A Literatura Galega na Posguerra: Teatro e Narrativa de 1940 a 1970

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 11,58 KB

O Teatro Galego durante a Posguerra

A Década dos Corenta: O Teatro no Exilio

Durante a década dos corenta, a presenza do teatro galego dentro de Galicia reduciuse ás representacións folclóricas de pezas costumistas. Será en Bos Aires, no exilio, onde haxa actividade teatral de certa normalidade. Destaca a fundación da Compañía Galega Maruxa Villanueva, dirixida polo autor, director e actor Manuel Varela Buxán, que estreou case todas as súas obras e tamén, en 1941, a de Castelao, Os vellos non deben de namorarse. Varela Buxán representou fundamentalmente pezas costumistas que, ás veces, posuían algunha crítica social. Hai elementos do teatro europeo e mestura de elementos míticos e históricos.

Os Anos Cincuenta: A Dramática Silenciada

A pesar de todos os atrancos, dentro das obras que xorden na época dos cincuenta, distínguense dúas liñas esenciais:

  • Continuación co teatro de preguerra, con obras que recollen o experimentalismo simbolista ensaiado por Otero Pedrayo ou o grupo dos novos.
  • Creación de fórmulas que enlazan, dalgún xeito, os intentos de renovación de antes da Guerra Civil co esforzo das novas promocións de teatro independente.

Ricardo Carballo Calero escribiu en 1935 O fillo, que estaba para ser publicada na revista Nós cando estalou a Guerra. As súas obras inscríbense dentro do teatro popular. Nos sesenta publica Loucura e morte de peregrino e Dúas pezas de teatro inerte: os ausentes e No palleiro, xa con dimensións sociais e políticas. En Ramo cativo, publicada en 1990, volve enraizar co teatro popular asociando elementos valleinclanescos na descrición dunha Galicia rural e bárbara.

Álvaro Cunqueiro: No ano 1959 tivo lugar na Coruña a estrea de O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca. Será unha das obras máis salientables da nosa dramaturxia, na que, partindo do Hamlet de Shakespeare, modifica elementos esenciais da trama e reduce tempo e personaxes. Tamén é autor de A noite vai coma un río, peza publicada en 1965 e que foi estreada en Ribadavia en 1973.

Os Anos Sesenta: O Teatro Independente

En 1965 fúndase na Coruña o grupo teatral O Facho, organizado na sociedade cultural do mesmo nome e dirixido por Manuel Lourenzo. Aposta por unha dramaturxia en galego, estreando obras dos dramaturgos contemporáneos do país. Dous anos máis tarde, o mesmo Manuel Lourenzo funda o Teatro Circo. O exemplo destas iniciativas vai propiciar outras varias ao longo de todo o país: Teatro Mástil, Grupo de Teatro Martín Códax, Histrión 70, Compañía Auriense, etc.

O anterior significa o que se vén chamando en Galicia a xeira do Teatro Independente, que propiciou unha renovación estética e temática dentro do teatro galego.

Entre o conxunto de autores máis salientables que comezan o seu traballo na década de 1960 citamos a Daniel Cortezón, que publica en 1966 o drama Nicolás Flamel. Parodia nesta obra o discurso político da ditadura e os personaxes todopoderosos aparecen coma monicreques. Tamén publicou teatro con recorrencias históricas, como Unha vez foi o trebón, e con significación nacionalista, como A lúa vai encoberta.

As Mostras de Ribadavia e o Grupo Abrente

Entre o 17 e o 22 de maio de 1973, e convocada pola agrupación cultural Abrente, teñen lugar en Ribadavia a I Mostra e o I Certame Abrente de Teatro Galego.

Autores e Obras da Narrativa de Posguerra

Ánxel Fole

A súa obra enmárcase no realismo popular ou etnográfico. Publica en 1953 Á luz do candil e logo Terra brava, Contos da néboa e Historias que ninguén cre, ademais da peza teatral Pauto do demo.

Temas principais:

A súa obra é un verdadeiro tratado etnográfico sobre Galicia desde dúas perspectivas: a material e a inmaterial ou espiritual.

  • A realidade material ten como espazo as terras de montaña do Incio, Quiroga e O Courel, describindo a paisaxe humana, xeográfica, as vivendas, as formas de vida, as comidas, as actividades, os costumes, as feiras, as festas, os lugares de reunión e diversión, etc.
  • A realidade inmaterial recrea a complexidade psicolóxica da xente da Galicia daquela, moi baseada en crenzas e lendas. Trátase dunha temática misteriosa e esotérica vencellada coa tradición oral de Galicia.

A técnica narrativa é sinxela, ten carácter oral, predomina o humor e está, en xeral, na liña do conto popular de tradición oral.

