Historia e gramática do galego: elementos da comunicación e evolución até o século XVIII
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 12,53 KB
Gramática: elementos do proceso comunicativo
Os tres elementos básicos de toda comunicación son o emisor, a mensaxe e o receptor.
O proceso comunicativo desenvólvese da seguinte maneira: un emisor emite unha mensaxe dirixida a un receptor que a capta; o receptor ten que comprender o seu significado e, para iso, cómpre que coñeza o código co que está elaborada a mensaxe.
O proceso de comprensión por parte dun receptor chámase descodificación. O elemento central da comunicación é a mensaxe.
As mensaxes transmítense sempre a través dunha canle; se é oral, faise polo aire.
Outros elementos son a situación en que se transmite a mensaxe e o contexto en que se atopa cada signo emitido.
Funcións da linguaxe
- Función denotativa, referencial ou representativa: o emisor emprega a linguaxe para transmitir ao receptor unha información.
- Función emotiva ou expresiva: cando o emisor emprega a linguaxe coa intención de expresar sentimentos ou desexos.
- Función conativa ou apelativa: cando a intención do emisor é chamar a atención do receptor ou empurralo a actuar dun ou doutro xeito.
- Función fática ou de contacto: o emisor emprega a linguaxe para iniciar ou concluír a comunicación, para manter o contacto ou comprobar se a comunicación está a funcionar correctamente.
- Función poética: cando se coida a forma da mensaxe con intención estética.
- Función metalingüística: cando se emprega a linguaxe para referirse á propia linguaxe.
Gramática: disciplinas lingüísticas
As disciplinas principais da linguística son as seguintes:
- Fonética: estuda os sons desde o punto de vista físico ou material.
- Fonoloxía: estuda os elementos fónicos atendendo ao seu valor distintivo e funcional.
- Morfoloxía: estuda as palabras e os elementos que as forman; encárgase de analizar a forma das palabras.
- Sintaxe: ocúpase das funcións e das relacións que se establecen entre as palabras; céntrase no estudo das frases, as cláusulas e as oracións.
As relacións semánticas
- Sinonimia: relación que se dá entre palabras que teñen o mesmo significado.
- Polisemia: unha palabra é polisémica cando ten varios significados condicionados polos diferentes contextos.
- Homonimia: dúas palabras son homónimas cando teñen o mesmo significante pero distintos significados. Exemplo: pena (mágoa) e pena (rocha).
- Antonimia: cando entre os seus significados se estabelece unha relación de oposición (frío e quente).
Un campo semántico é o conxunto de palabras que comparten trazos semánticos ou semas, que son as unidades significativas mínimas. Exemplo: campo semántico do asento: cadeira, banco, sofá.
Hiponimia e hiperonimia son as relacións de significado que se establecen entre os termos dun campo semántico e un termo máis xenérico. Margarida ou rosa son hipónimos de flor, que é o seu hiperónimo.
Lingua e sociedade
O galego e a súa historia: das orixes ao século XVIII
Período de formación da lingua galega
A lingua galega procede do latín vulgar que falaban os funcionarios e os soldados. Este latín convértese na lingua coloquial cotiá do extenso Imperio Romano e, co paso dos séculos, vai evolucionando de xeito diferente nas distintas zonas xeográficas, ata que dá lugar ás linguas que coñecemos hoxe en día, denominadas linguas románicas ou neolatinas: francés, provenzal, portugués, castelán, catalán, italiano…
No século IX, as variedades lingüísticas que se empregaban na Península Ibérica estaban tan distanciadas do latín que podemos falar do nacemento das novas linguas: o galego-portugués, o asturleonés, o castelán, o catalán e as variedades mozárabes. Na formación de linguas distintas exercen unha grande influencia as linguas que había nas diferentes zonas antes da chegada do latín (linguas de substrato), así como as que chegaron posteriormente (linguas de superestrato). En definitiva, o latín constitúe o compoñente principal do galego. Na formación do noso idioma xogan tamén un papel moi importante elementos achegados polas linguas dos distintos pobos que se asentaron no noroeste da Península Ibérica ao longo dos séculos.
O substrato prerromano
Antes da chegada dos romanos á Península, na Gallaecia atopábase a civilización castrexa, e o latín substituíu as diferentes linguas que se falaban debido ao dominio político romano.
Os pobos indoeuropeos, salientados polo compoñente celta, constituían o substrato prerromano con máis repercusión no galego, sobre todo nos ámbitos do léxico, a toponimia e a fonética. Non se debe esquecer a pegada dun compoñente preindoeuropeo, de pobos chegados aquí moito antes que os celtas (na Idade de Pedra).
A romanización
O noroeste peninsular entrou na órbita de Roma coas expedicións de Décimo Xunio Bruto e Xulio César, e incorporouse definitivamente ao dominio do Imperio Romano en tempos do emperador Augusto.
A administración romana perdurou na Gallaecia dende o século I a.C. ata o século V d.C.
Os romanos consideraban «bárbaras» todas as linguas diferentes do latín. O coñecemento do latín converteuse en requisito imprescindible para a obtención da cidadanía romana. O proceso de romanización e posterior latinización adoita dividirse en tres fases:
- Toma de contacto dos indíxenas co latín vulgar dos funcionarios e soldados romanos.
- Asimilación do latín por parte das elites indíxenas.
- Aceptación total e uso do latín como lingua cotiá.
A finais do século IV e comezos do V, a Gallaecia gozaba dun alto nivel sociocultural. A afastada provincia occidental atopábase xa plenamente integrada na civilización romana e na cultura latino-cristiá.
