Follas Novas de Rosalía de Castro: Análise, Temas e Impacto

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,02 KB

Follas Novas (1880): Análise e Significado

Publicado por Rosalía de Castro en Madrid en 1880, Follas Novas é unha das obras cume da literatura galega. A maioría dos poemas xa os tiña escritos previamente.

Estrutura e Contido

A obra consta dun prólogo en prosa e 137 poemas, clasificados pola propia autora en cinco apartados que levan estes títulos:

  • Vaguedás
  • Do íntimo
  • Varia
  • Da terra
  • As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos

En conxunto, trátase dunha obra máis persoal e filosófica que Cantares Gallegos, a pesar de que haxa en Follas Novas algúns poemas que parecen continuar a liña do primeiro libro de Rosalía. A propia autora destacou no prólogo a mesma inspiración que dera de si Cantares, e foi concibido “en medio de todos os desterros”, de aí o seu escepticismo e pesimismo.

Clasificación da Lírica en Follas Novas

Tendo en conta a perspectiva do suxeito poético, podemos clasificar os cinco libros que compoñen Follas Novas en dous grandes apartados:

1. A lírica solitaria ou subxectiva

Forman parte deste apartado os poemas incluídos nos libros intitulados Vaguedás e Do íntimo.

  • Vaguedás (20 poemas)

    Este libro fai as veces de prólogo poético. Nel, Rosalía reflexiona sobre a escrita feminina e sobre os trazos e contidos da súa propia obra. Tamén manifesta o seu estado caracterizado polo desasosego, o pesimismo, a saudade, a intranquilidade e advirte que os seus versos non poden senón reflectir todos estes estados de ánimo.

  • Do íntimo (36 poemas)

    Neste segundo libro, Rosalía exterioriza as súas particulares reflexións metafísicas, filosóficas e intimistas sobre:

    • A insolidariedade humana
    • O irremediable paso do tempo
    • A perda das ilusións
    • O clasismo nos enterros
    • O contraste entre a natureza fermosa e o espírito humano atormentado

2. A lírica solidaria ou obxectiva

Neste rótulo inclúense os poemas que compoñen as partes Da terra e As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos.

  • Da terra (9 poemas)

    Aquí, Rosalía quere deixar clara a súa plena identificación co pobo galego, a comuñón total coa súa maneira de ser, cos seus valores, costumes, cultura e idioma. Hai varios poemas en Da terra que recordan o estilo e o espírito dos que compoñen Cantares Gallegos. Tamén hai denuncias sobre a discriminación e explotación da muller.

  • As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos (31 poemas)

    Finalmente, neste apartado, Rosalía céntrase no fenómeno da emigración e nas causas que o provocan. Vaino facer sobre todo desde a solidariedade, a admiración e a identificación coas mulleres campesiñas galegas do seu tempo, condenadas a vivir en soidade.

Varia: A Ponte entre o Eu e o Nós

A continuación achamos o terceiro libro, Varia, onde Rosalía expón en 40 poemas a realidade múltiple e complexa que rodea o “eu”. Destaca o sufrimento da xente, especialmente das mulleres, e problemas sociais como a miseria e a emigración. Representa unha viaxe desde o “eu” ata o “nós”, da individualidade á colectividade, do intimismo e do subxectivismo.

Recepción e Legado

Follas Novas demostrou na práctica a capacidade do idioma galego para abordar e expresar todo tipo de temas e sentimentos. Por esa razón, entre outras, a súa acollida foi menos entusiasta que a dos Cantares, e nalgúns casos francamente hostil. Dalgunha maneira, o libro deixaba entrever a posibilidade de que os escritores galegos, cunha literatura e unha lingua do país, non necesitasen outra lingua para a abordaxe satisfactoria de determinadas temáticas literarias que se tiñan considerado ata ese momento patrimonio exclusivo do castelán.