Literatura galega posguerra: poesía, exilio e resistencia

Lengua y literatura14,59 KB

A poesía galega nos anos 70 e 80: renovación e cambio

1975 foi o ano do cambio. A morte de Franco marcou o comezo da etapa democrática máis extensa de toda a historia de Galicia e España. A oficialidade do idioma galego e a súa presenza no ensino supuxeron un impulso sen precedentes para a promoción da literatura galega. Multiplicáronse as empresas editoriais, os premios e as revistas literarias.

No campo da poesía, Con pólvora e magnolias de Méndez Ferrín (xunto con Mesteres -1976- de Arcadio López Casanova) marcou ese cambio. O libro rompe co socialrealismo e abre temas novos e variados: intimismo existencial, metafísica, mitoloxía cultural, político social, redescobre a linguaxe, e aparece un novo estilo máis culturalista.

Características da poesía galega nos anos 80

Nos anos oitenta, as principais características definitorias da poesía galega son:

  • Ruptura co socialrealismo. Prodúcese un distanciamento entre o poeta e a sociedade.
  • Busca de novos suxeitos líricos (negación da perspectiva autobiográfica).
  • Experimentación e interdisciplinariedade (coa música, a plástica...).
  • Culturalismo e intertextualidade (emprego de referencias culturais variadas: literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais...).
  • Integración de elementos da cultura urbana e marxinal: drogas, depresións, etc.
  • Incorporación do erotismo explícito.
  • Recreación mítica.
  • Preocupación formalista, barroquismo. A poesía é a arte da linguaxe.

Autores destacados da poesía galega dos anos 80

É moi difícil facer unha selección dos autores máis importantes do momento (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) e unha clasificación dos mesmos, por iso faremos unha selección moi subxectiva e persoal.

A cabalo aínda entre o socialrealismo e as novas tendencias está Darío Xohán Cabana (1952), con poesías cantadas por grupos como Fuxan os Ventos. Gran dominador do verso e a linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca, e nome recoñecido na narrativa actual.

Os primeiros tanteos renovadores (1976-78) virán da man de colectivos poéticos de curta duración: Rompente (poesía rompedora de Antón Reixa, Manuel Romón), Alén e Cravo Fondo (Rodríguez Barrio, Ramiro Fonte). A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas, pero non compartidas por todos. Non hai unha escola, son diferentes escollas estéticas e voces singulares. Destacamos:

  • Manuel Vilanova (1944), mítico e simbolista: E direivos eu do mester de cobras (1980).
  • Xosé María Álvarez Cáccamo (1950), aberto á realidade a través de vivencias familiares: Praia das furnas (1983).
  • Miguel Anxo Fernán-Vello (1958): o amor, o corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.
  • Lois Pereiro (1958), Poesía última de amor e enfermidade (1995). Desde que foi o autor do Día das Letras Galegas 2011 converteuse nun dos poetas de culto para as novas xeracións pola orixinalidade, modernidade e autenticidade da súa poesía.

A poesía galega a partir dos anos 90

A partir dos anos noventa é máis difícil aínda falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta. A pluralidade é a tónica dominante. Desde o punto de vista formal, achamos desde propostas clásicas (os sonetos de Miro Villar) ata o versolibrismo. Ao lado da expresión contida, o minimalismo e a depuración máxima atopamos poetas torrenciais, case narrativos. Ao lado da expresión directa e sinxela, a presenza do símbolo e o hermetismo. Desde o punto de vista temático, uns autores adoptan unha actitude desmitificadora, combativa ou provocadora (no sexual, no ideolóxico, no literario...), mentres outros teñen enfoques máis tradicionais (amor, desamor, soidade, morte...).

Tendencias da poesía galega dos anos 90

Algunhas tendencias máis ou menos compartidas poderían ser:

  • Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector.
  • Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o ouvinte, máis que entre o poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía.
  • Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: insubmisión, ecoloxismo, feminismo...
  • Algúns difunden tamén os seus versos a través de Internet, tanto en versión texto como en audio e vídeo.

A incorporación da muller á poesía galega

Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista (deconstrución do universo masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...): Luísa Villalta, Yolanda Castaño, Lupe Gómez, Pilar Pallarés, Marta Dacosta, Lucía Aldao, María Lado... e Chus Pato (ingresou na RAG en 2017) con A ponte nas poldras, poeta traducida a varios idiomas.

Evidentemente, seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos autores: Claudio Rodríguez Fer, Xosé Carlos Caneiro, Anxo Quintela, Millán Otero, Miro Villar, etc. E a poesía para nenos, A. García Teijeiro, premio nacional 2017 con Poemar o mar.

A poesía galega goza nos últimos anos dun dos mellores momentos da súa historia en calidade e cantidade. A chegada da Internet supuxo unha grande axuda, xa que facilita novas canles de publicación: blogs, redes sociais, portais específicos de poesía. Ademais, permite a difusión de recitais e videopoemas (Vimeo, YouTube...). Hoxe é moi difícil publicar un libro en papel con poemas, mais é moi doado compartir na rede (seguramente con máis lectores) as creacións poéticas.

A represión franquista e a resistencia en Galicia

Cando se produciu o alzamento militar contra a República comezou a represión brutal: xuízos sumarísimos, paseos, depuracións...

