Como mellorar a relación contigo mesmo e a túa identidade
Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,64 KB
Que tal me levo comigo mesmo?
A psicoloxía estuda como funcionan os nosos sentimentos, motivacións, personalidade e intelixencia; ademais, analiza o modo en que aprendemos e nos relacionamos cos demais e con nós mesmos.
A personalidade e a identidade
A personalidade é o conxunto de calidades que constitúen a forma de ser dunha persoa, o modo que ten de pensar, sentir e comportarse. O coñecemento dun mesmo é necesario para podermos orientar ben as nosas vidas.
Temos distintas formas de identidade, segundo sexan distintos os sentimentos de pertencer a grupos, crenzas ou modos de sentir:
- Identidade sexual
- Identidade nacional
- Identidade relixiosa
A identidade que debe prevalecer sobre todas elas é a identidade humana, porque se basea no trazo común que todas as persoas posuímos: a dignidade. Os dereitos humanos fundaméntanse nela.
Intelixencia e proxecto vital
A intelixencia é o conxunto de facultades que nos permiten aprender, descubrir, crear e inventar posibilidades. Coñecer e fortalecer as nosas boas calidades é unha condición necesaria para concibir e emprender o noso propio proxecto vital.
Asertividade e felicidade
A asertividade é o xeito apropiado de afirmarnos ante os demais sen agresividade, pero sen submisión. Para iso, temos que saber expresar o noso punto de vista, defender os nosos dereitos e aprender a dicir "non" cando é necesario.
Para sermos felices necesitamos:
- Os bens indispensables.
- Sentirnos amados e seguros.
- Forxar un proxecto de vida persoal e nobre no que mellorarnos a nós mesmos.
A nosa procura de felicidade persoal debe enmarcarse no proxecto ético común e ser, xa que logo, compatible e cooperadora coa felicidade dos demais.
Xestionar o medo e a valentía
Existen medos lóxicos e medos irracionais:
- Medos lóxicos: Refírense a perigos reais e poden ser beneficiosos, xa que nos fan estar alerta e defendernos do perigo ou fuxir del.
- Medos irracionais: Son moi persistentes e non atenden a razóns; por iso hai que combatelos e, para isto, hai que coñecelos ben.
A covardía é a falta de ánimo ou de valor que impide superar os medos. Pola contra, a valentía consiste en non deixar que o medo ou a preguiza nos impidan emprender accións xustas ou proxectos valiosos. Para ser valentes, é importante fortalecernos.