A literatura galega medieval: trobadorismo, cantigas e séculos escuros

Lengua y literaturaActualizado el 51,5 KB

Resumen

Este documento percorre a historia da literatura galega desde a Idade Media ata o Rexurdimento. Explica a orixe e as características da lírica trobadoresca (cantigas de amor, de amigo e de escarnio), a obra de Afonso X e as Cantigas de Santa María, e a etapa dos Séculos Escuros. Remata co Rexurdimento e coas figuras de Rosalía de Castro, Pondal, Curros Enríquez e outros autores.

Puntos clave

  • A lírica galego-portuguesa desenvolveuse entre finais do século XII e mediados do XIV, con cerca de 2100 cantigas conservadas.
  • As cantigas de amor seguen o modelo do amor cortés, con relación de vasalaxe e amor non correspondido; as de amigo teñen voz feminina.
  • As Cantigas de Santa María (427 composicións en galego-portugués) foron promovidas por Afonso X o Sabio.
  • Os Séculos Escuros (XVI-XVIII) caracterizáronse pola marxinación do galego e a ausencia case total de literatura culta en galego.
  • O Rexurdimento, inaugurado simbolicamente en 1863 con Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, recuperou a literatura galega en pleno século XIX.

Ponte a prueba

A Lingua Galega na Idade Media

A sociedade galega medieval era monolingüe. Isto quere dicir que a xente se expresaba en galego ante calquera interlocutor, independentemente da súa orixe ou condición (nobres, reis, campesiños...). Ademais de ser a lingua falada por toda a poboación, a finais do século XII comeza a empregarse tamén nos textos escritos, tanto en documentos privados como en documentos públicos e tanto en textos literarios como non literarios (textos xurídicos, administrativos, históricos...). Na Idade Media, o galego é, polo tanto, unha lingua normalizada.

Ademais, o galego era un idioma de prestixio. A poesía trobadoresca galego-portuguesa acada unha extraordinaria importancia e o galego convértese na lingua da lírica, non só en Galicia e Portugal, senón en toda a Península (agás en Cataluña e na zona baixo dominio musulmán). É dicir, van escribir poemas en galego-portugués non só poetas galegos ou portugueses, senón doutras zonas da Península.

A Poesía Trobadoresca Galego-Portuguesa

A lírica medieval galego-portuguesa está formada por un conxunto de aproximadamente 2100 cantigas compostas entre finais do século XII e mediados do XIV no occidente peninsular. Son 150 anos nos que trobaron en galego non só trobadores galegos e portugueses, senón tamén doutras zonas. Trátase dun fenómeno cultural que xorde e se desenvolve fundamentalmente en ámbitos señoriais e aristocráticos como divertimento da nobreza e de reis e raíñas. A poesía trobadoresca non foi creada para ser lida, senón para ser cantada, de aí a denominación de “cantigas”, con acompañamento de instrumentos musicais e, ás veces, dunha danza.

Orixes da Poesía Trobadoresca: A Provenza

A lírica trobadoresca ten a súa orixe no século XII no sur de Francia, na Provenza. Caracterízase por ser unha poesía de temática fundamentalmente amorosa que segue as regras do amor cortés (unha relación amorosa comparable á relación de vasalaxe feudal entre un vasalo e o señor feudal). A lingua na que está escrita é a lingua d'oc ou occitano (ou provenzal). Considérase que o duque Guillerme IX (1071-1126) é o primeiro trobador. Tanto el como a súa neta, Leonor de Aquitania (1122-1204), raíña sucesivamente de Francia e Inglaterra, eran mecenas, protectores das artes. As técnicas e os temas desenvoltos polos trobadores no sur de Francia axiña se poñen de moda e se espallan por toda Europa.

Chegada da Poesía Trobadoresca a Galicia

A poesía trobadoresca penetra no ámbito lingüístico galego-portugués a través de varias vías:

  1. O Camiño de Santiago: Santiago tiña moita importancia como centro de peregrinación e de alta cultura no medievo. O Camiño de Santiago era unha ruta comercial e espiritual que unía Compostela con toda Europa. Atrae un enorme fluxo de xograres e trobadores que importan temas e técnicas literarias de moda noutros lugares, como por exemplo nos territorios do sur de Francia. Esa literatura entronca cunha tradición literaria autóctona que xa existía en Santiago antes da chegada da moda trobadoresca.
  2. Orde de Cluny: A partir do século XII, monxes da orde de Cluny reforman e instálanse en vellos mosteiros galegos. Estes monxes desempeñan unha importante función educativa. Moitos dos abades cluniacenses en Galicia procedían de alén dos Pirineos, polo que coñecían a lírica provenzal e puideron difundila.
  3. Os contactos nobiliares: Os nobres franceses participaron a miúdo nas campañas militares contra os musulmáns. Era habitual tamén a busca de alianzas matrimoniais coa alta nobreza francesa, o que significaba a importación de novos costumes e modas cortesás.

Etapas: Esplendor e Decadencia da Lírica

A lírica galego-portuguesa comeza a xestarse baixo os reinados de Fernando II e Afonso VIII, reis de Galiza e León, enterrados no Panteón Real da catedral de Santiago. Estamos a falar dunha época marcada polo poder da aristocracia galega (sobre todo da familia dos Traba, grandes magnates da corte e aios de reis) e polo poder da Igrexa. Eran tamén momentos de bonanza económica que permitían que as cortes señoriais puidesen dedicarse a ese espectáculo que era a poesía.

A cultura trobadoresca vai estenderse despois á corte do rei trobador Afonso X, o Sabio (rei desde 1252) que terá como núcleos fundamentais Sevilla e Toledo. Esta é a época de maior esplendor da literatura, e escribirase tamén poesía relixiosa (as Cantigas de Santa María). Na súa corte (Toledo e Sevilla) hai trobadores de procedencia variada (portugueses, galegos, leoneses, casteláns, italianos e provenzais).

Tras a súa morte (1284), a actividade poética terá como lugar de maior esplendor trobadoresco a corte de Portugal, onde reina o seu neto, o rei trobador Don Dinís (rei desde o ano 1279 ata 1325). Este esplendor e tamén a escola galego-portuguesa acabará co falecemento no ano 1354 do Conde de Barcelos, Don Pedro, fillo bastardo de Don Dinís, tamén trobador, pero sobre todo mecenas.

