A Literatura Galega no Exilio e a Posguerra (1936-1976)

Lengua y literatura11,02 KB

A literatura galega no exilio (1936-1950)

Na etapa de posguerra, debido aos recortes da nova ditadura franquista, o galego foi maltratado e reducido ao nivel de dialecto, sendo a lingua castelá a única oficial do Estado. Nestes primeiros anos despois da Guerra Civil, a produción literaria vólvese escasa e os únicos textos en galego que se publican son de autores clásicos como Rosalía de Castro e os seus Cantares Gallegos. Desta forma, a nosa lingua perdeu o prestixio alcanzado nos anos precedentes á guerra.

Por mor desta situación, os intelectuais tiveron que emigrar, a maioría a América Latina, a países como Cuba, Venezuela ou Arxentina. Bos Aires foi a capital galega onde os exiliados editaron revistas, crearon editoriais, impulsaron libros e reimpresións. Grazas ao labor destes intelectuais da talla de Castelao ou Rafael Dieste, a cultura e, sobre todo, a literatura galega sufriron un impulso dentro da época de escuridade que se prevía.

Na literatura, o xénero máis frecuente foi a poesía, aínda que tamén se cultivou o teatro. Predominan temas reivindicativos de liberdade e intimistas por ser desterrados da súa terra natal. Esta cultura foi promovida polos centros galegos de cultura. Na poesía pódense destacar tres escritores: Emilio Pita, antecedente da poesía social; Luís Seoane, que tratará a emigración e a recreación histórica; e Lorenzo Varela.

Emilio Pita publicou primeiro Jacobusland, ao que lle seguen Cantigas de neno e O rosel verdegal. A primeira e tardía obra de Luís Seoane foi Fardel do exiliado, que estaba centrada na emigración dos galegos. Posteriormente publica Na brétema, Sant-Iago, As cicatrices e A maior abondamento.

Lorenzo Varela destacará con dúas obras: Catro poemas para catro gravados e, posteriormente, Lonxe, onde expresa a súa angustia polo desterro. Na narrativa só podemos destacar a dous autores, como son Ramón de Valenzuela Otero e Silvio Santiago. Ramón de Valenzuela recolectará relatos breves no seu libro O naranxo. Documentará a época nas súas dúas novelas Non agardei por ninguén e Era tempo de apandar. Silvio Santiago escribiu Vilardevós e O silencio redimido.

O teatro foi especialmente reprimido polo franquismo dado que é un espectáculo de contacto directo co público. No exilio destaca a compañía creada por Varela Buxán, que estreará a obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse, que alternará cada dez días coa súa propia obra Taberna sen dono. Outros autores que destacaron son Ánxel Fole coa súa obra Pauto do demo, na que unha meiga pretende traspasarlle os seus poderes a unha rapaza, pero o mozo desta o impede; e Eduardo Blanco Amor, que ademais de crear a compañía Teatro Popular Galego e escribir obras breves en dous volumes (Farsas para títeres e Teatro para a xente), escribe a peza Proceso en Jacobusland, onde denuncia a represión da ditadura.

Por último, o ensaio seguiu a liña da Xeración Nós, cunha ideoloxía radical, nacionalista e con tendencias marxistas. Doutí despréndese o tema do nacionalismo galego alentado por Castelao.

A Nova Narrativa Galega

Este nome aplícase á xeración de autores que comezan a escribir entre 1950 e 1970. Está profundamente influenciada por figuras da literatura universal como Joyce ou Camus, renovando tanto temas como técnicas. As súas obras teñen como maiores achegas o cambio de perspectiva, polo que o narrador pasa de ser omnisciente e manipulador a estar oculto, dando paso aos monólogos interiores das personaxes.

Os espazos son amplos e imprecisos, con nomes exóticos ou innominados. O tempo vólvese tamén impreciso, sen orde aparente, ademais a historia pode ter lugar en poucos días ou horas. As personaxes son solitarias, violentas e incluso poden estar afectadas pola locura. Todas estas características veñen dadas por autores de ambiente urbano, viaxantes e potentemente coñecedores doutras linguas, o que lles dá acceso ás obras doutros escritores estranxeiros ós que non podían acceder pola réxime franquista. Están profundamente influídos polos ambientes depresivos que acostuman.

Os autores máis destacables da época son Gonzalo Rodríguez Mourullo, Méndez Ferrín, Camilo Gonsar e Carles Casares. Gonzalo Rodríguez Mourullo inicia este movemento con Nasce un árbore, que propón a introspeción do subconsciente a través da superposición de plans.

Xosé Luis Méndez Ferrín destacou con Percival e outras historias, O crepúsculo e as formigas e Arrabal do norte. Percival e outras historias é un conxunto de 14 relatos coa mestura entre mundo real e fantástico. En O crepúsculo e as formigas, tamén un conxunto de relatos, crea un ambiente de terror onde as persoas se moven en fila coma formigas, innovando co monólogo interior e a técnica cinematográfica. En Arrabal do norte, a súa primeira novela, amósanos un personaxe anónimo na busca de algo que nin el coñece.

Camilo Gonsar comezou con Lonxe de nós, un libro de relatos no que trata a soidade, a angustia e o absurdo. Con Como calquera outro día narra o camiñar por Madrid dun estudante galego no que hai unha ruptura temporal para amosar o pasado dos emigrantes en Londres.

