A Variedade Estándar do Galego, Lusofonía e Prexuízos
Variedade estándar e a súa elaboración
Variedades lingüísticas: Todas as linguas teñen variedades (temporais, espaciais, sociais, situacionais).
Variedade estándar: Créase en linguas escritas e usadas en ámbitos formais. Superponse ás demais e é común a todos os falantes. Úsase nos usos formais e coidados do discurso.
Proceso de normativización e estandarización
- Opción A: Escoller unha variedade dialectal concreta e darlle status de estándar (por motivos políticos, históricos, non lingüísticos).
- Opción B: Elaborar o estándar a partir de trazos de diferentes variedades dialectais.
No galego, optouse polo procedemento B, sen priorizar un dialecto sobre outro.
Criterios de selección en galego
- Maior extensión xeográfica e demográfica.
- Maior presenza na tradición literaria.
- Harmonización co portugués (polas orixes comúns).
- En casos minoritarios, priorizouse a tradición literaria (formas escollidas polos escritores dende o Rexurdimento).
Valor dos dialectos e actualización
Todos os dialectos teñen idéntico valor lingüístico. A variedade estándar adoita acadar máis prestixio social polos seus usos culturais e administrativos, pero a variación dialectal é inherente ás linguas e sempre permanece.
Actualización: A estandarización é un proceso continuo. As academias e institucións lingüísticas actualizan a norma (novos dicionarios, gramáticas).
A importancia da lusofonía no século XXI
O portugués é unha das linguas máis faladas no mundo, presente en diferentes continentes.
Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP): Nove países (Angola, Brasil, Cabo Verde, Timor-Leste, Guinea-Bissau, Guinea Ecuatorial, Mozambique, Portugal e San Tomé e Príncipe).
O portugués é lingua oficial na Unión Europea, Mercosur, Unión de Nacións Suramericanas, Organización dos Estados Americanos, Unión Africana e CPLP.
Con aproximadamente 280 millóns de falantes, é a 5ª lingua máis falada no mundo, a 3ª no hemisferio occidental e a máis falada no hemisferio sur.
Países emerxentes como Angola e Brasil fan da lusofonía un enorme mercado laboral, ao que galegofalantes e lusofalantes teñen maior acceso. A facilidade de comprensión entre galego e portugués é notable, facilitando o acceso a recursos e oportunidades no ámbito lusófono.
Os prexuízos lingüísticos sobre o galego
Un prexuízo é unha opinión sen fundamento serio, formada antes da experiencia. Os prexuízos lingüísticos son xuízos de valor sobre unha lingua que buscan provocar o seu rexeitamento.
Prexuízos comúns sobre o galego
- Suposta falta de utilidade: Sostén que o galego non é útil fóra de Galicia, esquecendo que é unha lingua de comunicación para millóns de persoas no mundo (lusofonía) e que todas as linguas cumpren a función de canle de comunicación.
- Asociación coa pobreza e o atraso: Afirma que o galego é unha lingua rural, sinónimo de atraso. Isto desvaloriza o mundo rural e ignora as razóns históricas (falta de escolarización, persecución, etc.) que levaron á acociación das clases máis pobres co galego.
- Uso como sinal de descortesía: Considera que falar galego a alguén que non o fala é unha mostra de mala educación.
- Asociación ideolóxica: Cre que falar galego implica ser nacionalista.
- Non apto para todas as disciplinas: Opina que ciencias ou matemáticas non se deberían ensinar en galego porque dificultan a aprendizaxe.
- Suposta imposición do galego: A idea de que se obriga a falar galego.