A diglosia e a normalización lingüística do galego: prexuízos e proceso
Resumen
O texto explica a situación de diglosia que vive o galego desde a Idade Media, a convivencia desequilibrada co castelán e o papel dos prexuízos lingüísticos na súa minorización. Tamén describe o proceso de normalización lingüística, o marco legal da democracia e os factores e axentes que o favorecen ou dificultan.
Puntos clave
- A diglosia é a coexistencia desequilibrada de dúas linguas en ámbitos distintos, con diferente valor social; en Galicia o castelán ocupa os ámbitos de prestixio e o galego queda nos informais.
- Os prexuízos lingüísticos son valoracións negativas sobre o galego e os seus falantes que xustifican o seu rexeitamento e son un obstáculo para a normalización.
- Os prexuízos tradicionais asocian o galego co rural, a pobreza e o atraso; os novos rexeitan o galego normativo como artificial ou dinse que é unha lingua con poucos falantes.
- A normalización lingüística busca que o galego sexa vehículo normal de comunicación en todos os ámbitos da vida.
- O novo marco legal da democracia (Constitución de 1978, Estatuto de 1981 e Lei de Normalización Lingüística de 1983) proclama o galego lingua cooficial e impulsa avances en administración, ensino e medios.
- Os factores negativos máis graves son a perda de falantes e a ruptura da transmisión xeracional, que aumentan o risco de substitución lingüística.
A situación de diglosia en Galicia
En Galicia existe, desde finais da Idade Media, unha situación de diglosia ou bilingüismo diglósico; é dicir, a coexistencia desequilibrada de dúas linguas, usadas en ámbitos distintos e que teñen un valor social diferente: unha lingua en expansión, o castelán, que foi ocupando progresivamente os ámbitos e as funcións de prestixio (medios de comunicación, ensino, ciencia…); e unha lingua minorizada, o galego, lingua propia que sofre un proceso de substitución lingüística ao ser desprazada dos usos de prestixio e quedar relegada ás funcións informais, cotiás e familiares.
Esta marxinación do galego provocou que se asentase en boa parte da sociedade un fondo complexo de inferioridade denominado autoodio, un sentimento de rexeitamento e de desprezo polos sinais de identidade propios. Xurdiron así os prexuízos lingüísticos: valoracións e actitudes negativas sobre o galego e sobre os seus falantes co obxectivo de provocar o seu rexeitamento. Están baseados na contraposición entre linguas que se consideran “boas, útiles e importantes” e outras que non o son. Son, xa que logo, un obstáculo para a normalización lingüística. Debido a estes prexuízos, fóronse creando tamén unha serie de estereotipos ou ideas simplificadoras e irracionais sobre a nosa lingua e sobre os seus falantes (os galegos son brutos, o galego soa mal…).
Os prexuízos lingüísticos e os seus efectos
Existen prexuízos vellos ou tradicionais (socioeconómicos, socioculturais e estéticos) que asocian o galego cunha lingua vinculada co mundo rural, a pobreza, a ignorancia e o atraso. Os máis comúns son:
- O galego é rudo e soa mal.
- Fóra de Galicia non ten utilidade.
- É un atranco para atopar traballo.
- É descortés usalo cando nos falan castelán.
- Non é unha lingua apropiada para a ciencia, a música moderna ou as traducións.
Estes vellos prexuízos foron sufrindo progresivamente un retroceso na sociedade e xa poucas persoas defenden que é unha lingua inferior; porén, nacen prexuízos novos:
- Rexéitase o galego normativo porque é un “invento” artificial e non é “auténtico”.
- É mellor non falalo que facelo mal.
- É unha lingua con poucos falantes.
- Unha minoría pretende a súa imposición ao resto da poboación.
- É a lingua dun grupo ideolóxico, político ou profesional determinado.
- Os neofalantes emprégano por chamar a atención ou por unha pose intelectual.
- Non ten cabida no mundo actual, globalizado e con Internet.
Os prexuízos lingüísticos están moi estendidos e teñen graves consecuencias: afectan moi negativamente ao autoconcepto individual e colectivo, son discriminatorios, manteñen os usos diglósicos e provocan o abandono da lingua e a ruptura da transmisión xeracional. É importante poñelos ao descuberto e combatelos para evitar a súa transmisión. A única forma de eliminalos é coñecer as causas que os provocan e cuestionar o discurso establecido.
O proceso de normalización lingüística
O galego é, desde finais da Idade Media, unha lingua minorizada porque está nunha situación de desequilibrio ou desvantaxe con respecto ao castelán, lingua dominante ou en expansión que goza de maior prestixio social e desenvolve as funcións elevadas, podendo provocar a substitución lingüística. Para superar esta situación e acadar un uso normal da lingua, cómpre levar a cabo o proceso contrario, coñecido como proceso de normalización lingüística, que ten o obxectivo de converter esa lingua en vehículo normal de comunicación entre os cidadáns do territorio, recuperando o seu uso en todos os ámbitos da vida por parte de todos os estamentos sociais.
