo medieval, como evidencian, entre outros feitos, os episodios das cruzadas e as peregrinacións a diversos santuarios. As obras presentaban modelos de vidas cristiás exemplares, contribuían a lexitimar a autenticidade e a historia de determinadas reliquias e santuarios e, por último, actuaban como un medio de propaganda eficaz deses espazos, que resultaban máis valorados canto maior fose a transcendencia e a cantidade dos milagres asociados ao seu patrón.

Os textos máis destacados neste ámbito son:

  • Os miragres de Santiago: trátase dunha tradución ao galego de certas partes dunha obra anterior en latín, o Liber Sancti Jacobi.
  • O Flos Sanctorum: obra da que só se conservan fragmentos da primeira metade do século XV; o texto é unha tradución ao galego dunha famosa colectánea de vidas de santos que circulou amplamente na segunda metade do século XIII.

A prosa historiográfica

Incorpora ao relato de feitos históricos certos elementos lendarios e fantásticos. Por outra parte, determinadas formas e elementos de estilo, como a descrición exhaustiva de situacións e diálogos, remiten á tradición dos cantares de xesta e ás historias concibidas máis para a oralidade ca para a lectura.

Os textos máis importantes conservados en galego son:

  • Crónica de Castela e Crónica xeral: ofrece o relato dunha historia viva que recolle lendas, relatos orais e cantares de xesta referentes a personaxes históricos ou imaxinarios presentados como reais.
  • Crónica de 1404: toma como base a obra anterior e pretendía ser unha compilación da historia peninsular, tomando como referencia, entre outras, a Crónica xeral afonsí. A tradución ao galego das obras historiográficas en prosa saídas do taller de Afonso X tiña un claro obxectivo ideolóxico e propagandístico, pois contribuía a facer circular na lingua vernácula deste territorio uns textos nos que se proxectaba unha visión unitaria e centralista da historia peninsular.
  • A crónica de Santa María de Iria: relata a historia da sé episcopal de Iria e inclúe unha enumeración dos seus bispos. A narración do traslado da sé a Compostela permite incorporar sucesos centrados na figura do arcebispo Xelmírez durante os seus primeiros tempos, a quen se lle dedica a segunda parte do libro. Entre as diversas secuencias intercaladas que se observan no texto, destaca unha na que se refiren acontecementos da terceira guerra irmandiña.

Descargar

PDF Word HTML