O legado máis importante do Conde Don Pedro foi o de compilador da produción poética da escola trobadoresca galego-portuguesa, dado que a maior parte das cantigas que chegaron a nós procede de copias realizadas a partir dun cancioneiro que mandou compilar a mediados do século XIV e que acostuma identificarse como Livro das Cantigas.

Entre as causas da decadencia da lírica galego-portuguesa están a desaparición dos mecenas (morte do rei Don Dinís e do seu fillo, o Conde de Barcelos), a perda de poder político da nobreza galega e o novo sistema social que xorde coa crise do sistema feudal e a ascensión da burguesía, interesada noutro tipo de literatura.

O Espectáculo Trobadoresco e os seus Axentes

A lírica trobadoresca combina poesía e música. As cantigas non eran poemas para ser lidos ou recitados (como os de hoxe en día), senón para seren cantados, interpretados con diversos instrumentos e a miúdo tamén con baile. Formaban parte dun espectáculo integral pensado para entreter os membros da corte.

Os Axentes da Composición e Interpretación

O Trobador
Compoñía o texto e a melodía das cantigas, o que implicaba uns coñecementos artísticos e literarios e formación musical. Era de orixe nobre e non cobraba polas súas composicións. Exemplo de trobador é Paio Gomes Chariño (1225-1295), enterrado na igrexa de San Francisco.
O Xograr
De orixe humilde, cobraba polo seu traballo. Interpretaba as cantigas dos trobadores, aínda que algúns tamén compuxeron as súas cantigas. Exemplos de xograres son Mendinho, Martín Codax, Xoán de Cangas...
O Segrel
Era un trobador profesional, que aceptaba paga pola interpretación das súas composicións. Case sempre eran da baixa nobreza (infanzóns, escudeiros…). Un exemplo é Pero da Ponte.
Menestrel
Músico profesional encargado da interpretación da cantiga.
Soldadeiras
Eran danzarinas, cantareiras… Recibían un soldo ou soldada, de aí o seu nome. María Peres, a Balteira, foi a soldadeira máis coñecida: cantora, bailarina…, participou mesmo na cruzada de 1248.

Os Mecenas da Lírica Trobadoresca

Un mecenas é un protector da cultura, das artes e das ciencias. A lírica trobadoresca desenvolveuse co apoio e baixo o mecenado da nobreza e da realeza, entre os que destacan dous reis-trobadores: Afonso X, O Sabio e Don Dinís de Portugal, e o Conde de Barcelos Don Pedro, fillo de Don Dinís. O seu gusto polas artes levounos a impulsar a lírica e tamén a compoñer eles mesmos as súas propias cantigas.

A Tradición Manuscrita: Os Cancioneiros

A poesía profana galego-portuguesa transmitiuse por tres cancioneiros colectivos e varios fragmentos menores. Chamámoslle “menores” porque fisicamente son rolos independentes ou destinados nun principio a formar parte doutro gran códice. Atendendo á época en que foron elaborados podemos distinguir dúas ramas: os que se copiaron no propio tempo dos trobadores e os que se copiaron no século XVI, a partir de orixinais hoxe perdidos.

Manuscritos copiados no tempo dos trobadores

Estes códices datan de finais do século XIII ou comezos do século XIV:

  • Cancioneiro de Ajuda: Códice de 88 folios en pergamiño que se conserva no Palacio de Ajuda, en Lisboa, antiga residencia dos reis de Portugal. Foi copiado na corte poética do rei Don Dinís. Ten 300 cantigas de amor. Está inacabado: fáltanlle bastantes follas, a anotación musical, o nome dos autores, falta a cor das letras capitulares e das miniaturas…
  • O Pergamiño Vindel: Descuberto a principios do século XX polo libreiro madrileño Pedro Vindel como forro doutro códice. Consérvase actualmente en Nova York, na Morgan Library. Recolle sete cantigas de amigo de Martín Codax, seis delas acompañadas da transcrición musical.
  • O Pergamiño Sharrer ou manuscrito da Torre do Tombo: Descuberto polo profesor Harvey Sharrer en 1990 na Torre do Tombo, en Lisboa. Contén sete cantigas de amor do rei Don Dinís, acompañadas da notación musical.

Códices do Século XVI (Copias Italianas)

Son copias doutros cancioneiros, hoxe perdidos. Esas copias realizáronse en Italia por encargo do humanista italiano Angelo Colocci, a quen lle debemos a conservación do núcleo fundamental da nosa lírica medieval trobadoresca.

  • Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa ou Colocci-Brancuti: Consérvase na Biblioteca Nacional de Lisboa. Contén 1647 cantigas de todos os xéneros. A colección de cantigas vai precedida dun tratado de poética (Arte de Trovar), que estuda os diversos tipos de composicións e os trazos formais que as caracterizan.
  • Cancioneiro da Biblioteca Vaticana: Consérvase na Biblioteca Apostólica do Vaticano. Recolle 1200 cantigas de todos os xéneros. Deste cancioneiro consérvase á súa vez unha copia realizada a fins do XVI ou comezos do XVII, coñecido como Cancioneiro da Bancroft Library que se conserva na Universidade de California, en Berkeley.

A Cantiga de Amor: O Amor Cortés

As orixes directas das cantigas de amor galego-portuguesas debemos buscalas na cançó, un dos xéneros da literatura provenzal, da cal toman a teoría do amor cortés. Este amor consiste en que a relación entre o trobador e a dama reflicte os esquemas de vasalaxe do mundo feudal, de aí que o namorado lle deba en todo momento unha homenaxe á súa amada.

O Amor Cortés e a Vasalaxe Feudal

  • A relación está concibida como o servizo que un vasalo (o trobador namorado) prestaba á súa senhor (a muller). É dicir, reflicte os esquemas de vasalaxe do mundo feudal.
  • O termo senhor co que se denomina a dama recolle o significado de “muller” e de “señor feudal”, o que conleva que o poeta lle recoñece superioridade.
  • O poeta aspira a conseguir o amor da dama, a obter unha recompensa (aver ben; galardón; prol...), pero na lírica galego-portuguesa esa recompensa nunca se produce, é dicir, trátase dun amor non correspondido.
  • Mentres que na cançó provenzal existía a joi’de amor (a consumación do amor físico), o rexeitamento ou indiferenza da dama trae consigo a coita de amor na lírica galego-portuguesa.