Tras a etapa dos Séculos Escuros, o galego comezou timidamente o proceso de normalización no século XIX, ao recuperarse para os usos literarios. Este proceso experimentou un importante avance na preguerra, mais durante a ditadura sufriu de novo un enorme retroceso. Teremos que agardar á etapa democrática para ver importantes avances na normalización do galego, porque o novo marco legal (Constitución de 1978, Estatuto de Autonomía de 1981 e a Lei de Normalización Lingüística de 1983) proclámao lingua cooficial e permite avances normalizadores en diferentes ámbitos:
- Nas administracións públicas.
- No ensino, coa introdución do estudo do galego e do seu uso como lingua vehicular.
- Nos medios de comunicación públicos, coa creación da Radio Galega e da TVG.
Factores e axentes da normalización
Para acadar con éxito o proceso de normalización cómpre a intervención de diferentes sectores sociais: das institucións públicas (Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Parlamento, universidades, deputacións, concellos…), a acción de colectivos non institucionais (asociacións culturais, profesionais…) e a acción individual.
Actualmente hai factores favorables á normalización lingüística: menos prexuízos lingüísticos, mellor valoración social do galego, maior presenza en sectores urbanos e instruídos, no mundo da cultura e a regaleguización de persoas castelanfalantes. Pero segue habendo factores negativos que inciden na normalización: a pervivencia dos prexuízos, usos rituais da lingua, actuacións políticas non favorables, actuacións de asociacións minoritarias contrarias ao galego, perda continuada de falantes e ámbitos nos que non avanza o proceso normalizador (sanidade, xustiza, comercio, publicidade, Igrexa, sectores do ensino e medios de comunicación privados).
Nunca, desde a Idade Media, se dispuxo de tantas armas para a normalización lingüística, pero, asemade, nunca o perigo de substitución foi tan claro debido á perda continuada de falantes, sobre todo pola ruptura da transmisión xeracional da lingua. En definitiva, o proceso de normalización está nun momento decisivo, e o éxito do mesmo dependerá do interese e da eficacia das institucións e da toma de conciencia da cidadanía.
Notas aclaratorias sobre a situación lingüística
- Ás veces, as linguas minorizadas cualifícanse erroneamente como linguas minoritarias (que dependen do número de falantes) equiparando ambos termos, pero non sempre é así: hai linguas que teñen unha porcentaxe de falantes superior á lingua dominante e están minorizadas (o sardo é máis falado có italiano na illa de Sardeña, e o occitano está a piques de desaparecer en Francia, malia pertencer a unha comunidade duns 11 millóns de habitantes). Pola contra, existen linguas minoritarias que teñen un uso normalizado (o islandés, con 300.000 falantes), e unha lingua normalizada e oficial nun estado pode estar minorizada noutro: o castelán, maioritario e dominante en España, é minoritario e está minorizado nos EUA. Ademais, o concepto de lingua minoritaria é relativo, xa que depende do marco de referencia no que nos situemos.
- A Lei de Normalización Lingüística recolle os dereitos lingüísticos en Galicia, a cooficialidade do galego na Administración autonómica e municipal, o uso do galego no ensino e nos medios de comunicación e a responsabilidade dos poderes públicos na protección e fomento do galego.
- A Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería de Educación, é a encargada desde 1983 da recuperación e promoción do galego na Administración e na sociedade en xeral, pero resulta evidente que non conseguiu frear a substitución do galego polo castelán.
- Organizacións non institucionais que desenvolven un importante labor normalizador: Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Pais e Nais polo Ensino en Galego, Mocidade pola Normalización Lingüística…
Descargar
PDF Word HTMLPreguntas frecuentes
Que é a diglosia?
É a coexistencia desequilibrada de dúas linguas usadas en ámbitos distintos e con valor social diferente. En Galicia, o castelán ocupa os ámbitos de prestixio e o galego queda relegado aos usos informais e familiares.
Que é o proceso de normalización lingüística?
É o proceso que pretende converter unha lingua minorizada en vehículo normal de comunicación entre a cidadanía, recuperando o seu uso en todos os ámbitos da vida e en todos os estamentos sociais.
Cales son os principais prexuízos lingüísticos sobre o galego?
Entre os tradicionais están que o galego é rudo, que non ten utilidade fóra de Galicia ou que é un atranco para atopar traballo. Entre os novos están que o galego normativo é un invento artificial ou que é a lingua dun grupo ideolóxico determinado.
Ponte a prueba
Tarjetas de repaso
Pulsa una tarjeta para ver la respuesta.
Test
Preguntas generadas con IA a partir del documento: comprueba las respuestas con el texto.