Kant e a Ilustración: contexto histórico, cultural e filosófico no s. XVIII

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en español con un tamaño de 4,21 KB

Kant

Contexto histórico, cultural e filosófico do autor

Factores políticos, sociais e culturais que no s. XVIII conducen á Ilustración:

A Ilustración é un movemento cultural que propón unha nova maneira de entender a natureza e o ser humano. Ocúpase da relixión, a política, a ciencia e a filosofía.

Ten lugar no s. XVIII, ao longo dun período que vai desde a Revolución Gloriosa (1688) ata a Revolución Francesa (1789).

É un período de grandes transformacións; a clase que desenvolve o cambio social é a burguesía, que xoga un papel cada vez máis importante na historia. Por primeira vez aparecen na sociedade individuos que, sen pertencer ao clero ou á nobreza, están capacitados para participar en reunións, coñecer e debater ideas alleas e crear un pensamento propio. Os burgueses non tiñan privilexios nin dereitos, estaban en contra do poder absoluto do rei e impulsaron a revolución en Francia, mentres que en toda Europa existía un desexo de pasar da monarquía ao parlamentarismo, no que existe unha división de poderes regulada pola Constitución e se realízanse eleccións libres.

Esta loita para cambiar a mentalidade anterior (na que a monarquía absoluta tiña un control da sociedade) naceu en Inglaterra, desenvólvese en Francia e chegou finalmente a Alemaña.

En Inglaterra, a partir da Revolución Gloriosa, desenvólvese un clima de tolerancia e liberdade, que permite unha progresiva secularización da cultura. A filosofía empirista e a súa aplicación ao modo de facer ciencia conseguiron que o coñecemento avanzase enormemente. O resultado desa actividade por parte dos científicos foi a Revolución Industrial a finais do s. XVIII.

Os intelectuais franceses, que vivían nunha monarquía absoluta, envexaban a situación social inglesa e o seu clima de tolerancia relixiosa. En Francia, os intereses dos ilustrados orientáronse á loita por un cambio de ideas que permitise variar o réxime político.

En Alemaña, a Ilustración chegou un pouco máis tarde, introducida por Federico II, que quería reformar o sistema político e educativo para que as ideas ilustradas da emancipación e autonomía chegásen ao pobo, pero sen deixalo intervir á hora de tomar decisións (xa que o modelo de Estado era o despotismo ilustrado).

A defensa das ideas da Ilustración permitiulle a Occidente pasar da queima de bruxas e da trata de escravos ás ideas de que todos os homes teñen dereitos. Cesare Beccaria difundiu este enfoque no dereito penal e Mary Wollstonecraft esixiu que a muller fose partícipe do dereito de cidadanía.

Características da razón ilustrada

Os ilustrados confiaban na razón de forma case absoluta, xa que consideraban que era o único instrumento que podería proporcionar un coñecemento seguro e válido para interpretar o mundo. O resultado de aplicar a razón á experiencia foron as ciencias, que poderían explicar e controlar a natureza. Se a razón se depurase de prexuízos, podería coñecer sen obstáculos e progresar.

Conceptos clave
  • Ilustración: movemento cultural e intelectual que promove a razón e a ciencia.
  • Burguesía: clase social que impulsa os cambios políticos e sociais do século XVIII.
  • Empirismo: método que privilexia a experiencia como fonte de coñecemento.
  • Despotismo ilustrado: modelo de Estado que adopta reformas ao tempo que manteña o control do monarca.
  • Secularización: separación progresiva entre a autoridade relixiosa e as institucións civís.
Observación final

Este contexto histórico e cultural é fundamental para entender as propostas filosóficas de Kant, xa que a súa reflexión sobre a razón e a autonomía aparece dentro deste clima de transformacións sociais, científicas e políticas.