Sociolingüística Galega: Funcións, Conflito e Dixlosia

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,4 KB

A Lingua e as súas Funcións Sociais

A linguaxe é unha característica específica do ser humano. Cada lingua é un produto das necesidades das colectividades que a falan, da historia, dos intereses e da cultura. É dicir, constitúe un elemento básico dun individuo ou comunidade.

Unha lingua é o medio básico de comunicación para os membros dunha sociedade, e concrétase nas seguintes funcións sociais:

  • Identidade: A lingua sérvelle ao individuo para articular o pensamento e construír a súa identidade.
  • Familiar: A lingua empregada no seo da familia (Exemplo: O galego como lingua familiar).
  • Laboral: A función que desempeña unha lingua no mundo do traballo (Exemplo: O cambio do galego ao castelán).
  • Local: A que desempeña unha lingua nos contactos entre persoas do mesmo contorno.
  • Institucional: A lingua é o vehículo normal de comunicación entre o individuo e os distintos estamentos sociais, políticos, económicos e administrativos da entidade nacional á que pertence.
  • Cultural: A lingua empregada no mundo das artes e as ciencias.
  • Internacional: Unha lingua utilizada para comunicarse con outros falantes que non comparten a mesma lingua.

Conflito Lingüístico e Dixlosia

O conflito lingüístico é consecuencia do contacto de linguas e consiste na disputa entre dúas linguas que pugnan por desempeñar as máximas funcións sociais posibles.

A diglosia é unha situación na que unha lingua alta (ou A) capta os ámbitos de uso máis importantes, mentres que a lingua baixa (ou B) queda relegada aos ámbitos menos importantes.

No caso do galego, os procesos de expansión e de unificación política provocaron unha situación de dominio por parte de Castela. A identificación cultural co grupo dominante conduciu os individuos a adquirir unha sensibilidade especial respecto da súa propia “inferioridade”, o cal se manifesta nunha falta de autoestima e nun autoodio traducido no menosprezo cara á propia lingua.

O conflito lingüístico é o reflexo das tensións sociolingüísticas que se producen no momento en que a lingua B pretende recuperar os ámbitos dos que foi desposuída. As posibles saídas a este conflito son:

  1. Que unha lingua termine facendo desaparecer completamente á outra (substitución).
  2. Que se emprendan procesos que permitan a convivencia de ambas as linguas, pero con potenciación da lingua B.

Esta segunda opción é a que se dá en Galicia, buscando a normalización lingüística.

O Mito do Bilingüismo Harmónico

Tamén hai quen supón que se pode dar un bilingüismo harmónico entre as dúas linguas, unha convivencia pacífica na que cada quen fale o que lle pareza e domine ben os dous idiomas; solución que, en contextos de diglosia, acabaría conducindo á substitución da lingua minorizada.

Prexuízos Lingüísticos e Normalización

Relacionados coa situación de conflito lingüístico e de diglosia, están os prexuízos lingüísticos, que son xuízos negativos emitidos sobre unha lingua ou sobre os seus falantes co propósito de provocar o seu rexeitamento.

Son variados os prexuízos que existen sobre o galego, moitos deles sen xustificación, pero que seguen funcionando no noso territorio na actualidade:

  • O galego é unha lingua rural e non válida para a escrita.
  • Lingua de pobres e ignorantes.
  • O galego é unha imposición dunha minoría política.
  • O galego como lingua ruda ou fea.
  • O galego, lingua non válida para a xente nova.

Por último, o número de falantes non medra, polo que os labores de normalización son fundamentais no noso caso para garantir a súa supervivencia e uso pleno.