Poetas Galegos: Uxío Novoneyra, Avilés e Manuel María

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,96 KB

Uxío Novoneyra

A poesía de Uxío Novoneyra insírese na corrente paisaxística de Noriega Varela, Crecente Vega, Iglesia Alvariño e Manuel María, pero cun orixinal acento propio. Contempla a paisaxe desde unha perspectiva mística e de compenetración, con fondas raíces existenciais, onde aflora a fusión coa natureza.

A poética de Novoneyra caracterízase pola condensada expresión e a brevidade na procura de reflectir a natureza espida, esencial, do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro desa inmensidade cósmica.

A estética de Novoneyra representa a culminación da poesía paisaxística, levada a un extremo de concentración e síntese. O poeta do Courel consegue conxugar a vivencia poética cuns recursos lingüísticos predominantemente simbólicos, que entroncan coa tradición popular galega. Entre estes recursos destacan o fonosimbolismo, o simbolismo gráfico-visual e o estilo litúrxico, especialmente concentrado no poema “Letanía de Galicia”, onde se manifesta unha fonda preocupación social e política, que aparece tamén nalgunha outra composición como a titulada “Do Courel a Compostela” ou “Vietnam Canto”.

Publicou Muller para lonxe e o poemario Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. Faleceu en Compostela en 1999.

Antón Avilés de Taramancos

Antón Avilés de Taramancos naceu en Taramancos, aldea de Noia, en 1935. É unha das voces máis significativas da súa xeración, tanto pola profundidade temática como pola limpeza, transparencia e enerxía do seu verso.

Aos 18 anos pasa a vivir na Coruña, onde reside ata 1960. Desta época datan as súas primeiras publicacións: As moradias do vento (1955), breve colleita de sete poemas, e A frauta e o caramelo, o seu primeiro libro editado en 1959. Nos seus versos xa están presentes algúns dos trazos máis definidos deste autor: o clasicismo formal e o alento vitalista e sensual.

En 1960 marchou a Colombia. O contacto coa natureza e a paisaxe do Novo Mundo fixo madurar nel a poesía vitalista de resonancias épicas que se trasloce en libros como Poemas da Ausencia (1963, 1969) e Cantos Caucanos (1985), Premio da Crítica do ano seguinte.

O volume titulado O tempo no espello, publicado no ano 1982, recolle toda a súa poesía anterior a esa data. Posteriormente publicou As torres do ar (1989) no que volve á terra natal a través da infancia, as orixes e a evocación da nai.

Hai máis facetas da poesía de Avilés que merecen ser subliñadas: o erotismo; as primeiras experiencias amorosas, a fusión erótica cos apeiros de labranza, o erotismo apaixonado dos seus anos de xuventude en Colombia, con Cantos Caucanos.

A súa derradeira obra, Última Fuxida a Harar (1992), escríbea consciente da inmediatez da súa desaparición, motivo polo que se toma este poemario como o testamento poético do escritor noiés. Faleceu en Noia en 1992.

Manuel María

Manuel María (Outeiro de Rei, Lugo, 1930) é o primeiro poeta novo da posguerra e o máis prolífico, con máis de trinta libros publicados. Viviu parte da súa mocidade en Lugo e comezou Filosofía e Letras en Santiago. Comprometido politicamente co nacionalismo, viviu en Monforte de Lemos, onde dirixiu a colección Xistral de poesía.

Os seus primeiros libros: Muíño de brétemas (1950), Morrendo a cada intre (1952) e Advento (1954), están na liña da poesía existencial da Escola da Tebra, sendo un dos seus primeiros representantes.

En 1951, a raíz da morte do seu irmán, escribe Libro de pregos, obra publicada en 1962, que manifesta unha poética lacerada de ton imprecatorio-relixioso.

Terra Chá (1954), contén poesía paisaxística, onde Manuel María, cunha dicción contida e grande habelencia descritiva, acada logros moi significativos.

A partir de 1959, Manuel María opta pola poesía social, da que é o seu primeiro cultivador, empregando o realismo coloquial e o humor como medio de denuncia: Documentos Persoais (1958), Proba documental. A denuncia faise máis directa desde un decidido nacionalismo en Laio e clamores pola Bretaña (1973), poema longo no que mostra unha aproximación sentimental e solidaria coa loita política do pobo bretón, trasunto tamén da realidade galega. Outras moitas obras desta etapa caracterízanse polo compromiso explícito e unha linguaxe prosaica e coloquial.

A partir de 1977, en que publica Poemas do Outono (1977) e nos seus seguintes libros, Poemas da labarada estremecida (1980), Versos do lume e do vagalume (1982), atopamos unha nova dirección na súa poesía, que amosa unha preocupación pola renovación da linguaxe poética sen deixar de ser unha lírica de evidente contido ideolóxico. Faleceu na Coruña en 2004.