Descifrando 'De catro a catro' de Manuel Antonio: Símbolos y Vanguardia

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,24 KB

As Imaxes da Vida en 'De catro a catro'

Manuel Antonio presenta unha perpetua despedida das cousas; o poeta vai desgarrando as aparicións que deambulan diante dos seus ollos. A presencia ubicua da palabra “despedida” é notable. A imaxe das velas, que son o pano co que o barco se despide de todo, é representativa.

M. Antonio elude o tema da morte, pero intuímos a súa secreta presenza nesta crónica de adeuses sucesivos. Todo o que pasa deixa o seu adeus e as súas pegadas. Estes restos convocan unha saudade magoante.

A Noite e a Soidade

A noite manuelantoniana é a súa alma abarcada pola soidade. A soidade do suxeito poético moitas veces aparece agochada baixo a ambigüidade dun “nós”. Conforme imos avanzando no poemario, vemos como se vai espindo de elementos paisaxísticos, porque a soidade todo o ocupa.

Visión Desencantada e Humor

Existe unha visión defraudada da vida; trátase da idea do naufraxio, que é o símil do fracaso, do desencanto, da decepción. Subliña esa desilusión ou frustración a negatividade coa que se presentan os elementos do cosmos. Dá a impresión de que todo é absurdo.

O humor procede do seu antirromanticismo, que ten como consecuencia a ridiculización de elementos que tiveron anteriormente un valor poético diferente.

Forma e Estilo en 'De catro a catro'

Nivel Gráfico

Manuel Antonio utiliza unha tipografía expresiva, seguindo os modelos das vangardas. Sobresae o emprego de recursos como:

  • Espazos en branco para resaltar o significado das palabras e para propiciar unha recepción do poema tanto auditiva como visual.
  • Xogo cos sangrados, que dá lugar a unha situación irregular na páxina.
  • A impresión de movemento.
  • Combinación de versos que comezan por maiúsculas e minúsculas, e a ausencia de puntuación.

Nivel Fónico

En De catro a catro predomina o versolibrismo, aínda que en certos poemas aparece a rima. Utiliza o agrupamento de versos en estrofas e o paralelismo para conferirlle ritmo ó poema.

Nivel Morfosintáctico

A ruptura gramatical maniféstase nas incoherencias de concordancia e nas analoxías. Un trazo futurista e creacionista é o emprego de léxico novo e moderno.

Nivel Semántico

A imaxe e o símbolo son as principais figuras en De catro a catro. Constrúe as súas imaxes partindo dunha selección previa de motivos, vocabulario e estruturas lingüísticas. É frecuente a imaxe polipétala, característica do ultraísmo.

Polo que se refire aos símbolos, utiliza elementos concretos que representan outros espirituais:

  • O barco: É o símbolo central do libro; representa o suxeito poético. Símbolos complementarios son o leme, o mastro, a navegación, a travesía, a singradura, a proa, o ronsel.
  • O mar: É símbolo da dinámica da vida. Oponse á terra, que representa a seguridade.
  • O vento: A súa presenza indica dinamismo, o paso do tempo e o desacougo. A súa ausencia ten connotacións negativas, xa que indica estatismo.
  • A noite: Representa a negatividade e é símbolo do descoñecido.