Narrativa Galega: Primeiro Terzo do Século XX

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,5 KB

A Prosa do Primeiro Terzo do Século XX

Na narrativa galega conviven catro grupos distintos: o dos narradores que continúan os modelos de finais do XIX, os das Irmandades, os do Grupo Nós e os novecentistas. Neste primeiro terzo, foi cando naceu e se consolidou a narrativa contemporánea en lingua galega, grazas á aparición dun espazo político e cultural de carácter galeguista e á creación de editoriais que favoreceron o acceso a libros en galego.

Os Narradores das Irmandades da Fala

Os narradores das Irmandades, en xeral, preferiron a poesía, aínda que sen acadar unha grande calidade, e, sobre todo, o teatro. Os autores máis representativos son:

  • Xosé Lesta Meis, autor de Manecho o da Rúa, Estebo e Abellas de ouro.
  • Leandro Carré Alvarellos, autor de obras como Naiciña, A propia vida e O home que deu vida a un morto, e tamén fundador da editorial Lar.
  • Xaime Quintanilla, que fundou a colección literaria Céltiga, na que se publicaron obras como Un ollo de vidro de Castelao, e é autor da novela Saudade.
  • Armando Cotarelo Valledor, que publicou unha colección de contos populares co nome de Contos de Nadal.

O Grupo Nós

O Grupo Nós marcou a historia da cultura galega. Os escritores que constitúen o grupo son Vicente Risco, Otero Pedrayo e López Cuevillas. A estes cómpre engadir a Antón Losada Diéguez e a Castelao, pola relación persoal cos tres devanditos e pola colaboración coa revista Nós. O grupo presenta características comúns: todos eles son de procedencia social acomodada, posúen unha rigorosa formación intelectual, experimentan a mesma evolución ideolóxica, sintetizan o tradicionalismo e o pensamento progresista e liberal, teñen unha clara vocación pedagóxica e foron creadores da prosa galega contemporánea e os primeiros prosistas de estilo persoal inconfundible.

Vicente Risco

Vicente Risco dirixiu a revista literaria La Centuria, foi membro das Irmandades da Fala e dirixiu a revista Nós. A súa obra abrangue narrativa, ensaio e teatro, entre outras. A súa narrativa é de carácter didáctico e posúe unha gran carga ideolóxica. Algúns dos seus relatos son: A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, A vella velliña e Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros. Tamén é autor dunha novela longa de carácter satírico e burlesco, O porco de pé.

Otero Pedrayo

Otero Pedrayo, ao igual que os seus compañeiros, uniuse ás Irmandades e colaborou coa revista A Nosa Terra e Nós. Cultivou case todos os xéneros literarios, aínda que destacou como narrador. Segundo os temas, podemos clasificar a súa obra narrativa en:

  • Novelas histórico-culturais: A romería de Xelmírez.
  • Novelas e libros de contos histórico-realistas: O purgatorio de don Ramiro e Os camiños da vida.
  • Novelas psicolóxicas: Arredor de si e Devalar.

Castelao

Castelao uniuse ao movemento agrarista e dirixiu a revista Nós. A súa produción comprende:

  • Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete: unha historia fantástica na que un esqueleto narra as súas vivencias no mundo de ultratumba.
  • Cousas: narracións líricas ilustradas inspiradas en dramas humanos das clases populares galegas.
  • Retrincos: recolle relatos autobiográficos nos que evoca vivencias da súa nenez e mocidade.
  • Os dous de sempre: a súa única novela, estruturada ao redor de dous personaxes, Pedriño e Rañolas, e presenta dous modos opostos de se enfrontar á vida.

Os Novecentistas

Os novecentistas son un grupo de escritores que naceron a comezos do século XX e realizaron unha importante labor de renovación nas letras. Por influencia vangardista, orientáronse á poesía, aínda que tamén cara á narrativa. Destacou Rafael Dieste, pero convén lembrar a Bouza-Brey, Amado Carballo, entre outros.

Rafael Dieste

A produción narrativa de Rafael Dieste redúcese a un só libro de relatos, Dos arquivos do trasno. As súas técnicas narrativas son a brevidade nos relatos, mínima presenza de personaxes, máxima precisión lingüística, un manexo acertado do ritmo expositivo, a mestura do culto co popular, apelacións, descricións, adxectivacións, entre outras.

O Ensaio en Lingua Galega

O ensaio en lingua galega nace e consolídase no primeiro terzo do século XX coa aparición das Irmandades e do Grupo Nós. As primeiras obras son de contido político e cultural. A canle pola que se difundiron, especialmente, foi a prensa escrita, como A Nosa Terra e Nós. Nestas publicaron os seus artigos Antón Villar Ponte, Xaime Quintanilla, entre outros.

Como ensaístas do Grupo Nós destacan:

  • Risco, con obras como Teoría do nacionalismo galego.
  • Otero Pedrayo, que os publicou con diferentes temáticas: ensaio xeográfico, os libros de viaxes, nos que relata experiencias vividas, como en Pelerinaxes, e a evocación biográfica, Libro dos amigos.
  • Castelao, cuxa obra máis representativa é Sempre en Galiza.
  • Cuevillas, que destacou polos seus traballos de investigación.

O Xornalismo

O xornalismo sufriu tamén unha importante renovación nesta época, grazas á incorporación de prensa ilustrada, revistas gráficas, ao impulso da prensa local, entre outras. A Nosa Terra foi o principal portavoz das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. Estaba escrita en galego e servía como medio de propaganda política, aínda que tamén incluía críticas literarias, poemas, relatos curtos. A revista Nós, de periodicidade mensual, estaba tamén escrita en galego, e foi o lugar onde se deron a coñecer moitos dos escritores da época. Tamén marcou a apertura de Galicia ás distintas literaturas europeas. Outras revistas foron as vangardistas, como Alfar, Resol, entre outras.