Teatro Galego Contemporáneo: Xeracións e Evolución (1975-2024)

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,85 KB

O Teatro Galego de Finais do Século XX e Comezos do XXI

Contexto Sociopolítico e Lingüístico (1975-1983)

A morte de Franco en 1975 e a chegada da democracia trouxeron consigo unha serie de cambios lexislativos que supoñen o establecemento de estruturas administrativas propias e a defensa dos dereitos e liberdades fundamentais, ademais de afectar tamén a nosa lingua. Tres foron os textos fundamentais:

  • A Constitución (1978)
  • O Estatuto de Autonomía (1981)
  • A Lei de Normalización Lingüística (1983)

Ademais, prodúcense nesta etapa importantes transformacións sociais, propiciadas pola nosa integración na UE, como as melloras alimentarias e sanitarias, que provocan o estancamento e envellecemento da poboación, e o desenvolvemento económico, que fai que diminúa o impacto da emigración e apareza a inmigración como factor social. En canto ao idioma, trátase dun período de enorme esforzo normalizador, a través das campañas institucionais, da influencia da RTVG e do gran impulso editorial, con máis de 1000 títulos ao ano só no ámbito literario.

A Consolidación do Teatro como Xénero e Industria

Todos estes cambios lexislativos, económicos e sociais facilitaron a consolidación do teatro como xénero e como industria. Prodúcese unha proliferación de festivais e certames de teatro, comezando polas Mostras de Teatro de Ribadavia, celebradas entre 1973 e 1980. Aparecen as primeiras salas estables, así coma diversas e importantes compañías teatrais:

  • Teatro do Noroeste
  • Sarabela Teatro
  • Teatro de Ningures
  • Teatro do Morcego, etc.

Neste sentido, é importante destacar o labor do Centro Dramático Galego (CDG), creado en 1984. Por último, dáse un importante desenvolvemento do teatro infantil e xuvenil.

Características do Teatro Post-Transición

O teatro desta época caracterízase, en primeiro lugar, pola súa apertura temática, abandonando a temática social das décadas anteriores e cultivando formas específicas coma o teatro do absurdo. Outros trazos distintivos son:

  • A especialización dos seus autores, que entregan o seu labor artístico unicamente a este xénero literario.
  • A súa heteroxeneidade, aínda que cunha vocación cultista.
  • O afán de experimentación formal, continuando a liña dos autores da xeración anterior, os integrantes do Grupo Abrente (anos 70), relacionados coas Mostras de Ribadavia: Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal e Roberto Vidal Bolaño.

As Xeracións Dramáticas

Xeración dos 80

Formada por autores como: Miguel Anxo Fernán Vello (*A casa dos afogados*, 1990), Xesús Pisón (*O pauto*, 1983) e João Guisán Seijas (*Un escenario chamado Frederico*, 1985).

Xeración dos 90

Pertencen a esta xeración dramaturgos que se deron a coñecer a través do Premio de Teatro breve da Escola Dramática Galega. Estes autores preocúpanse por crear obras literarias de coidada estrutura, de fácil representación e cunha menor carga simbólica cás da xeración anterior. Destacaremos a Cándido Pazó (*O bululú do linier*, 2000), Raúl Dans (*Matalobos*, 1993) e Miguel Anxo Murado (*A gran noite de Fiz*, 1994).

O Teatro Galego Actual (Século XXI)

Nos últimos anos a nómina de autores e obras aumentou considerablemente. O teatro galego segue a mostrar unha gran heteroxeneidade, pero con predominio da comedia, que emprega a ironía e a parodia para reflexionar sobre temas de actualidade. Tamén adquire relevancia o teatro de carácter experimental, no que se mesturan diversas técnicas, e o recurso á intertextualidade (elaboración de obras baseadas noutras creacións literarias ou argumentos xa existentes).