Poesía galega dos 90 e actual: tendencias e autores
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 2,97 KB
A poesía galega dos 90
Actualmente discútese se é posible falar dunha xeración poética dos 90 diferente da etapa anterior. A composición textual e o contido dos libros que publican os autores dos 90 parece que non permite falar dun cambio radical con respecto á poesía anterior. En todo caso, adoitan salientarse algúns trazos ou matices específicos na poesía destas últimas xeracións, como:
- Un novo tratamento de temas eternos (amor, vida, morte, patria…) desde o eu lírico e cunha actitude baseada no intimismo da experiencia.
- Un uso esmerado da linguaxe, normalmente máis directa e coloquial, máis simple, pero sen descoido, debido á boa preparación filolóxica que teñen en xeral.
- Predominio do ton vivencial e da expresión apaixonada nos seus poemas.
- Preferencia polo versolibrismo (con excepcións como Miro Villar).
- Afán de desbarroquización: poemas máis claros, máis apegados á experiencia cotiá e biográfica, máis directos na expresión, máis impulsivos, máis sentimentais que cerebrais.
- Debido a un sinceramento do eu poético, procúrase un lector apaixonado, emocionable, sensible e non tan disposto ao barroquismo poético. Recupérase, así, o concepto de poema para recitar en público.
- Abórdanse temas sociais e patrióticos desde sensibilidades alternativas (insubmisión e antimilitarismo, feminismo, ecoloxismo, anticapitalismo), pero cunha concepción afastada do socialrealismo clásico.
Correntes da poesía dos 90
O que caracteriza as últimas xeracións poéticas é a pluralidade, tanto formal como temática, pero podemos apreciar catro correntes básicas:
- A poética feminina (feminista): Debido á forte presenza da muller na poesía dos 90. Todas estas autoras trasladan aos seus poemas un mundo do feminino no que reivindican, ademais de figuras habitualmente marxinadas da sociedade (bruxas, prostitutas, lesbianas…), unha nova sensibilidade e visión do mundo (solidariedade, comunión coa natureza, tenrura, erotismo, afán de liberdade…) e unha linguaxe sexualizada.
- A poética do cotián.
- A poética experimental.
- A poética do coñecemento: Polo recurso ás formas clásicas, a gravidade do ton, os restos culturalistas, etc. Sería a tendencia máis próxima á poesía dos 80.
Entre os moitos poetas dos 90, podemos citar a María do Cebreiro, Lino Braxe, Eusebio Lorenzo Baleirón, Ana Romaní, Miro Villar, Olga Novo, Iolanda Castaño, etc.
Poetas e tendencias actuais
A ampla nómina de autores actuais (Eduardo Estévez, Carlos Negro, Marta Dacosta, Séchu Sende, María Lado, etc.) acompaña aos autores máis destacados mencionados nas décadas anteriores.
Os poetas actuais exploran os eidos da hibridación de xéneros, das variedades conversacionais da lingua, da reivindicación, da poesía feminina, etc.