Imperialismo no Século XIX: Causas, Formas e Consecuencias

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,9 KB

O Imperialismo Europeo

  1. A comezos do século XIX, desapareceron as características do colonialismo europeo da Idade Moderna (séculos XVI-XVIII). No século XIX, desenvolveuse un novo modelo de imperialismo, con Francia e o Reino Unido como principais protagonistas, seguidos por outros países industrializados. O imperialismo sustentouse na expansión da industrialización e nun proceso de rápida ocupación de África e Asia. Durante o século XIX, as grandes potencias industriais europeas, Estados Unidos e Xapón rivalizaron polo dominio do mundo, estendendo o seu control político e territorial sobre case a totalidade de África, Asia, Próximo Oriente e as illas do Pacífico.

  2. Causas da Expansión Imperialista

    O imperialismo foi un fenómeno complexo influenciado por factores económicos, políticos e ideolóxicos, así como por motivacións científicas, relixiosas e rivalidades nacionalistas. As causas económicas incluíron a busca de novos mercados para excedentes de produción e o abastecemento de materias primas baratas. As causas políticas relacionáronse co control de rutas estratéxicas e o desexo de prestixio. As causas ideolóxicas baseáronse no nacionalismo e na crenza da superioridade europea, coa misión de "civilizar" outros pobos.

  3. Formas de Dominación Colonial

    A presenza europea nos territorios colonizados implicou o control político, social e cultural, sometendo os pobos colonizados aos intereses económicos das metrópoles. Os sistemas de control máis comúns foron:

    • Colonias: Territorios con poboación indíxena sometida á potencia colonial, cun goberno e administración europea.
    • Dominios: Específicos do Imperio Británico, colonias de poboamento con autogoberno limitado (Canadá, Nova Zelandia, Australia, Unión Surafricana).
    • Protectorados: Territorios con Estado soberano preexistente, onde a potencia colonial controlaba a política exterior e a explotación económica.
    • Concesións: Territorios cedidos temporalmente a unha potencia para control económico, sen presenza militar ou administrativa (China).
  4. O Repartimento do Mundo

    Ata 1870, a colonización era limitada, con Francia (norte de África, Asia) e Reino Unido (África, Asia, Oceanía) como principais potencias. O Imperio Ruso expandíase por Siberia e Asia Central, e Estados Unidos avanzaba cara ao oeste. A partir de 1870, aumentou o interese pola colonización, impulsado por exploracións e a participación de novos países (Bélxica, Italia, Alemaña). A Conferencia de Berlín (1885) estableceu as regras para o imperialismo, dando inicio a unha carreira polo dominio do mundo:

    • Reino Unido: O maior imperio colonial, controlando lugares estratéxicos como Exipto e a India.
    • Francia: Segundo imperio colonial, con presenza en África occidental e Madagascar.
    • Alemaña: Incorporouse tardiamente, controlando Camerún, Namibia, Tanzania e zonas do Pacífico.
    • Bélxica: Posuía o Congo Belga.
    • Rusia: Expandíase cara ao leste (conflito con Xapón e Reino Unido) e oeste (conflito co Imperio Turco e Austria-Hungría).
    • Italia: Incorporouse tarde, ocupando Libia e o Corno de África.
    • Outros países: España, Portugal e Holanda centrados en manter os seus imperios.
  5. Consecuencias do Imperialismo

    A colonización provocou cambios profundos na economía e nos modos de vida dos pobos indíxenas. Para Europa, as consecuencias foron xeralmente positivas en termos económicos, pero para os indíxenas foron negativas, coa destrución das súas sociedades e a imposición de sistemas de goberno estranxeiros. Ademais, xurdiron tensións entre países, exacerbando rivalidades existentes e creando outras novas, especialmente en África entre Francia e Reino Unido, o que contribuíu ao clima previo á Primeira Guerra Mundial.

  6. O Imperialismo Non Europeo

    Estados Unidos

    A principios do século XIX, Estados Unidos temía ataques das metrópoles europeas, formulando a Doutrina Monroe ("América para os americanos"). A súa expansión centrouse na anexión de territorios no continente (compra de Luisiana e Florida, ocupación do oeste) e, posteriormente, no dominio dos mares, establecendo bases e intervindo en conflitos en América do Sur. O imperialismo estadounidense caracterizouse máis pola intervención económica e política que pola anexión territorial, converténdose na primeira potencia mundial.

    Xapón

    Xapón modernizouse coa Revolución Meixi, pasando dun sistema feudal a un constitucional. Temendo a dominación estranxeira, iniciou unha política de expansión, controlando illas próximas e a península de Corea. Aproveitou a revolución rusa de 1905 para expandirse por Asia.