Castelao: Claves da súa Obra Narrativa e Estilo

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,36 KB

A obra narrativa de Castelao

Unha voz para o pobo

A diferenza doutros autores da Xeración Nós, como Risco ou Otero Pedrayo, Castelao non parte dun corpus ideolóxico para proxectalo na súa narrativa. A exposición das súas ideas realízaa nas súas obras ensaísticas ou ben nas conferencias que pronuncia por todo o país.

Tamén, a diferenza dos outros membros da Xeración Nós, non comparte a visión elitista da arte que estes plasman nas súas obras. Castelao opta por mostrar a realidade daquel tempo, amosando as diferentes facetas das clases populares, que son as protagonistas fundamentais da súa obra. Todo isto fai que a obra de Castelao poida ser gozada de inmediato, xa que non precisamos o coñecemento de códigos ideolóxicos previos para poder descifrala.

Características da súa prosa

Sinxeleza e ritmo

É unha prosa substantiva, depurada de adubos, na que se decanta pola sinxeleza e que en ocasións posúe un ritmo que a aproxima á poesía.

O humor socrático

A través do humor pretende mostrar os defectos da sociedade galega. Elabora así un discurso socrático, dirixido a pór de manifesto non só as virtudes, senón tamén os defectos dos que adoece a sociedade galega. O receptor da obra de Castelao é un lector activo que debe acceder ao sentido mediante a intelixencia e a reflexión.

O lirismo

Xunto co humor, o lirismo constitúe outra das claves da obra de Castelao. Maniféstase mediante o encadeamento dos feitos encamiñados cara a un clímax cargado de emoción. Este lirismo vén favorecido polo uso de recursos expresivos (anáforas, comparacións, paralelismos) e pola selección do léxico, coa primacía dos criterios rítmicos para lograr así un efecto emotivo.

Técnica narrativa e verosimilitude

O narrador da obra do rianxeiro acostuma validar os feitos presentándoos ben como vivencias directas, ben como noticias recibidas de protagonistas ou testemuñas. Utiliza recursos realistas, como o do manuscrito encontrado que o autor se limita a editar, para dotar a súa obra de verosimilitude.

A técnica narrativa de Castelao maniféstase mediante uns trazos narrativos esenciais que denotan o fundamental da historia, deixando o resto da información suxerida dun xeito connotativo. É unha prosa depurada de todo aquilo que non lle é necesario, conseguindo así uns textos característicos pola súa brevidade.

Principais obras publicadas

A primeira narración de Castelao é Un ollo de vidro (1922). O relato é unha xustaposición de breves estampas tinguidas de humor negro, que nos serven para ollar dende unha perspectiva crítica a sociedade galega do seu tempo.

Narrativa e teatro

  • Cousas: O primeiro libro apareceu en 1926 e o segundo en 1929.
  • Retrincos (1934)
  • Os dous de sempre (1934)
  • Os vellos non deben namorarse (1941)

Ensaio

  • As cruces de pedra na Bretaña (1930)
  • Sempre en Galiza (1944)
  • As cruces de pedra na Galiza (1950)