Algúns optaron pola fuxida cara a Portugal, outros pola resistencia armada: a guerrilla. Durante a guerra, os fuxidos perseguían a supervivencia. Despois (ata o 1950), convértese nunha auténtica resistencia ao franquismo, organizándose en grupos dirixidos por militantes comunistas (coa esperanza de que a derrota do nazismo supuxese a fin do Réxime). Aparecen xefes guerrilleiros moi populares e carismáticos. O P.C.E. retíralles a axuda a partir do 53 e o último guerrilleiro morre no 65.

O galeguismo durante a ditadura

O galeguismo político foi marxinado e perseguido pola ditadura. O Partido Galeguista mantivo actividade nos 40 con Ramón Piñeiro como enlace interno e co exterior e da súa man desapareceu en 1950 para dar paso ao galeguismo cultural de Galaxia. Tamén no exilio mantivo a súa presenza a través do Consello de Galiza (1944), especie de goberno galego, presidido por Castelao. Foi o P.C.E. a única organización antifranquista con certa presenza social na Galicia (co apoio á guerrilla).

O exilio e a cultura galega

Nos anos 40 a cultura galega mantívose unicamente fóra de Galicia cos exiliados, que se estableceron onde xa había bases de emigrados (Bos Aires, Montevideo, México). Eles continuarán a produción cultural galega (editoriais, radio, revistas, teatro...). De 1940 a 1944 publícanse en América 18 libros en galego e varios en castelán sobre a nosa cultura. Aquí, nada de nada.

A figura máis importante será Castelao, polo seu labor político e cultural, que en Bos Aires estrea Os vellos non deben de namorarse (1941; en Galicia publicarase en 1953 e estrearase en 1961), publica Sempre en Galiza (1944, aínda que os inicios foron escritos antes da guerra civil) e As cruces de pedra na Galiza (1950).

Poesía no exilio

Luís Seoane (Bos Aires, 1910 - A Coruña, 1979). Veu de neno para Galicia e no 36, logo de meses na clandestinidade, puido saír do país. Volveu en 1963. Polifacético (máis coñecido como pintor) en Bos Aires tivo unha actividade variada e intensa: funda revistas (Galicia emigrante), fai radio, ilustra libros... Xa en Galicia crea con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia, orixe da cerámica de Sargadelos.

Podemos caracterizar a súa poesía cos seguintes trazos:

  • Estilo realista, ás veces case xornalístico.
  • Poesía sobria, discursiva, mais chea de forza e de paixón comunicativa.
  • Dominio do verso longo, case prosaico, seminarrativo.
  • Temática preferentemente social, con predominio do tema da emigración tratada desde a perspectiva dos propios emigrantes.
  • Escaseza de poemas persoais, nos que fale o propio eu de Seoane.

Fardel de exiliado (1952) é un dos seus títulos.

Escribiu tamén teatro (escrito en galego aínda que publicado en castelán).

Lorenzo Varela (A Habana, 1916 – Madrid, 1978). Escribe dous libros de poesía en galego, o máis significativo dos cales é Lonxe (1954). Dúas temáticas dominan o libro: unha mítico-histórica baseada na guerra civil na que canta ós guerrilleiros antifranquistas e outra saudosa, en torno á ausencia da Terra e ao exilio.

Narrativa no exilio

Escritas no exilio e case todas publicadas na democracia. Son obras realistas e cargadas de elementos autobiográficos que tratan o tema da guerra civil, así como o dos anos inmediatamente posteriores. O mundo dos fuxidos, da guerrilla antifranquista e da represión son debuxados nuns textos directos que case sempre empregan un narrador en 1ª persoa, outorgándolle deste xeito unha confidencialidade notábel á historia:

  • Non agardei por ninguén, Ramón de Valenzuela, Bos Aires, 1957.
  • Era tempo de apandar, R. de Valenzuela, 1980.
  • O silencio redimido, Silvio Santiago, 1976.
  • O señor Afranio –ou como me rispei das gadoupas da morte-, Antón Alonso Ríos, 1979.

Pero tamén se publican obras clave da nosa literatura como A Esmorga, de Blanco Amor ou Memorias dun neno labrego (1961) de Neira Vilas, un dos libros máis lidos de toda a narrativa galega e traducida a múltiples linguas.

Teatro no exilio

Manuel Varela Buxán foi un dos principais animadores do teatro galego na Arxentina. Ademais de autor teatral foi tamén director e actor. As súas obras son de corte rural-costumista e humorístico, aínda que non están exentas de crítica social. A súa compañía “Maruxa Villanueva” foi a encargada de representar Os vellos non deben de namorarse. (Hai que falar polo tanto desta obra tamén).

Tamén en Bos Aires Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego (1957) e escribiu varias pezas que se coñeceron en Galicia recompiladas en dous volumes Farsas para títeres (1973) e Teatro prá xente (1974). Unhas son obriñas de realismo costumista, pensadas para “a xente do noso pobo”, público pouco afeito a ler ou ver teatro; outras son farsas, non realistas, moi imaxinativas, cheas de elementos fantásticos e satíricos, que lembran o esperpento de Valle Inclán ou o teatro do absurdo europeo; están pensadas para un público culto.

Descargar

PDF Word HTML