Teatro Galego (1900-1936): Irmandades, Nós e Vangardas
O Teatro do Primeiro Terzo do Século XX: Irmandades, Vangardas e Grupo Nós
No inicio do século XX, o teatro é o xénero menos desenvolvido, debido á exclusión da lingua galega dos espazos públicos cultos (o teatro era un espectáculo burgués) e ás prohibicións de representar en linguas diferentes ao castelán. Diferenciamos catro etapas:
- Teatro continuador do rexionalismo: ambientación e personaxes rurais, galego dialectalizado, temática anticaciquil, costumista e humorística.
- Teatro das Irmandades da Fala: concienciación social e regaleguización.
- Teatro de Nós: europeísta e universalizador.
- Teatro das vangardas: une modernidade e tradición.
Nos primeiros anos do século XX, inténtase normalizar o movemento rexionalista. Fúndase na Coruña a Escola Rexional de Declamación (1903-1905), inaugurada coa obra Filla de Galo Salinas, presidente da Escola. O obxectivo era consolidar un grupo de teatro estable para representar pezas en galego, estimulando a súa redacción. O autor máis destacado foi Manuel Lugrís Freire con obras como A ponte (1903, anticaciquil). Para el, labregos e mariñeiros eran a esencia do país.
O Teatro das Irmandades da Fala
Propóñense crear un teatro nacional, nun contexto de predominio do teatro en español, onde o galego aparecía como lingua dos labregos, con intención cómica. Era preciso crear un teatro galego e transformar a sociedade, educala e regaleguizala.
Para dignificar a lingua a través do teatro, este debía centrarse en personaxes das clases medias ou altas e a súa temática debía ser universal. Era a oportunidade de que o público escoitase un galego culto en personaxes da fidalguía.
Para modernizar o teatro, créase o Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919) e pídenlle a Ramón Cabanillas unha obra na que a clase alta fale galego e o asunto trate un tema universal, como o amor. A posta en escena de A man de Santiña (1920) foi un éxito.
Cabanillas compuxo tamén O Mariscal (1926) a petición de Antón Villar Ponte, que quería unha peza política que expresase os ideais nacionalistas a través da lenda do mariscal Pardo de Cela, mitificado como defensor da oposición galega ao centralismo, polo seu enfrontamento cos Reis Católicos. Esta modernización chocaba cos que concibían o teatro galego como ruralista, cun público acostumado a ver teatro moderno en castelán. Leandro Carré Alvarellos creará en substitución a Escola Dramática Galega (1922), menos ambiciosa na renovación teatral, pero de maior éxito.
Antón Villar Ponte foi un gran promotor do mundo teatral. Ten unha extensa obra dividida en dúas etapas: teatro social (A patria do labrego e Almas mortas, anticaciquil e contra a desgaleguización dos emigrantes) e unha segunda etapa nacionalista, con influencias de Valle-Inclán (Os evanxeos da risa absoluta).
Outros autores desta etapa foron Cotarelo Valledor (Hostia), Xaime Quintanilla (Alén) e Leandro Carré (O corazón dun pedáneo).
O Teatro do Grupo Nós
Os autores do grupo coinciden co afán das Irmandades de crear unha dramaturxia galega de calidade para un público culto, co ánimo de interesalos na causa galeguista. Non utilizaron o teatro como arma política, senón que lle deron un punto de vista literario, participando das correntes europeas. Con eles aparecen os primeiros elementos simbolistas e surrealistas.
Vicente Risco presentou O bufón d’El-Rei, estreada en Bos Aires en 1933. É un drama simbolista en catro pasos que desenvolve a súa acción na época medieval. O bufón é un ser deforme que medita sobre a súa condición maléfica.
Otero Pedrayo escribiu A lagarada (1928), a súa primeira peza dramática, unha traxedia simbolista na que a vendima e o viño fan agromar paixóns como a cobiza e a luxuria, co asasinato dun vello rico por un enredo amoroso. O desengano do prioiro (1952) é unha peza humorística con diálogos satíricos en contra do novo comercio. Tamén escribiu Noite compostelana (1973) e dezaseis pezas breves publicadas en 1975 co título Teatro de máscaras.
A farsa Os vellos non deben de namorarse foi estreada en Bos Aires en 1941. O seu autor, Castelao, conxuga tradición popular estilizada e modernidade. A morte, como personaxe, advirte ao vello do risco do seu namoramento serodio. A obra remata cun epílogo no que os tres vellos se encontran no cemiterio despois de mortos.
O Teatro da Xeración do 22 ou das Vangardas
Rafael Dieste contribuíu á historia do teatro galego con A fiestra baldeira (1927), comedia de carácter simbólico e estrutura clásica. A acción sitúase a comezos de século, nunha vila mariñeira. A obra xira en torno a un vello mariñeiro que retorna enriquecido da emigración e a un cadro que o representa. No cadro, aparece cun fondo de barcos que simbolizan as súas orixes. A familia pretende cambiar este fondo por outro máis “señor”. Neste conflito entran os personaxes da vila que reivindican o seu dereito a estaren representados como colectivo, cos motivos mariñeiros do cadro. Esta peza é un drama de ideas que reflicte o problema da identidade do individuo e da colectividade, e o problema dunha familia que debate a súa posición social.