A Coita de Amor

  • Está provocada pola imposibilidade de realización amorosa, pois a dama non acepta o galanteo amoroso.
  • Esa coita pode conducir o trobador á loucura (volverse sandece, ensandecer, perder o sen), ao insomnio ou a desexar a morte, como única saída ao desamor.

O Eloxio da Dama (A Senhor)

  • A senhor aparece idealizada e como un ser inalcanzable.
  • O poeta realiza unha descrición xenérica, abstracta e indeterminada da amada, sen chegar nunca a exemplificalo.
  • O eloxio céntrase en dous aspectos da dama: a beleza física e a beleza moral.
    • Beleza física: (senhor fremosa; fremosa mha senhor; bon pareçer; bon semelhar; ben talhada; corpo delgado...).
    • Calidades morais: (de bon prez ‘valor’; de bon sen ‘sentido común’; falar mui ben; mesurada...).

Características Formais da Lírica Medieval

Clasificación polo Refrán

En función de se teñen ou non refrán, as cantigas divídense en:

  • As cantigas de mestría son as que non teñen refrán.
  • As cantigas de refrán. Posúen un ou máis versos ao final de cada estrofa ou cobra.

Recursos Estilísticos Comúns

  • Dobre: Consiste na repetición dunha palabra, unha ou máis veces, dentro dunha mesma cobra e sempre na mesma posición.
  • Mozdobre (ou mordobre): Consiste na repetição dunha palabra con variacións morfolóxicas ao longo dunha cobra e na mesma posición.
  • Hipérboles (esaxeracións): (e poi-la fez das melhores melhor).
  • Metáforas: (Com’antr’as pedras bon roby/sodes, antre quantas eu vi).
  • Símiles: (brancas eran como flores).

Algúns Autores Destacados

  • Airas Núnez: Foi un clérigo e trobador galego de finais do século XIII.
  • Don Dinís: Neto de Afonso X e rei de Portugal entre 1279 e 1325, foi o máis fecundo dos nosos trobadores xa que coñecemos 137 cantigas súas, das cales 73 son de amor.
  • Joan Airas: É un dos poetas galegos máis representativos e prolíficos (chegaron a nós 81 cantigas súas). Apenas se coñecen datos biográficos deste autor, a non ser que era un burgués, probablemente de Santiago, e que exerceu a súa actividade na segunda metade do século XIII.

A Cantiga de Amigo

Características Xerais

  • As cantigas de amigo son poemas líricos nas que unha muller nova, unha dona virgo ou doncela, expresa sentimentos de amor que ten polo seu amigo (namorado). A rapaza, denominada ás veces coa palabra “amiga”, conta as alegrías ou tormentos que lle produce ese amor.
  • Aínda que están escritas por homes, a voz poética é sempre feminina (normalmente fala unha rapaza nova, pero tamén pode ser a nai, unha confidente etc.).
  • A palabra clave é «amigo», que adoita aparecer nos primeiros versos da cantiga.

Personaxes Principais

  • A rapaza namorada (a amiga): Caracterízase en xeral pola inxenuidade (ou aparente inxenuidade) combinada, moi a miúdo, co atrevemento e a picardía. Presenta unha ampla posibilidade de estados emocionais: feliz, apaixonada, resentida ou vingativa.
  • O amigo: Fálase constantemente del, pero aparece nun segundo plano. Case sempre está ausente, polo tanto, non intervén. Indirectamente sabemos que pode amosar distintas actitudes: positivas (ledo, triste, desesperado, morto de amor…), pero tamén negativas (frívolo, falso, desleal, traidor…) (ora vej’eu gram falsidade).
  • A nai: É un personaxe fundamental en moitas cantigas de amigo. Pode ser unha nai confidente da filla, escoita os seus problemas ou dialoga con ela para aconsellala, pero tamén para prohibirlle que vexa o seu amigo.
  • As irmás e amigas: Actúan a miúdo como confidentes, escoitan as súas ledicias e as súas penas. Nalgúns casos fan de “mandadeiras” (recadeiras) entre os namorados.
  • A natureza: Nalgúns poemas é un auténtico personaxe a quen a amiga dirixe as súas queixas e preguntas; en ocasións mesmo responde.

Temática: O Amor e a Natureza

O tema fundamental é o amor, que pode ser insatisfeito (non feliz) ou satisfeito (feliz).

  1. O amor insatisfeito (non feliz): Pode deberse a varias razóns: porque o amigo está ausente servindo ao rei (En cas d’el rei; No ferido; No fossado), porque lle foi infiel, porque non acode á cita (E oj’est’o prazo saido), porque é moi inconstante, ou pola prohibición da nai de ver o seu amigo. O amor insatisfeito pode ter como consecuencia a melancolía e a coita de amor da rapaza.
  2. O amor correspondido (feliz): A amiga manifestará sentimentos de ledicia, xa que vai ver o seu amigo ou porque xa estivo con el (mi veo muito ven: ca veo meu amigo).

O panexírico da amiga, ademais dos termos comúns á cantiga de amor (fremosa e de bon parecer, de mui ben prez…), enriquécese con expresións como louçaa, velida… Estas loanzas aparecen en boca da nai da rapaza, do namorado, das amigas ou da propia rapaza, que loa as súas propias virtudes.

Simboloxía da Natureza

Xunto ao significado literal, hai un significado simbólico que hai que ter en conta á hora de interpretala correctamente.

  • A auga: Símbolo antiquísimo asociado á fecundidade e á relación erótica. A auga limpa e clara simboliza a pureza (virxinidade da amiga), mentres que a auga turbia alude á perda desa pureza. O mar pode representar un elemento de separación entre os namorados, pero tamén pode simbolizar a paixón amorosa da amiga e o erotismo.
  • O cervo: Nas cantigas identifícase coa figura do amigo ou namorado.
  • Verde Piñeiro/herba/avelaneiras floridas: Simbolizan a sensualidade da primavera.
  • O cabelo da doncela: Simboliza a virxindade. O feito de lavar os cabelos relaciónase cos preliminares do encontro amoroso e ten un claro significado erótico, igual ca o lavado das camisas.

Subxéneros da Cantiga de Amigo

  • Cantigas de romaría: Faise referencia a algunha romaría arredor dunha ermida ou santuario. A ermida é o lugar de encontro entre os namorados ou a onde vai a moza pedirlle ao santo que remate coa ausencia do amigo.
  • Mariñas ou barcarolas: Desenvólvense nunha paisaxe mariña (a amiga dialoga coas ondas, vai esperar a chegada de navíos etc.).
  • Bailadas: Exprésase a ledicia de amar e vivir. Adoita producirse unha invitación ao baile.

