Na Noite Estrelecida de Ramón Cabanillas: Estrutura, Métrica e Simbolismo Mítico

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,47 KB

Argumento e Estrutura

Na noite estrelecida está dividida en tres partes:

  1. A espada Escalibor: Comeza cando, na noite de Nadal e na cidade de Caerleon, o mago Merlín aparece para explicar as orixes da espada Escalibor e para sinalar que aquel que logre arrincala da pedra onde está chantada será coroado como rei: algo que só será quen de conseguir o príncipe Artur.
  2. O cabaleiro do Santo Grial: Narra a procura do Santo Grial, o máxico cáliz obxecto das aventuras dos cabaleiros da Mesa Redonda; tan só Galaaz, «limpo de mal, será capaz de atinxir a fazaña».
  3. O soño do Rei Artur: Relata a despedida do rei Artur e o traslado do seu corpo ao lugar onde agarda durmido, que non morto, o día en que de novo se cumpran os designios celestes.

Métrica

  • Verso alexandrino: É o verso máis constante, empregado en tiradas de lonxitude variada pero sempre en rima pareada. O alexandrino confire un ton solemne, un ritmo cadencial e brillante que é o esixido pola narración.
  • Romance: Cando existe a necesidade dunha maior acción e se precisa desenvolver a trama argumental, asistimos á presenza do romance.
  • Sextina rubeniana: Na terceira saga, cando Artur se despide da terra de Caledonia, atopamos un terceiro metro: trátase dunha combinación de alexandrinos e heptasílabos denominada sextina rubeniana, que achega un ton litúrxico ao tempo que os versos curtos permiten unha progresión narrativa fluída.

A Dignificación Mítica de Galicia

Os máis elevados sentimentos cívicos e poéticos de Ramón Cabanillas participan dun texto excepcional cuxo obxectivo consiste, a través do mito, na dignificación nacional de Galicia:

  • Formulación etno-mítica: Sendo un militante activo das Irmandades da Fala, partindo dunha formulación etno-mítica, o que se pretende é poder interpretar os sinais que envía o símbolo para así poder coñecer o futuro, toda vez que este está anunciado no propio pasado. Por iso, ao final da narración, Artur non está morto.
  • Vínculo con Pondal: Pódense poñer en correspondencia estas loitas fazañosas e esa chamada con aqueloutra que levou adiante Eduardo Pondal nos versos de «Os Pinos». En ambos os casos hai unha relación directa cos «bos e xenerosos» da lexión escolleita, cuxa misión era liberar Galicia, ao tempo que se leva adiante o ideal atlántico-cristián.
  • Espazo céltico-cristián galego: No afán de identificar Galicia como o verdadeiro berce do espazo céltico-cristián, son evidentes as referencias implícitas e explícitas:
    • Resulta doado identificar a catedral de Caerleon coa de Santiago de Compostela.
    • A espada Escalibor está gardada na illa de Sálvora.
    • O Santo Grial sitúase no Cebreiro.
    • A exaltación da paisaxe galega maniféstase con gran forza nos versos da segunda parte.