Os superestratos xermánico e árabe
No século V, tras a caída do Imperio Romano e a invasión dos chamados bárbaros, os suevos estableceron a súa monarquía na antiga provincia romana da Gallaecia. A Gallaecia sueva foi o primeiro reino nacido en Europa Occidental despois da caída do Imperio Romano.
A influencia directa das linguas xermánicas na formación do galego foi superficial e a súa contribución limítase ao campo da onomástica (antroponimia e toponimia) e a algúns termos do vocabulario común. A pesar da superioridade política dos invasores, estes non chegaron a exercer unha influencia cultural e lingüística importante, pois axiña foron asimilados e latinizados.
A invasión árabe, no 711, supuxo a fin do reino visigodo. Os árabes comezaron a conquista da Península polo sur e sometérona en pouco tempo, establecendo en gran parte do territorio a súa cultura e a súa lingua. Pero na zona norte da Gallaecia non chegaron a instalarse; por iso a maior parte dos arabismos que atopamos no galego entraron de xeito indirecto, a través do castelán e do portugués.
O esplendor medieval (séculos IX-XIII)
A lingua galega, desde o seu nacemento no século IX ata a actualidade, viuse obrigada a compartir espazos con outras linguas: primeiro co propio latín e, máis tarde, co castelán. Este encontro lingüístico nun mesmo espazo xeográfico coñécese como contacto de linguas e dá lugar ao denominado bilingüismo social.
Na primeira parte da Idade Media (séculos IX-XII) o latín era unha lingua de prestixio: a lingua da Administración e da Igrexa, e a única que se empregaba na escrita. Na comunicación oral espontánea, nos ámbitos familiar e coloquial, todo o mundo falaba xa o romance. A totalidade da poboación era galegofalante, mentres que o latín só utilizábao a minoría letrada e únicamente en contextos formais e na escrita.
Nesa época atopamos unha situación de bilingüismo social na que o latín era a lingua alta, a lingua das funcións con máis prestixio pero falada maioritariamente pola elite letrada. Esta distribución lingüística de funcións recibe o nome de diglosia.
No século XIII o galego comeza a disputarlle ao latín as funcións nobres, converténdose en lingua de escrita. Galicia viviu daquela un período de monolingüismo, no cal o galego-portugués empregábase en todos os contextos e funcións.
Dende o século IX ata o XIII Galicia experimentou un período de esplendor económico, político e cultural. Ata o século XIII, a importancia política de Galicia era notable, e este esplendor reflíctese tamén na produción literaria. O predominio político e cultural de Galicia converteu a súa lingua nunha das linguas internacionais da lírica trobadoresca.
A separación das falas do norte e do sur do Miño ten a súa orixe nesta época debido a factores políticos.
Na primeira metade do século XII, Portugal consegue a independencia e convértese na capital do novo Estado, mentres que Galicia queda integrada na monarquía castelá-leonesa; isto acentuará a separación lingüística. No século XIII comeza a subordinación política de Galicia á coroa de Castela co reinado de Fernando III e o seu fillo Alfonso X o Sabio.
O período medieval de decadencia (séculos XIV e XV)
Nos últimos séculos da Idade Media continúa a progresiva decadencia política de Galicia, con consecuencias sobre a cultura e a lingua galega. Con Fernando III e Alfonso X xa comezara o envío de forasteiros descoñecedores do galego para ocupar cargos de poder en Galicia, pero a situación empeorou no século XIV, cando se produciu a primeira loita dinástica pola coroa de Castela. A nobreza galega apoiou a Pedro I, quen perdeu o trono en favor de Henrique II de Trastámara. No reinado deste, a nobreza comezou a ser substituída por nobres casteláns como castigo.
No século XV, Isabel la Católica foi vitoriosa na súa loita dinástica con Xoana a Beltranexa. De novo a nobreza galega tomara partido pola perdedora. O posterior reinado dos Reis Católicos inflixiu un severo castigo a Galicia: os postos clave da Administración e da Igrexa pasaron a ser ocupados por persoas de fóra que só falaban castelán. Dende a época dos Reis Católicos desenvolveuse unha política lingüística uniformadora. Dende o século XV o castelán foille disputando ao galego as funcións de prestixio que este lle arrebatara antes ao latín. Comeza un período de marxinación da lingua; o galego vese sometido a unha progresiva substitución lingüística polo castelán, pero segue a ser a lingua da gran maioría.
Do século XVI ao XVIII: os séculos escuros
A partir do século XVI o galego perde o uso como lingua da cultura escrita por un espazo de máis de trescentos anos: os denominados «Séculos Escuros». En contraste, o portugués e o castelán coñecen unha extraordinaria expansión, consolidándose como linguas estatais e vivindo os seus correspondentes procesos de estandarización. A fronteira política con Portugal provoca o afastamento das dúas linguas irmás.
Nos séculos XV e XVI aparecen as primeiras gramáticas do español, do portugués e do italiano, mentres que no caso do galego cómpre esperar ata a segunda metade do século XIX. O galego, ausente da cultura escrita e desprezado polo poder, foi cargándose de connotacións negativas.
No século XVIII, o cambio dinástico da casa dos Austrias aos Borbóns trouxo consigo unha forte política de uniformación do Estado, con vontade explícita de imposición do castelán.
Dende o século XV, os nobres galegos comezan a renunciar ao seu idioma en favor do castelán por imitación da nobreza estranxeira. A nova burguesía e as élites urbanas tamén evolucionaron cara ao uso do castelán. En contraste, a gran maioría da poboación continuou sendo monolingüe en galego.
Atopamos de novo unha sociedade bilingüe na que as linguas se distribúen en funcións das clases sociais: as altas en castelán e as baixas, monolingües en galego. Esta situación de bilingüismo social sitúa o castelán como lingua dominante pero minoritaria no uso social.