Eduardo Blanco Amor

Alén da obra poética e teatral, ofreceulle á literatura galega tres grandes obras narrativas: Os biosbardos (libro de relatos), A esmorga e Xente ao lonxe.

Características xerais:

  • Realismo social.
  • Novelas e relatos de espazo urbano, máis concretamente Auria (Ourense).
  • A pertenza dos protagonistas ás clases populares ou aos marxinados sociais.
  • Ambientes famentos e mesmo indixentes.
  • En Xente ao lonxe conxuga a novela social, a novela histórica e a novela psicolóxica.
  • Aparición de novos temas como a homosexualidade, ambientes prostibularios, maltrato ao detido, etc.
  • Aparición de motivos técnicos innovadores:
    • Técnica do interrogatorio ou técnica telefónica.
    • O perspectivismo.
  • A esmorga é unha novela na que os feitos transcorren en só 24 horas.
  • É un precursor, daquela, da Nova Narrativa Galega (NNG).

Álvaro Cunqueiro

Escribiu tres novelas: Merlín e familia, As crónicas do Sochantre e Se o vello Simbad volvese ás illas; e os libros de relatos: Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá e Os outros feirantes. A medio camiño entre a ficción e o ensaio están os libros Tesouros novos e vellos e A cociña galega.

Características xerais da súa obra:

  • A fantasía lúdica.
  • A erudición confluíndo coa popularidade.
  • As lendas e mitos, principalmente os orientais, clásicos e atlánticos.
  • A maxia.
  • O soño.
  • A riqueza de anécdotas.
  • A descrición psicolóxica e actitudinal de caracteres galegos dos anos corenta, cincuenta, sesenta...
  • O protagonismo da paisaxe.
  • O protagonismo do Tempo co seu decorrer e vivencias esenciais: a saudade, a decadencia, a morte.
  • A ósmose entre realidade e fantasía, esvaecéndose os límites entre a realidade e o soño, permitindo a irrupción do extraordinario nunha continua fervenza imaxinativa.
  • A recollida da forza suxestiva do mito, a forza do nome e apenas o resto. O mito moldéao de acordo coa súa fantasía e adáptao á realidade galega, conectándoo coa tipoloxía popular galega; de aí a familiaridade que deitan os personaxes e acontecementos da súa narrativa.
  • O espazo referencial é o da liberdade e o do soño xunto coa paisaxe galega. Mais as ramificacións e os trasvases dun lugar a outro son constantes.
  • A estrutura narrativa é radial: ao redor dun personaxe básico e un lugar base xiran todos os acontecementos.
  • O seu é un estilo mesto, rico en descricións, popular, que conecta coa narrativa medieval e co estilo oral dos contos populares. O resultado é un preciosismo estético con aparencia de coloquialidade e moi lírico, brincando coas palabras procurando o humor e mais o divertimento.

Xosé Neira Vilas

Debémoslle unha das máis fermosas obras da nosa literatura: Memorias dun neno labrego (1961), na que moitas persoas se viron e se ven reflectidas. Ten unha estrutura moi sinxela que afonda no subdesenvolvemento do medio rural. Desde a óptica crítica dun rapaz chamado Balbino, narra a dura vida dun neno de aldea pobre, nun mundo fechado e sometido até que emigra, como Manolito, o fillo do señor que come pan de trigo. Reproduce nas súas obras a realidade galega. Nas publicacións que teñen como tema xeral a Galicia interior temos libros de protagonismo infantil e libros de protagonismo adolescente. Dentro das primeiras: Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo e, xa publicada fóra da ditadura, outras. A sociedade campesiña galega, oprimida e pobre, aparece a través dos ollos do neno. Son obras social-realistas. Nas narracións de protagonista adulto temos Xente no rodicio, A muller de ferro e, xa na democracia, Querido Tomás. O atraso, a resignación, o sometemento, a violencia psicolóxica e personaxes que son incapaces de saíren dun mundo que os condiciona brutalmente aparecen nestes libros. Tamén ten obras sobre a Galicia emigrante, como Tempo novo, que se caracterizan pola exposición novelada dos problemas derivados da emigración: anguria, desarraigo... Publicou en 1999 O home de pau. Aínda que emprega certos procedementos técnicos comúns á NNG (contrapunto, ruptura da linealidade temporal, técnica de colaxe ou cinematográfica...), nin polo fondo nin pola forma o podemos encadrar dentro dese agrupamento. Situámolo dentro do realismo crítico que sinala as forzas sociais hexemónicas como determinantes das situacións degradadas. O léxico empregado é riquísimo. A exposición narrativa é directa e clara.