Recursos Estilísticos Específicos

  • Paralelismo: É un procedemento repetitivo que enlaza as estrofas de dúas en dúas. A segunda cobra (estrofa) presenta unha pequena variación con respecto á primeira.
  • Leixaprén: É un procedemento de cohesión interestrófica. O leixaprén (leixa=deixa + pren=colle) úsase en cantigas con estrofas formadas por dous versos (dísticos). Consiste en: o 2º verso da primeira estrofa repítese como primeiro da terceira; o 2º verso da segunda, como primeiro da cuarta, e así sucesivamente.

Orixe e Tipos de Cantigas de Amigo

A cantiga de amigo é de orixe autóctona, é dicir, procede dunha primitiva poesía oral anterior á chegada da poesía trobadoresca provenzal. Responde ao modelo de canción feminina de amor que se deu noutros puntos de Europa. Sobre esa poesía autóctona influíu a literatura trobadoresca. Dependendo da maior ou menor influencia da poesía trobadoresca provenzal, distinguimos tres tipos:

  1. Cantigas de amigo tradicionais: Son as que supoñemos máis fieis á forma autóctona da canción de amor feminina. Son cantigas de refrán; a estrofa está formada por dous versos (dístico) e combinan o recurso de paralelismo e leixaprén. Están ambientadas nun ambiente rural.
  2. Cantigas de amigo contaminadas: Son as influídas polo lirismo trobadoresco. Conservan o refrán, pero a estrofa está formada por máis de dous versos; teñen paralelismo, pero non leixaprén.
  3. Cantigas de amigo trobadorescas: Son aquelas que, como resultado da influencia provenzal, adoptan a linguaxe da cantiga de amor, conservando a voz poética feminina. Autores: Martín Codax, Don Dinís, Pero Meogo.

A Sátira Trobadoresca: Escarnio e Maldicir

Cantigas de Escarnio (Sátira Indirecta)

Son aquelas nas que non hai unha crítica ou unha burla de maneira directa, senón que utilizan palabras cun dobre sentido. É dicir, hai unha sátira indirecta e encuberta. Para iso, empregan recursos como o equívoco (equivocatio) e a ironía.

Cantigas de Maldicir (Sátira Directa)

Son aquelas que se burlan de algo ou alguén de forma clara e explícita, é dicir, hai unha sátira directa.

Tipos de Sátira
  • Sátira obscena: Poemas que se burlan de soldadeiras, abadesas, cregos, homosexuais, cornudos... Poemas referidos aos órganos sexuais (maeta, caldeira, cono.../ caralho, peça, pissa, madeira, bastón...) e ás prácticas sexuais (trebelhar, cavalgar, forniz, ambrar...).
  • Sátira literaria: Poemas que son parodias das cantigas de amor: do amor cortés, dos tópicos literarios como “morrer de amor”, da idealización da dama etc. Escarnios que se dirixen mutuamente trobadores e xograres, nos que se denuncia a falta de talento, a vida licenciosa etc. Dous dos xograres que máis críticas recibiron por incompetentes foron Lourenço e Lopo.
  • Sátira social, de tipos e de costumes: Poemas que se burlan de vicios, defectos físicos, das crenzas na astroloxía e a adiviñación, das modas... Sátiras contra os nobres (por exemplo, cantigas que se burlan da súa avaricia ou da miseria dos infanzóns). Sátiras contra os relixiosos (por exemplo, pola súa intromisión na política ou polos seus vicios). Sátiras contra diversos profesionais como avogados oportunistas, xuíces parciais, físicos (os médicos da época), adiviños, astrólogos...
  • Sátira política: Un número reducido de cantigas entran de cheo nos problemas militares que preocuparon aos monarcas do século XIII. Dentro delas temos: os que critican a alcaldes e autoridades eclesiásticas pola súa traizón, xa que na guerra civil entre Sancho II de Portugal e o Conde de Boloña (Afonso III), se pasaron ao bando do usurpador (ao de Afonso); e as cantigas nas que se pon de manifesto a covardía dalgúns vasalos de Afonso X na guerra de Granada contra os árabes.

Recursos Estilísticos da Sátira

  • O Equívoco: Consiste na utilización de palabras cun dobre sentido, o sentido literal (denotativo) e o sentido figurado (connotativo).
  • A Ironía: Consiste en dar a entender o contrario do que manifesta expresamente.
  • O Símil Degradante: Consiste en comparar o obxecto da burla con realidades innobres.

Afonso X, o Sabio, e a Poesía Relixiosa

A lírica galego-portuguesa acada o seu período de máximo esplendor no reinado do rei castelán Fernando III e continúa no do seu fillo e sucesor Afonso X, o Sabio (Toledo, 1221 - Sevilla, 1284), educado en Galicia e polo tanto coñecedor do idioma. Ocupou en 1252 o trono de Castela e León e dos demais reinos unidos a aquel e converteuse nun mecenas da arte e da cultura peninsular. A súa corte foi un foco de cultura e un centro de aprendizaxe no que se traduciron e compilaron todo o saber da época. Foi na súa corte de Toledo onde se compuxeron as Cantigas de Santa María, e ademais o propio rei é autor dun conxunto de poesías profanas: unha cantiga de amigo, catro de amor e trinta e nove cantigas de escarnio e maldicir.

As Cantigas de Santa María

  • Son 427 composicións en honra da Virxe escritas en galego-portugués.
  • A elección por parte do rei do galego como lingua das Cantigas de Santa María e de case toda a súa poesía débese ao gran prestixio que daquela tiña a lírica galego-portuguesa e a que o galego era unha lingua de cultura.
  • Compuxéronse na segunda metade do século XIII.
  • Dentro das coleccións marianas que había na Idade Media, son as máis importantes.
Fontes de Inspiración

As fontes que inspiraron as cantigas son moi variadas e poden agruparse en orais e escritas:

  1. Fontes orais: Utiliza todas as lendas tradicionais de milagres da Península tiradas do patrimonio popular ou das experiencias persoais do propio Rei ou dos seus colaboradores.
  2. Fontes escritas: Tanto en latín como en linguas romances (coleccións latinas medievais de narracións, lendas e milagres, e coleccións en linguas romances, por exemplo, Les miracles de la Sainte Vierge, de Gautier de Coinci).
Autoría e Equipo de Composición

Aínda que a miúdo se atribuíu a autoría a Afonso X, estas cantigas son obra dun equipo formado por informantes, tradutores, ilustradores, poetas e músicos. O rei dirixía e coordinaba un equipo de especialistas, aínda que tamén compuxo algunha cantiga. Ese equipo estaba formado por: compiladores, tradutores, poetas, músicos e miniaturistas.