Carlos Casares destaca polo seu estilo de perspectiva múltiple, monólogo interior e ruptura temporal. Escribiu Vento ferido (formado por 12 relatos que mostran a violencia, a frustración, a soidade e a angustia) e Cambio en tres, que é unha novela na que un emigrante volve a Galicia para o enterro dun amigo e vai lembrando situacións do pasado. Estes autores supuxeron un cambio de estilo na narrativa dotándoa duns aires frescos polas súas técnicas e temas.

A prosa entre 1936 e 1976: Renovadores

A Guerra Civil rompeu co impulso que supuxeran os escritores da Xeración Nós para a lingua galega. A esta causa non chegará ningunha novela nin libro de relatos ata que Carballo Calero publique en 1950 A xente de Barreira. Por iso, os escritores da época caracterizánse pola individualidade dos seus estilos.

Álvaro Cunqueiro combinará realidade e fantasía, Ánxel Fole recuperará o conto popular, Blanco Amor destacará polo realismo social de enarcado compromiso, e Neira Vilas escribirá sobre o mundo rural e a emigración.

Álvaro Cunqueiro destacou con tres novelas de estilos semellantes. En Merlín e familia un paxe do mago Merlín contará como o anciano mago axuda á xente de diversas partes do mundo, ofrece unha creación moi galega da materia de Bretaña. As crónicas do sochantre contanos a historia dun sochantre que, dirixíndose a un enterro, é recollido por uns defuntos que narran as historias da novela. É unha obra divertida que se desenvolve na Bretaña francesa. En Se o vello Simbad volvese ás illas o mañaneiro inventa historias para manter o seu prestixio. As obras de Cunqueiro denominadas como libros de semblanzas son retratos de persoas populares galegas. Consta de tres coleccións: Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes.

Ánxel Fole é sobre todo escritor de contos. A súa maior obra é A luz do candil, que compila 14 relatos baseados na mitoloxía de lobos, meigas... nunha ambientación rural cunha estrutura tradicional de introdución, presentación do tempo e espazos concretos, desenvolvemento e desenlace, con fins didácticos. Outra obra reseñable é Terra brava, de temática máis misteriosa.

Blanco Amor ten unhas características fixas como que a súa obra sempre transcorre en Auria, está escrita en primeira persoa e trata temas como a violencia ou a marginación. En A esmorga dous amigos explican a un xuíz as últimas 24 horas da esmorga, finalmente intervén un narrador para contala morte de Cibrán. Os biosbardos é un conxunto de 7 relatos curtos en primeira persoa, cada relat conta cun protagonista. Xente ao lonxe narra a loita de traballadores sindicais por unha escola laica fronte aos burgueses na busca dunha escola relixiosa.

A obra de Xosé Neira Vilas desenvólvese no mundo real da posguerra, con protagonistas oprimidos polo medio. Destacan dous movementos na súa obra: os ciclos de neno, con protagonistas infantís (Cartas a Lelo), e os ciclos de adulto, con protagonistas adultos (Camiño bretemoso).

O teatro galego entre 1936 e 1976: A Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia

A Guerra Civil e a posterior ditadura militar supuxeron que o teatro galego se refuxiase en América. Así, en Bos Aires vaise estrear en 1941 a única peza teatral de Castelao, Os vellos non deben de namorarse, e desenvolverase un programa estable de representacións teatrais da man de Buxán. O seu teatro é un teatro rural, popular e cómico, que trata de que o seu público lembre a súa terra.

É na década dos 50 cando comeza unha lenta recuperación do xénero dramático dentro de Galicia con tres liñas temáticas: rexionalista, vangardista e teatro de angustia existencial. Entre os autores destas anos, cabe destacar a:

  • Otero Pedrayo con O desengano do Priorio (1952), obra que segue a liña vangardista da preguerra.
  • Fole, con Pauto do demo, está na liña vangardista.
  • Cabanillas con Macías o namorado.
  • Cunqueiro, con O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959), a súa peza dramática máis importante que supón unha reinterpretación do mito clásico. Utiliza o coro como símbolo de conciencia colectiva que condena o parricidio e o incesto.
  • Eduardo Blanco Amor, o cal introduce no teatro galego influencias do teatro de Valle-Inclán ou de Lorca nas súas Farsas para títeres e Teatro prá xente.

Autores máis novos como Carballo Calero, Manuel María, etc. Nos anos 60 nace o Teatro Independente galego da man do dramaturgo e actor Manuel Lourenzo. Este teatro, que pretendía rescatar o teatro das salas comerciais e arrimalo ao pobo, crecendo así a representación teatral: fronte á compañía estable do teatro burgués aparecía un grupo que quería un público popular.

Tamén aspiraba a romper coa diglosia escénica e crear as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento pleno dun teatro nacional. Os grupos independentes sentaron as bases para que todo o teatro que se facía en Galicia acabase sendo galego. Os autores máis destacados desta época son Daniel Cortegoso coas obras Os irmandiños, Nicolao Flamel..., e Manuel María coas obras Barriga verde, O meu mundo non é deste reino e, máis tarde, Farsa de Bululú.

Descargar

PDF Word HTML