Evolución e situación sociolingüística do galego

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,19 KB

O galego a finais do século XX e comezos do XXI

Contexto histórico e situación sociolingüística

Á morte de Franco produciuse unha reforma do sistema político e España pasou a ser unha monarquía parlamentaria. Redactouse unha nova Constitución en 1978 que supuxo a legalización de partidos políticos clandestinos, unha descentralización política e administrativa, así como o recoñecemento dunha realidade pluricultural e plurilingüística, materializado no chamado Estado das Autonomías. Como consecuencia desta nova situación, Galicia, como comunidade histórica, aprobou o Estatuto de Autonomía en 1981.

Nestes anos de progreso en tódolos eidos (sanidade, cultura, infraestruturas, medios de comunicación…) e de relativo crecemento económico (favorecido polo ingreso de España na Unión Europea no 1986), foise detendo a emigración cara ao exterior. Porén, o progresivo abandono da agricultura e gandeiría, sectores que non foron favorecidos pola entrada de España na UE, acelerou o proceso da desruralización coa conseguinte perda de falantes en galego.

Pola contra, Galicia convértese en receptora de inmigrantes, o que contrarresta o avellentamento da poboación galega derivado da baixa taxa de natalidade e das mellores condicións de vida en xeral.

Marco legal do galego

A situación legal do galego, igual que a das outras linguas do Estado, cambiou notablemente respecto á etapa franquista nos últimos tempos debido ás transformacións políticas acontecidas.

Nos últimos anos do franquismo, a Lei Xeral de Educación (1970) ofreceu a posibilidade de que se ensinasen as chamadas “linguas nativas españolas”, e entre elas a galega. Esa posibilidade desenvolveuse nun decreto de 1975, que autorizaba o ensino voluntario desas linguas. En 1979 introduciuse como materia obrigatoria e contemplouse a posibilidade de que se ensinase en galego.

O recoñecemento oficial produciuse no Estatuto de Autonomía (1981), baseándose no establecido na Constitución Española de 1978. De tódolos xeitos, a cooficialidade do galego xunto co castelán en Galicia é desfavorable para o galego por varias razóns:

  • Fala de “modalidades lingüísticas de España” como “patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección”.
  • Legalmente, tódolos españois teñen o deber de coñecer e o dereito de usar o español en todo o Estado, mentres que os galegos só teñen o dereito de coñecer e usar o galego (non o deber), pois o Tribunal Constitucional anulou no 1986 o artigo da Lei de Normalización Lingüística (1983) no que se falaba da obrigatoriedade dos galegos de coñecer a súa lingua, quedando simplemente no dereito de usala.
  • A Constitución establece a cooficialidade nun territorio demarcado, delimitado, mentres que o castelán é oficial en todo o territorio (principio de territorialidade).

No 2007 apróbase por unanimidade de tódolos grupos políticos o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que desenvolve a LNL e establece medidas para estender o uso do galego a tódolos sectores da poboación.

No ámbito educativo, entra en vigor no 2007 o Decreto 124, que dispón que todo o alumnado non universitario debe recibir un mínimo do 50% da docencia en galego.

Situación social do galego

A pesares desta protección legal, durante estes anos o galego segue a perder falantes, pois moitos pais galegofalantes comezan a educar os fillos en castelán, e outras persoas de lingua inicial galega cambian ao castelán na vida familiar ou na profesional.

Comparativamente, o galego segue a estar máis presente nas aldeas e na maioría da poboación de algunhas vilas, pero progresivamente o castelán comeza a penetrar nas aldeas próximas a centros urbanos importantes, rompéndose así o monolingüismo rural tradicional en galego. No medio urbano, as clases baixas tamén procuran asimilarse ao castelán, co que o galego marca aínda, moitas veces, procedencia rural.

Sen embargo, desde a transición política, tamén o galego comeza a desempeñar progresivamente no medio urbano funcións que nunca antes tivera:

  • Medios de comunicación.
  • Ensino primario, secundario e universitario (1976: titulación de “Filoloxía Galega”).
  • Administración pública e vida cultural.

Estes progresos, unidos ao avance da ideoloxía galeguista e á consciencia de que é fundamental asegurar a supervivencia da lingua galega, fixeron que moitos mozos urbanos de clase media adoptasen o galego como medio normal de expresión en toda a súa actividade privada, estudantil e profesional. A este grupo hai que sumarlle os rapaces, de procedencia urbana ou rural, que foron educados en galego nas familias e accederon á educación superior ou a postos profesionais con prestixio social. Así, hoxe, unha boa parte dos profesionais e da xente nova con mellor formación utiliza o galego na súa vida cotiá ou na súa profesión, e ten actitudes favorables cara á súa normalización. Sen embargo, esta corrente regaleguizadora non compensa a perda de falantes que se produce pola ruptura da transmisión xeracional.