Plurilingüismo e Normalización Lingüística do Galego

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,05 KB

O Plurilingüismo e a Diversidade Lingüística Mundial

Actualmente, o plurilingüismo caracteriza a situación lingüística mundial. Esta gran diversidade lingüística correspóndese tamén cunha gran variedade de situacións, posto que hai: linguas con estado (como o italiano) e linguas sen estado (como o bretón); linguas oficiais en máis dun estado (como o portugués); estados unilingües (como Islandia); estados plurilingües (como España); linguas minoritarias (con poucos falantes) e linguas maioritarias (con moitos falantes).

Contacto de Linguas: Dominantes e Minorizadas

Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, a dominante vai ocupando progresivamente os ámbitos da outra, a dominada, e vai provocando a súa substitución. A esta lingua dominada chámaselle tamén lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos máis baixos e ignorada nos máis elevados. As linguas dominantes gozan dun gran prestixio social, que vén dado pola existencia dun poder político-económico. Cantas máis funcións capte unha lingua, maior prestixio social acada.

Características das Linguas Minorizadas

Polo tanto, unha lingua minorizada non cobre todas as funcións dunha lingua na súa comunidade. En moitas ocasións, a lingua minorizada é a lingua autóctona, pero pasa a ter escaso prestixio fronte á lingua dominante (por exemplo, o castelán fronte ao galego). Por exemplo, o galego é un idioma minorizado, pero maioritario no seu territorio.

O Conflito Lingüístico e as Súas Saídas

O enfrontamento pola maior presenza social entre un idioma dominante e unha lingua minorizada dá lugar ao conflito lingüístico, que só ten dúas saídas:

Tipos de Saídas ao Conflito Lingüístico

  • a) A substitución lingüística: Proceso polo cal a lingua allea elimina por completo a lingua propia de todos os ámbitos de uso.
  • b) A normalización lingüística: Proceso que converte unha lingua no vehículo normal de comunicación dunha comunidade. Significa, pois, a recuperación do seu uso oral e escrito en todas as situacións da vida dos habitantes dun país, e que o recurso a outra lingua só sexa voluntario e non por obriga.

Aplicado este concepto ao galego, normalizar o noso idioma consistiría en que este recuperase a súa implantación en todos os ámbitos da vida e en todos os estamentos sociais.

A Normalización Lingüística do Galego

Para levar a cabo o proceso de normalización dunha lingua, cómpre a intervención de diferentes sectores sociais:

Sectores Clave na Normalización Lingüística

  • Acción institucional do poder político: Xunta de Galicia, Parlamento Autonómico, deputacións provinciais, etc.
  • Acción non institucional: asociacións culturais, de veciños, profesionais, etc.
  • Acción individual: asentada na vontade de normalización das persoas que forman a comunidade lingüística.

Sen esta vontade individual, o proceso nunca se poderá levar a cabo.

Avances e Desafíos na Normalización do Galego

Nos últimos anos, houbo avances importantes que benefician o proceso de normalización do noso idioma:

  • O galego goza dun recoñecemento oficial e dispón dunha lexislación propia.
  • Conta cunhas normas ortográficas.
  • Hai unha radio e televisión autonómicas.
  • Hai unha literatura prestixiosa.
  • Aumentou o seu uso na administración, nas institucións públicas e na actividade política.

Con todo, en moitos destes ámbitos maniféstase unha preferencia polo castelán e a práctica do galego segue a ser minoritaria. Ademais, o noso idioma segue retrocedendo como primeira lingua, sobre todo entre a xuventude. A pesar dos avances, de momento o galego non acadou a categoría de lingua normalizada. Isto será realidade cando poidamos realizar calquera actividade sen necesidade de recorrer a outra lingua, e todos o usen de maneira natural en calquera situación.