Os Códices das Cantigas de Santa María
  • O Códice de Toledo (TO): Contén 128 cantigas con notación musical, pero non ten ilustracións. Pertenceu á catedral de Toledo e está custodiado na Biblioteca Nacional de Madrid.
  • O Códice Rico ou do Escorial (T): Composto por 193 cantigas con notación musical e 1264 miniaturas de extraordinaria beleza. Atópase na Biblioteca do Escorial.
  • O Códice Escurialense ou do Escorial (E) ou códice dos músicos: Formado por 417 cantigas, posúe notación musical e contén 40 miniaturas. Atópase na Biblioteca do Escorial. Tamén se denomina “códice dos músicos” porque nas miniaturas aparecen moitos instrumentos musicais.
  • O Códice da Biblioteca Nacional de Florencia (F): Figuran nel 104 cantigas e está incompleto pois faltan as notas musicais e moitas miniaturas están sen rematar. Consérvase na Biblioteca Nacional de Florencia.
Clasificación das Cantigas
  • Cantigas narrativas ou de milagres: Son aquelas nas que se relatan diferentes milagres nos que a Virxe salva dalgunha situación ou desgraza a alguén. Como tan só a intervención marabillosa da Virxe logra resolver satisfactoriamente o problema, a cantiga finaliza sempre con agradecementos e loanzas á figura de Santa María.
  • Cantigas líricas ou de loor: Son composicións de loanza á Virxe en honor da Virxe. Nestas composicións pódense distinguir dous tipos: as que seguen o modelo das cantigas de amor trobadorescas (poemas de amor á Virxe, que é a dona, ama e canta o trobador, que se converte no seu vasalo); e a maior parte das cantigas líricas, que están compostas en forma de himnos, oracións a María, mesmo algunha foi escrita para ser interpretada con acompañamento musical.

Os Séculos Escuros (XVI, XVII e XVIII)

Cronoloxía e Definición

Despois do esplendor trobadoresco nunha boa parte da Idade Media, iníciase a finais do século XV unha decadencia da literatura galega. Coñecemos co nome de Séculos Escuros os séculos XVI, XVII e XVIII. Caracterízanse polo estado de marxinación social do idioma galego e pola ausencia case total de literatura culta escrita no noso idioma. Adoita darse como inicio desta etapa a data na que o Mariscal Pardo de Cela foi decapitado en Mondoñedo no ano 1483 e como final o ano 1808, data na que comeza a Guerra da Independencia contra os franceses.

Contexto Sociolingüístico: A Marxinación do Galego

A lingua galega seguía sendo a maioritaria a nivel oral en todos os estamentos sociais (arredor do 90/95%) mentres que o castelán só o empregaba unha minoría da poboación, maioritariamente de orixe foránea. Pero esta minoría que falaba castelán era a clase social privilexiada, e tamén empregaba o seu idioma na lingua escrita, na Administración, e na Igrexa. Ademais, parte da nobreza galega achégase a Castela, e sofre un proceso de desgaleguización, que será máis patente no século XVII.

En definitiva, o castelán foi desprazando pouco a pouco o galego nos espazos relacionados co poder e a cultura, e o galego foi relegado a usos informais e familiares. Estamos pois, ante unha situación de diglosia: o castelán era a lingua de prestixio, a lingua hexemónica, das elites, da escrita e da cultura, mentres que o galego era a lingua minorizada, dominada, utilizada polo pobo de maneira oral e estaba minusvalorada socialmente.

Ademais, como consecuencia da marxinación política e da pobreza, nace unha imaxe dos galegos como persoas atrasadas, incultas, pouco atractivas... así como unha visión de Galiza como unha terra inhóspita e fea. Esta consideración despectiva está amplamente representada tanto no refraneiro como na literatura española do Renacemento e do Barroco, da man de autores como Tirso de Molina, Lope de Vega, Quevedo ou Góngora (Exemplo: “Antes puto que gallego”).

Existiron moi poucos textos que replicasen tantos insultos e ataques de intención acomplexadora. Entre estes destaca a obra de El buho gallego (1620), atribuída ao VII Conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro. Estes estereotipos proxéctanse sobre Galiza, sobre os seus habitantes e sobre a súa lingua, e rematan afectando á propia poboación galega: nesta altura nacen os prexuízos lingüísticos, o complexo de inferioridade e un sentimento de autodesprezo ou autoodio por ser e falar galego.

Definición de Diglosia
  • Diglosia: Fai referencia á convivencia desequilibrada de dúas linguas nunha comunidade, xa que unha delas conta con maior prestixio social e cultural e ten máis privilexios sociais e políticos.
  • Lingua minorizada: É aquela á que se lle negan as condicións para desenvolverse con normalidade. Atópase nunha situación de inferioridade ao ver restrinxidos os seus usos públicos e privados.
  • Lingua hexemónica: É a lingua de prestixio, a dominante.

Manifestacións Literarias nos Séculos Escuros

Literatura Popular e Tradicional

Tal e como xa vimos, durante os Séculos Escuros a lingua galega foi apartada da escrita. Así pois, a literatura que houbo durante esta etapa foi case exclusivamente de carácter popular (lendas, contos, cantigas, adiviñas...) que se transmitía de xeración en xeración de forma oral e na que xogan un papel moi importante as mulleres, sobre todo na transmisión das cantigas.

Literatura Culta

Apenas existen mostras literarias cultas deste período. De entre as escasas manifestacións literarias cultas en galego desta época destacamos as seguintes:

Poesía de Circunstancias

Poemas anónimos sobre algún acontecemento histórico que causaron forte impresión na sociedade do momento.

