Helenismo e Cristianismo: O Encontro Filosófico que Marcou a Idade Media

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,36 KB

Helenismo, Filosofía e Cristianismo: Un Encontro Crucial

Nos primeiros séculos da nosa era, durante a época do Imperio Romano, produciuse un fenómeno histórico de transcendental importancia: o encontro entre o cristianismo e a cultura helenística. Inicialmente, a aparición do cristianismo xerou unha confrontación a nivel social e, posteriormente, a nivel intelectual, entre os filósofos e os novos cristiáns cultos. O resultado deste enfrontamento, que remataría arredor de mediados do século V co triunfo da cultura e sociedade cristiá, marca o paso a unha nova época histórica, a Idade Media, que duraría aproximadamente ata o século XIV.

Diferenzas entre Cristianismo e Filosofía

Cristianismo e filosofía representan dúas actitudes vitais diferentes. Un é unha relixión, mentres que o outro é un saber. A filosofía helenística era fundamentalmente unha ética cuxo obxectivo era ofrecer ao individuo un fin que guiase a súa conduta na vida. A relixión ten tamén como misión ofrecer un camiño de salvación para os seres humanos, pero para acadalo é necesario esperar a "outra" vida despois desta.

A Influencia do Neoplatonismo na Teoloxía Cristiá

A pesar das diferenzas existentes, os primeiros defensores da Fe cristiá, chamados apologistas, servíronse das principais correntes filosóficas para a elaboración das teses básicas da súa teoloxía. Pero a corrente filosófica que máis influíu na teoloxía cristiá foi o Neoplatonismo. Destes tomaron a distinción entre un mundo sensible e outro intelixible, reinterpretada como diferenza entre un mundo terreal e outro celestial e divino.

De Agostiño ao Aristotelismo: Filosofía ao Servizo da Fe

A través desta e outras incorporacións foise formando unha filosofía cristiá de carácter platónico que tivo como figura máis relevante a Agostiño de Hipona. Este pensamento dominou sen oposición desde entón ata mediados do século XII, momento no que sería a filosofía aristotélica a que substituíu o platonismo na elaboración dun pensamento cristián. Pero tanto o cristianismo platónico como o aristotélico teñen en común o uso da filosofía unicamente como un instrumento ao servizo da fe cristiá, sendo isto o sinal de identidade de toda a filosofía medieval.

Novas Ideas Cristiás Fronte ao Pensamento Grego

O triunfo do cristianismo débese en gran medida a unha minoría de cristiáns cultos que defenderon as doutrinas cristiás diante dos filósofos, e defendéronas no terreo mesmo da filosofía. Este foi o primeiro enfrontamento entre razón e fe. Respecto aos temas fundamentais da filosofía (o ser humano, a natureza, a historia, Deus...), os cristiáns introduciron novas ideas que daban lugar a desacordos:

  • 1. Sobre o Concepto de Deus

    Os cristiáns introduciron novos puntos de vista sobre as características da divindade, que deron lugar a discrepancias importantes coa filosofía. As máis importantes son:

    1. Monoteísmo: Os cristiáns defenderon de forma radical a existencia dun só Deus.
    2. Creacionismo: Deus creou o mundo.
    3. Omnipotencia: Ademais, os cristiáns crían que Deus podía facer milagres. Isto non o captaban de ningún xeito os filósofos.
    4. Paternidade divina: Co cristianismo aparece unha relación totalmente nova entre os homes e Deus, pois este é o pai dos seres humanos.
  • 2. Sobre a Historia: A Encarnación

    Co cristianismo tamén xorde unha nova relación de Deus coa Historia: Deus entrou nela facéndose home nun lugar e momento determinados. Este feito, para os cristiáns, é o centro da Historia, o que lle dá sentido. Isto parecíalles incompatible coa dignidade divina, coa súa inmutabilidade e perfección.

  • 3. Sobre a Antropoloxía: Inmortalidade, Resurrección e Liberdade

    A idea de que a alma é inmortal non era nova na filosofía, e resultaba moito máis estraña e ridícula a afirmación cristiá de que os corpos resucitarán. Segundo os cristiáns, a Historia (que é desta maneira concibida como un proceso lineal, aberto) empeza coa creación e acaba con esta resurrección final. Ademais, a moral cristiá non é intelectualista. Segundo o intelectualismo (Sócrates...), a conduta incorrecta prodúcese por ignorancia; no cristianismo é resultado de dous factores: a maldade humana (polo pecado orixinal) e a liberdade do ser humano que cede á tentación. Así, co cristianismo aparece a idea dun "home libre" e, polo tanto, non sometido ao seu destino senón capaz de elixir as súas formas de actuación.

  • 4. Sobre a Natureza: A Temporalidade do Mundo

    Non só a historia senón o universo mesmo, de acordo cos textos cristiáns, remataría nalgún momento futuro. Os gregos non aceptaban esta idea da temporalidade das cousas, da natureza. Para eles, esta última é eterna. Os cristiáns engadiron moitas ideas novas, como as anteriores, á filosofía; pero tamén tomaron desta, especialmente de Platón, moitos conceptos que lles serviron para defender o cristianismo.