A literatura galega no exilio: teatro, narrativa e ensaio

Lengua y literatura4,6 KB

...masculinos, os tres vellos, de cada lance. A peza pon en tea de xuízo un mundo en que a xente se move en función de intereses egoístas, non de sentimentos humanos lóxicos e naturais.

O teatro no exilio

Eduardo Blanco Amor

A súa obra divídese en dous subxéneros: as pezas de realismo costumista e as farsas. Estas últimas son obras non realistas, moi imaxinativas, cheas de elementos fantásticos e satíricos, na liña do esperpento de Valle-Inclán e do teatro do absurdo europeo. Están pensadas para un público cultivado. As pezas do realismo costumista amosan como principais virtudes a calidade dos diálogos e a recreación de personaxes tomados do rural galego. O conxunto de obras teatrais de Blanco Amor está reunido en dous volumes: Farsas para títeres e Teatro prá xente. A toda esta obra teatral hai que engadir a peza Proceso en Jacobusland, que constitúe unha durísima denuncia da represión franquista e das inxustizas do aparello xudicial.

Luís Seoane

A obra teatral de Luís Seoane está composta por:

  • A soldadeira: peza de tema histórico e social, coa revolta irmandiña como fondo. Seoane logra fundir na obra as referencias ao pasado histórico con alusións ao presente galego, dominado pola ditadura.
  • Esquema de farsa: peza curta de carácter satírico, en que se denuncia a falsa visión que ofrecen as autoridades franquistas do que era a vida dos emigrados galegos.
  • O irlandés astrólogo: aborda o drama dos exiliados e o conflito entre o poder e a liberdade do individuo.

Xénero narrativo no exilio

  • Ramón de Valenzuela Otero: publicou Non agardei por ninguén, novela centrada na loita guerrilleira nos montes galegos e protagonizada por un fidalgo galeguista republicano. Anos máis tarde publicou a novela Era tempo de apandar, centrada no exilio. Por último, publicou a recompilación de relatos curtos O naranxo.
  • Antón Alonso Ríos: iníciase como escritor coa novela Da saudade. Amore, arte e misticismo, semellante á obra do Grupo Nós por centrarse na fidalguía, no sentimento da terra e na carga culturalista. Máis tarde publicou O siñor Afranio e Nidia, protagonizada por unha monxa.
  • Silvio Santiago: desenvolve o seu labor galeguista en Caracas. Sobre a súa terra natal escribe Villardevós e O silencio redimido, obra na cal denuncia a opresión franquista e as peripecias de moitos por buscarem a liberdade.

O ensaio no exilio

Os ensaístas no exilio continúan o labor iniciado polo Grupo Nós, coas mesmas inquedanzas e cos mesmos obxectivos; no entanto, e a diferenza do ensaio que se estaba a facer na Galiza do interior, na diáspora os escritores seguen unha liña política, con tendencia marxista e non exclusivamente cultural. De aí que un dos temas esenciais sexa o nacionalismo galego alentado por Castelao.

  • Castelao: publicou o estudo As cruces de pedra na Galiza e Sempre en Galiza, auténtica biblia do patriotismo galego. É un ensaio composto de materiais moi heteroxéneos, escrito en épocas diversas e en diferentes circunstancias. Nesta obra hai achegamento á historia de Galiza, propostas federalizantes para o Estado español, aclaracións de conceptos como nación, estado, autodeterminación..., exposicións das reivindicacións básicas do galeguismo, defensa do idioma galego, etc.
  • Luís Seoane: publicou Textos en col da arte galega e Textos sobre arte galega e deseño, recompilacións de artigos sobre figuras da arte e da pintura galegas.
  • Antón Alonso Ríos: publicou os ensaios nacionalistas Co pensamento na patria galega e A cultura na súa dimensión americana.
  • Xosé Núñez Búa: membro do Seminario de Estudos Galegos (SEG) e do Partido Galeguista de preguerra, rememora as súas vivencias en Revoira e fai un ensaio biográfico sobre Castelao na obra Vida e paixón de Castelao.
  • Lois Tobío Fernández: fundador do SEG, membro do Partido Galeguista e diplomático republicano. Editou ao final da súa vida o volume memorístico As décadas de T. L.
  • Xerardo Álvarez Gallego: exiliouse en Cuba, desde onde dirixiu a revista Loita. Escribiu Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda.

Descargar

PDF Word HTML