  • O “Pranto da Frouseira”: Poema anónimo do século XV que recrea a decapitación do mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo en 1483. A fortaleza da Frouseira aparece personificada e lamenta a traizón que sufriu Pardo de Cela.
  • O saqueo de Cangas polos turcos (1617): Inspirou un poema no que se describe a angustia e o pánico dos habitantes de Cangas cando a vila foi atacada por unha escuadra de piratas turcos.
Poesía Renacentista (Século XVI)

Consérvanse dous sonetos:

  • “Soneto de Monterrei”: Poema anónimo escrito no pazo de Monterrei, en Ourense. Trata o motivo das “parcas”, seres mitolóxicos encargadas de tecer os fíos da vida e da morte.
  • Consérvase tamén un soneto creado pola Condesa de Altamira, Isabel de Castro e Andrade, a primeira muller galega escritora coñecida.
Poesía Barroca (Século XVII)
  • Dous sonetos que son prantos elexíacos en honra da raíña Margarida de Austria (muller de Felipe III, non II): “Respice finem”, de Pedro Vázquez de Neira, e o denominado “Soneto con falda” (con estrambote), de Xohán Gómez Tonel.
  • Décimas ao Apóstolo Santiago: De Martín Torrado, nas que critica con humor o intento de Felipe IV de nomear a Santa Teresa de Ávila “avogada dos Reinos de España”.
  • “Composicións das Festas Minervais”: Nove romances presentados ao concurso universitario da Universidade de Santiago.
O Vilancico (Séculos XVII-XIX)

Durante os séculos XVII, XVIII, e aínda na primeira metade do XIX, circularon unha gran cantidade de vilancicos de Nadal e Reis escritos en lingua galega. Eran creacións en verso, en estrofas breves, musicadas, e cun certo aire popular, compostas normalmente por músicos de grande formación. Estaban escritos nunha mestura de galego e castelán ou de galego e portugués. Presentan unha galeguización da escena de Nadal, identificando a pobreza en que naceu Xesús coa pobreza en que vivían os labregos galegos.

Teatro
  • Entremés famoso sobre a pesca no río Miño: Obra escrita por Gabriel Feixó de Araúxo. A obra trata os conflitos entre os pescadores galegos e os portugueses no río Miño. Consérvase na Biblioteca Nacional de Madrid.

A Ilustración Galega (Século XVIII)

A Ilustración foi un movemento cultural que se produciu en toda Europa ao longo do século XVIII, tamén denominado Século das Luces. Polo que respecta aos ilustrados galegos, estes tiñan como obxectivos superar o estado de atraso económico, social e cultural de Galicia; defenderon a modernización da agricultura, das vías de comunicación e da industria. Ademais, defenden a lingua galega e intentan mellorar o nivel educativo dos rapaces mediante o seu uso na escola.

Obxectivos e Figuras Clave

  • Padre Martiño Sarmiento: Foi o primeiro en reivindicar o uso do galego no ensino e a obrigatoriedade de que os membros da Administración soubesen galego. Levou a cabo unha importante recompilación de termos galegos, antropónimos e topónimos.
  • O Padre Feijoo: Defendeu o parentesco do galego e do portugués e que o galego non é un dialecto do castelán.
  • Francisca de Isla e Losada: Dela consérvase un romance en galego escrito en 1775 e dedicado a Diego Antonio Cernadas. Esta escritora, igual ca Rosalía, ordenou queimar case toda a súa obra pouco antes de morrer.
  • O Cura de Fruíme, Diego Antonio Cernadas e Castro: Escribiu poemas en galego nos que expresa unha constante loanza de Galiza e da aldea, combatendo a mala imaxe e os insultos de que era obxecto a terra galega.

Escritos de Guerra e Literatura no XIX Temperán

Escritos de Guerra contra os Franceses (1809)

Cando en 1809 as tropas de Napoleón entran en Galicia, a decisiva acción popular obrigou ás tropas francesas a abandonar o chan galego en menos de cinco meses. Para fomentar o odio contra as tropas napoleónicas e animar a poboación galega á loita, escribíronse textos propagandísticos (unha novidade no panorama das letras galegas). Aparecen escritos en galego para facilitar a comprensión da mensaxe, pois é a lingua que usaba a sociedade á que ían dirixidos. Tamén para facilitar a comprensión dos textos, optábase por formas literarias sinxelas, como o diálogo e os protagonistas pertencían ás clases populares.

No galego empregado podían aparecer dialectalismos (como a gheada) ou vulgarismos (Madrid, pedindo...) e as interferencias do castelán (esos, peligro), que son un reflexo da realidade oral do idioma de principios do XIX.

  • O romance anónimo “Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento” (1808), é unha chamada aos mozos a loitar en defensa da patria e da relixión.
  • Proezas de Galicia (1810), de Xosé Fernández Neira. Está escrita en forma de diálogo entre os compadres Chinto e Mingote, que se contan un ao outro as súas peripecias bélicas e describen os atropelos cometidos polos invasores.
  • Manuel Pardo de Andrade: Deste autor conservamos o romance “Os rogos dun gallego establecido en Londres, dedicados aos seus paisanos para abrirles os ollos sobre certas iñorancias e o demais que verá o curioso leutor” (1813). Era unha sátira contra a Inquisición.

Teatro e Literatura Política no XIX Temperán

  • O Teatro: O principal autor teatral do primeiro cuarto do século XIX foi Antonio Bieito Fandiño. Acadou a fama coa súa peza teatral A Casamenteira (1812), escrita no cárcere de Compostela. Desenvolve, en tres cadros e en versos octosílabos, o tema dos casamentos amañados por conveniencia.
  • A Literatura Política: Tamén se conservan do primeiro terzo do XIX textos de contido político que tiñan unha intención política ou ideolóxica máis ca literaria. Estaban escritos en forma de diálogo. Os autores destes textos reflicten unha suposta conversa entre varios interlocutores, a miúdo de orixe labrega, que opinan sobre determinados temas de política do momento. Moitos son textos anónimos, o que agochaba un certo temor a problemas políticos.

O Movemento Galeguista e o Rexurdimento

A mediados do século XIX xorde un movemento ideolóxico coñecido como Galeguismo que ten como base a defensa dos intereses de Galicia e a reivindicación da súa identidade e cultura. Sen o movemento galeguista, o Rexurdimento da literatura galega non sería posible. Este movemento foise concretando e evolucionando en diferentes correntes: Provincialismo, Rexionalismo e Nacionalismo (a partir de 1916, coas Irmandades da Fala).

