A Normalización do Galego: Historia e Situación Actual

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,72 KB

Lingua Minorizada e Lingua Minoritaria

As linguas minorizadas son aquelas que, sendo historicamente propias dun pobo, están sometidas a condicións sociais tales que ven restrinxidas as súas funcións de uso. A competencia desigual cunha ou varias linguas alleas de maior prestixio constitúe o factor básico desencadeante. Algunhas linguas minorizadas europeas son:

  • Aragonés
  • Bretón
  • Corso
  • Galego
  • Galés

Hai que ter en conta que non se deben confundir linguas minorizadas con linguas minoritarias. Estas últimas, independentemente da consideración social que teñan, son as que posúen un escaso número de falantes. Desde un punto de vista sociolingüístico, convén non confundir lingua minorizada con lingua minoritaria: a primeira ten unha dimensión cualitativa e funcional; a segunda, meramente cuantitativa.

Normalización Lingüística do Galego

Entendemos por normalización lingüística o proceso que ten como obxectivo facer da lingua o vehículo normal de comunicación dunha comunidade. Normalizar o galego consiste en recuperar a súa implantación en todos os ámbitos da vida e en todos os estamentos sociais.

En 1982, a Xunta de Galicia declara oficiais as "Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego" que publican a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega). Deste xeito, o galego quedaba preparado para avanzar de forma eficiente no proceso normalizador porque se superaba a impresión de ser unha lingua dialectalizada, vulgarizada, non apta para ser usada na ciencia, na administración, etc.

Os avances máis importantes terán lugar coa chegada da democracia. Nesta etapa, o galego convértese en lingua oficial, o que permitirá levalo a todos os planos da vida social e persoal en Galicia. As institucións adquiren a obriga de defender e mesmo promover o seu uso. Todos os galegos teñen o dereito de vivir en galego e o seu goberno é o que velará por que isto se cumpra.

Aínda que a escola foi un dos espazos máis galeguizados, segue a ser hoxe, por incumprimento da lexislación actual, un poderoso instrumento de castelanización, sobre todo no medio urbano. Segundo unha enquisa publicada no 2004 polo IGE (Instituto Galego de Estatística), o número de monolingües en castelán aumenta en lugar de diminuír; aínda así, observouse que nos menores de 16 anos aumenta o número de monolingües en galego. No seu conxunto, a poboación foi abandonando moitos dos prexuízos que tiñan asentados sobre o galego e mostra unha predisposición favorable ao seu desenvolvemento.

O Galego a Finais do Século XX e Comezos do XXI

Características da Normativa Lingüística

As primeiras normas da época democrática, previas aínda á aprobación dos textos legais fundamentais, son as "Bases para a Unificación das Normas Lingüísticas do Galego" (1977). Un sector reintegracionista incipiente e máis unha parte do nacionalismo político rexeitáronas, o que provocou que en 1980 houbese un novo intento: as "Normas Ortográficas do Idioma Galego", un intento fallido.

Co fin de superar esta situación, en 1982 a RAG, xunto co ILG, saca á luz as "Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego", recoñecidas como oficiais pola Xunta de Galicia. A Lei de Normalización Lingüística (1983) converte a RAG na autoridade en cuestións normativas. As normas de 1982 foron reformadas por primeira vez en 1995, e máis amplamente en 2003, dando como resultado a denominada "Normativa de Concordia", vixente na actualidade.

Contexto Histórico e Situación Sociolingüística

A pesar da urbanización e o consecuente éxodo rural que vive Galicia desde a década dos 60, a finais do século XX o rural segue tendo moito peso demográfico na sociedade galega. Da man sempre do proceso de urbanización, a substitución lingüística do galego polo castelán continúa imparable, non só nas cidades, senón tamén e cada vez con máis forza nas vilas.

A pesar disto, o galego segue sendo a lingua maioritaria de Galicia, aínda que en descenso e cunha distribución moi desigual. Concéntrase:

  • No rural, sobre todo nas provincias orientais.
  • Na xente maior.

A Transición Democrática coincide coas primeiras voces de alerta con respecto ao perigo de desaparición da lingua propia, provocadas pola introdución do castelán en ámbitos tradicionalmente exclusivos do galego. En contraposición, a chegada da democracia vai permitir iniciar o proceso de normalización e introducir o galego en ámbitos reservados ata ese momento ao castelán, como:

  • A administración
  • O ensino
  • Os medios de comunicación

En calquera caso, os progresos cualitativos do galego non foron quen de reducir o avance cuantitativo do castelán e as altas expectativas depositadas nos novos tempos víronse totalmente frustradas.

Marco Lexislativo da Normalización do Galego

Coa aprobación da Constitución Española en 1978, nace o Estado das Autonomías. O novo marco constitucional recoñece a Galicia, Cataluña e Euskadi como nacionalidades históricas. Ata 1981 non se aproba en Galicia o Estatuto de Autonomía, que supón o recoñecemento do galego como lingua propia e cooficial, xunto co castelán.

O artigo quinto engade que "os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública". Co fin de levar a cabo esta disposición, era necesario elaborar e aprobar unha Lei de Normalización Lingüística, que se fai real en 1983, e no 2004 elabórase o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Entradas relacionadas: