Don Dinís: A Cantiga de Amor e a Idealización da Dama

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,01 KB

Don Dinís, Rei de Portugal [B 520b / V 123]

Quer'eu en maneira de proençal
fazer agora un cantar d'amor,
e querrei muit'i loar a miña señor
a que prez nen fremosura non fal,
nen bondade; e máis vos direi én:
tanto a fez Deus comprida de ben
que máis que todas as do mundo val.

Ca miña señor quizo Deus fazer tal,
cando a fez, que a fez sabedor
de todo ben e de mui gran valor,
e con todo isto é mui comunal
alí onde debe; e deu-lhi bon sén,
e des i non lhi fez pouco de ben
cando non quis que lh'outra foss'igual.

Ca en miña señor nunca Deus pos mal,
mais pos i prez e beldade e loor
e falar mui ben, e rir melhor
que outra molher; des i é leal
muit', e por isto non sei hoxe quen
possa compridamente no seu ben
falar, ca non hai, tra-lo seu ben, al.

Esta cantiga de Don Dinís (1261-1325), Rei de Portugal, pertence ao xénero da cantiga de amor porque a palabra señor, definidora do xénero, aparece no texto en varias ocasións para facer referencia á señora aristocrática pola cal unha voz poética masculina expresa os seus sentimentos amorosos en primeira persoa do singular. Na poesía lírica galego-portuguesa medieval, esta palabra é un calco do orixinal midons que aparece na cançó provenzal. A propia voz poética recoñece que quere escribir un poema á maneira dos provenzais, dado que a cantiga de amor é unha adaptación da poesía lírica occitana. Esta voz poética non se identifica co autor do texto, xa que este tipo de cantigas constitúen un artificio literario e non describen os sentimentos reais dun trobador. Na Arte de Trovar defínese este xénero afirmando que está formado polas cantigas en que falan eles, diferenciándoo do xénero da cantiga de amigo, que está constituído polas cantigas en que falan elas. Finalmente, cómpre sinalar que nesta cantiga non aparece o concepto de coita ou pena polo amor non correspondido, característico deste xénero.

O tema principal da cantiga é a descrición da señora levada a cabo pola voz poética masculina. A dama aristocrática aparece idealizada e na poesía galego-portuguesa medieval pode ser casada ou solteira, diferenciándose nisto do seu orixinal provenzal no cal se trataba sempre dun amor adúltero. Don Dinís céntrase no retrato da dama, sen facer alusión á pena polo amor non correspondido.

Polo que se refire ao contido da cantiga, a dama protagonista aparece descrita como unha persoa chea de virtudes físicas e espirituais. Nas tres cobras que integran a cantiga, a voz poética atribúe a Deus a perfección idealizada da súa dama, enlazando coa idea medieval que situaba a divindade como centro do mundo para o ser humano.

Na primeira cobra sinálase que é unha persoa que ten gran mérito ou goza de gran estima (prez, v. 4), e que non lle faltan fermosura nin bondade. Na segunda cobra afírmase que é unha señora chea de ben e de valor, que resulta accesible e que sempre dá xuízos ou opinións axeitadas, de xeito que ningunha outra é igual a ela. Na terceira cobra reitéranse as ideas de mérito e beleza combinadas coa loanza e mais a súa habilidade para falar e rir mellor ca outras mulleres. Alén diso, é leal, e por todos estes motivos, afirma a voz poética, non hai quen poida describir completamente as súas virtudes.

Respecto dos recursos formais, hai que sinalar en primeiro lugar que é unha cantiga de mestría por carecer de refrán. A rima é macho consonante e as cobras son unisonantes, porque teñen todas a mesma rima, e capcaudadas, porque a rima do último verso repítese no primeiro da seguinte. O esquema rimático é o seguinte: a10 b10 b10 a10 c10 c10 a10.

Como conclusión, pódese afirmar que esta cantiga de amor caracterízase pola recreación da descrición da dama idealizada proveniente da poesía provenzal, tomando os temas propios do amor cortés para adaptalos ao mundo aristocrático galego-portugués.