O Provincialismo (1840-1854)

O movemento galeguista iníciase na década de 1840 co Provincialismo. Estaba formado por mozos universitarios e intelectuais de clase media-alta. Utilizaban a prensa para dar a coñecer as súas ideas:

  • Reivindican a unidade de Galicia fronte á repartición en catro provincias levada a cabo en 1833 polo goberno central, pois con ela Galicia perde a denominación de Reino.
  • Protestan contra a marxinación de Galicia.
  • Salientan o carácter diferenciador do pobo galego.

Os provincialistas participaron activamente no levantamento de Solís de 1846. Fracasado este levantamento, os provincialistas terán que dispersarse marchando moitos ao exilio, entre eles varios dos considerados precursores do Rexurdimento galego, como Francisco Añón. Tras o fracaso, o provincialismo derivou nunha vertente cultural, centrándose en aspectos como o estudo da historia de Galicia e do seu folclore e a defensa do idioma, o que leva ao rexurdir da lingua e da literatura galega.

O Rexionalismo (Década de 1880)

O Rexionalismo aparece na década de 1880. Os rexionalistas consideraban que Galicia era unha rexión diferenciada culturalmente das outras e reclamaban unha maior descentralización das competencias por parte do Estado e certa autonomía política. No Rexionalismo existiron dúas correntes, a tradicionalista, liderada por Alfredo Brañas, e a liberal, dirixida por Manuel Murguía, home de Rosalía de Castro.

Os Precursores (1840-1863)

Agrupamos baixo a denominación xeral de Precursores a aqueles autores que xa tiñan actividade literaria antes da aparición de Cantares gallegos en 1863, poemario de Rosalía que inaugura simbolicamente o Rexurdimento. A denominación procede dun libro co mesmo título que Murguía publicou no ano 1885.

  • Xoán Manuel Pintos: A súa obra máis relevante é A gaita gallega (1853).
  • Francisco Añón: Destaca o seu poema “A Galicia”, no que se presenta a Galiza sumida nun profundo soño do que debe espertar.
  • Os Xogos Florais: Son certames poéticos que se celebraron por primeira vez na Coruña en 1861. Os poemas presentados foron publicados o ano seguinte no Álbum de la Caridad, a primeira recompilación de poetas galegos do XIX. En 1891 celebráronse en Tui os Xogos Florais, o primeiro acto público celebrado integramente en galego.

O Rexurdimento Pleno (1863 en diante)

O Rexurdimento foi un período da literatura galega caracterizado pola recuperación literaria, cultural, política, histórica e filolóxica que se produce no século XIX (máis intensamente no último terzo do século) como resultado da aparición do movemento galeguista. A publicación en 1863 de Cantares Gallegos, obra escrita integramente en galego por Rosalía de Castro, inaugura o denominado Rexurdimento Pleno. A Rosalía hai que engadir a Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal e Manuel Curros Enríquez como os principais escritores en galego desta época.

A Recuperación da Lingua e Cultura

Ao prestixio da lingua tamén contribuíron:

  • As primeiras historias de Galicia, como a do xornalista e historiador Manuel Murguía. Nestas historias defendíanse as orixes celtas do pobo galego.
  • As primeiras gramáticas e dicionarios da lingua galega.
  • As primeiras imprentas dedicadas a publicar libros escritos en galego como a Biblioteca Gallega.
  • A aparición da prensa en galego (O Galiciano).
  • O galego tamén se emprega na música, coa creación de orfeóns e coros.

Rosalía de Castro (1837-1885)

Artigos Xornalísticos Relevantes
  • “Lieders” (1858): Publicouse no xornal El Álbum del Miño (Vigo). O texto supón unha declaración de liberdade como escritora e tamén como persoa, reclamando a liberdade das mulleres ante a presión social.
  • “Las literatas. Carta a Eduarda” (1865): Publicado no xornal Almanaque de Galicia (Lugo). Rosalía denuncia o rexeitamento e a incomprensión que sofren as mulleres intelectuais por parte da sociedade, xa que son acusadas de presuntuosas e de desatender as tarefas atribuídas ao seu xénero.
  • “Costumes galegas” (1881): Publicadas en El Imparcial (Madrid). Un artigo narraba o costume de certas comunidades mariñeiras galegas, coñecido como “prostitución hospitalaria”. Este artigo foi un escándalo. Acusada de falsidade, a poeta reacciona con indignación e toma a decisión de non volver a escribir en lingua galega.
A) Cantares Gallegos (1863)

O libro está formado por 36 poemas, todos eles relacionados cunha cantiga popular que Rosalía reproduce. Os poemas teñen a súa inspiración nas formas da literatura popular tradicional, polo que neles predominan os versos de arte menor e a rima asonante. O libro está escrito con claro propósito social pois é unha reivindicación da Terra, da súa xente e da súa fala. É unha defensa do pobo galego fronte aos de fóra e fronte á súa propia autosubestimación.

O Prólogo

Rosalía explica as razóns da súa decisión de escribir en galego as belezas e costumes do país: reivindicar a validez e capacidade do galego como lingua literaria e denunciar o maltrato e a marxinación que padece Galicia e o menosprezo e explotación de que son obxecto os seus habitantes, especialmente os labregos, os emigrantes e as mulleres.

Estrutura e Temática

O libro ten unha estrutura circular. O primeiro poema e o último, que funcionan a modo de introdución e despedida, están postos en boca dunha “meniña gaiteira”. Nos restantes poemas vanse alternando as voces, conformando un retrato do pobo galego. Os poemas agrúpanse en:

  • Tema costumista: Descrición de costumes, crenzas, romarías, tradicións e personaxes populares cunha clara intención de demostrar a dignidade da cultura popular galega.
  • Tema político-social: Neles atopamos o espírito reivindicativo de Rosalía. Tratan a situación de penuria e marxinación, destacando o drama da emigración e a soidade da muller do emigrante. Exemplo: “Castellanos de Castilla”.
  • Tema intimista: O eu poético expresa as súas vivencias e lembranzas persoais, como a saudade, a melancolía, a soidade, a evocación da paisaxe galega, a lembranza dos antepasados e da infancia.
B) Follas Novas (1880)

Este libro, aínda que publicado en 1880, foi escrito na súa maior parte entre 1868-1870. Follas Novas é unha rareza no panorama poético español: nos poemas expresa a problemática social do seu pobo e, ao mesmo tempo, inclúe a problemática existencial e metafísica do ser humano. Esta é a maior novidade con respecto aos Cantares gallegos e proporciona a Rosalía un lugar na literatura universal. Parte da introspección do seu propio eu, para chegar a verdades xerais sobre a condición humana.

Estrutura e Contido

O libro divídese en cinco seccións:

  1. Vaguedás: Poesía intimista e existencial.
  2. Do íntimo: Poesía intimista e existencial.
  3. Varia: Combina diferentes temáticas.
  4. Da terra: Poesía social, de denuncia das inxustizas e as duras condicións de vida dos labregos e das mulleres dos emigrantes.
  5. As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos: Poesía social, de denuncia das inxustizas e as duras condicións de vida dos labregos e das mulleres dos emigrantes.

Follas Novas é máis intimista que Cantares gallegos, aínda que mantén certo cariz reivindicativo nalgunhas partes. Practicamente non hai contido costumista.

Eduardo Pondal (1835-1917)

Os Eoas (Poema Épico)

Poema épico no que Pondal traballou toda a súa vida, pero que nunca chegou a publicar en vida. Publicouse no 2005. Trátase dun extenso poema épico no que relata o descubrimento de América. Está inspirado en Os Lusíadas de Luís de Camões.

Queixumes dos Pinos (1886)

Consta de 21 poemas nos cales o fío condutor é un “bo bergantiñán” que nunha noite de luar conduce un carro e vai escoitando os rumores dos piñeiros; estes piñeiros o que fan é transmitir mensaxes dos bardos, dos primitivos celtas, supostamente os nosos devanceiros.

Principais Liñas Temáticas
  • O Celtismo: É o trazo máis relevante na obra de Pondal. Pondal defendía a orixe e o carácter celta de Galicia. Os antigos celtas cos seus líderes (Breogán, Ith…) eran considerados os nosos devanceiros. A propia Galicia pasa a ser denominada “nazón” ou “fogar” de Breogán. Pondal recorre aos topónimos da súa bisbarra natal para inventar os protagonistas dun pasado mítico.
  • O Bardismo: Os galegos teñen que “espertar do seu sono” e loitar. Para que o pobo lembre o seu pasado glorioso e poida recuperalo precísase un bardo. Pondal autoproclámase o bardo do pobo galego e desempeña dúas funcións: lembrarlle á xente o seu heroico pasado celta e mostrarlle o camiño cara a un novo futuro glorioso e libre.
  • O Helenismo: Pondal amosou predilección pola Grecia clásica, pobo austero e guerreiro que representa para el un modelo ético que os galegos deben imitar. O helenismo ponse de manifesto na virilidade, o heroísmo, a morte gloriosa en combate, a arenga militar e o emprego de abundantes cultismos de orixe grega.
  • A Natureza: Funciona como escenario, refuxio do bardo e posúe un valor simbólico.

Manuel Curros Enríquez (1851-1908)

Curros foi o poeta máis lido e admirado do seu tempo. Os ataques públicos e o procesamento por mor dos poemas que figuran en Aires da miña terra fixeron que tivese moita popularidade. O seu primeiro poema coñecido, “Cántiga” (1869), converteuse nunha das cancións galegas máis coñecidas co título «Unha noite na eira do trigo».

Aires da Miña Terra (1880)

Nesta obra, Curros recompila toda a súa produción poética en galego ata ese momento. Presenta unha temática fundamentalmente cívica, de denuncia, aínda que tamén hai algunhas composicións de carácter intimista e costumista.

Liñas Temáticas
  • Temática social: Constitúe o núcleo fundamental da obra de Curros pois consideraba que a poesía debe ter como función esencial denunciar as inxustizas sociais. Inclúense os poemas nos que Curros censura a falta de liberdade, o imperialismo, a corrupción, os privilexios dos máis ricos (exemplo “O maio”).
    • Progresismo: Defende as liberdades e os dereitos universais. Enxalza o progreso tecnolóxico (Exemplo: «Na chegada a Ourense da primeira locomotora»).
    • Anticlericalismo: Era unha resposta á actitude da Igrexa, que apoiaba as clases dominantes, fomentaba as supersticións e pechábase a calquera tipo de progreso (Exemplos: «A igrexa fría», «No convento», «Mirando ao chau»).
  • Temática intimista: Abórdanse asuntos que afectan á esfera do familiar: morte dun fillo («Ai!»), morte da nai («Na morte da miña nai»), nacemento dun fillo («Ben chegado!»).
  • Temática costumista: Presente nos tres poemas premiados en 1877: “A Virxe do Cristal”, “Unha voda en Einibó” e “O gueiteiro de Penalta”.
O Divino Sainete (1888)

O divino sainete inicia a liña satírica na literatura moderna en galego. É un longo poema narrativo, baseado na Divina Comedia de Dante, que relata a viaxe de Curros e Francisco Añón a Roma para ver o Papa. Viaxan nun tren de sete vagóns que representan os sete pecados capitais. Ao longo do poema, Curros fai unha crítica á sociedade do seu tempo, sobre todo ao poder da Igrexa, e aproveita para caricaturizar certos personaxes e institucións políticas e culturais da Galicia coetánea, como a escritora Emilia Pardo Bazán.

Descargar

PDF Word HTML

Preguntas frecuentes

Que é o amor cortés na lírica trobadoresca?

É a concepción amorosa en que a relación entre trobador e dama reflicte os esquemas da vasalaxe feudal. O poeta preséntase como vasalo que serve á súa senhora, que é idealizada, e a recompensa amorosa case nunca se produce.

Cales son os Séculos Escuros da literatura galega?

Son os séculos XVI, XVII e XVIII. Abranguen desde a decapitación do Mariscal Pardo de Cela en 1483 ata o inicio da Guerra da Independencia en 1808, e caracterízanse pola marxinación social do galego.

Quen inaugurou o Rexurdimento?

A publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro en 1863, obra escrita integramente en galego, inaugura simbolicamente o Rexurdimento pleno.

Ponte a prueba

Tarjetas de repaso

Pulsa una tarjeta para ver la respuesta.

Test

1. Que lingua empregaron os trobadores da Provenza que serviu de referencia á lírica galego-portuguesa?
2. Que caracteriza a cantiga de amigo?
3. Quen mandou compor as Cantigas de Santa María?
4. Que obra inaugura simbolicamente o Rexurdimento?
5. Que nome reciben as cantigas que non teñen refrán?

Preguntas generadas con IA a partir del documento: comprueba las respuestas con el texto.