Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco: Literatura Galega do Século XX

Enviado por Comunidad Xuletas y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 8,88 KB

Ramón Cabanillas (1876-1959)

Naceu en Cambados e é a personalidade literaria de maior importancia deste período. A súa dilatada vida fai que non sexa correcto limitalo só á época das Irmandades da Fala, pois o seu valor continuou nas seguintes etapas. Non obstante, foi polo seu traballo na época das Irmandades da Fala polo que alcanzou un posto na nosa historia literaria.

Cabanillas cultivou os diferentes xéneros literarios, aínda que destaca pola súa poesía lírica na que segue as voces do Rexurdimento de Rosalía e Curros Enríquez. Destaca tamén na poesía narrativa na que segue o modelo de Pondal.

A produción poética de Cabanillas serve de punto de enlace entre a poesía tradicional do século XIX e as vangardas poéticas galegas que xorden na época dos anos vinte.

Podemos dicir que a parte fundamental da obra de Cabanillas foi escrita entre 1913 e 1917 e podemos dividila nos seguintes tipos:

1. Poesía lírica

Aparecen composicións de tres tipos:

  • De carácter intimista con temas referidos ao amor e a natureza.
  • Temas costumistas referidos a aspectos rurais nos que vemos unha perspectiva crítica e humorística.
  • Temas cívicos que reflicten os postulados agraristas e, máis tarde, nacionalistas.

As obras máis importantes desta tendencia son: “No desterro” (1913); “Vento mareiro” (1915); “Da terra asoballada” (1917); “A rosa de cen follas” (1927).

2. Poesía narrativa

Na poesía narrativa Cabanillas toma de Pondal o ton mítico e prehistórico, creando un pasado cheo de esplendor e augurando un futuro moi esperanzador para Galiza. Dentro da poesía narrativa incluímos as obras:

  • “Na noite estrelecida” (1926) na que Cabanillas recrea o tema do rei Artur e os cabaleiros da táboa redonda, relacionándoos con Galiza, cheos de fantasías e cristianizados.
  • Tamén de carácter narrativo é a obra titulada “O bendito San Amaro” (1925), poemario no que se conta a historia deste santo galego.

En xeral, podemos dicir que na súa poesía podemos atopar características dos autores do Rexurdimento, así como pegadas dos movementos poéticos de comezos de século (Modernismo). En canto á lingua, nos seus primeiros libros utiliza unha linguaxe popular, mais a medida que avanza a obra, a lingua vaise facendo máis culta.

Teatro de Cabanillas

Como autor teatral escribiu dúas obras para o Conservatorio Nacional da Arte Galega. A primeira delas é de 1921 (“A man de Santiña”) e é unha comedia de temas amorosos que narra as relacións entre un emigrado retornado con fortuna e unha fidalga.

En 1926 aparece a obra “O mariscal”, é un drama romántico de temática histórica que é unha denuncia contra o centralismo por medio da recreación da figura do mariscal Pedro Parga de Cela, que é presentado como vítima da política unificadora dos Reis Católicos.

O Grupo Nós

No ano 1920 comezou a publicarse a revista Nós que deu nome a unha xeración de gran importancia na cultura do país. O seu programa consistiu en erguer a cultura galega do folclorismo e do influxo da cultura española. Co grupo Nós a cultura galega logrou facerse cultura universal e entrar en contacto directo coas ideas estéticas e científicas que percorrían Europa. Denomínase a este período histórico co nome de época Nós porque a revista e as persoas a ela vinculadas simbolizan unha época de esplendor literario e cultural e inflúen na actividade das distintas xeracións desta época e seguintes.

Os membros do grupo Nós son ademais os creadores da prosa galega moderna e utilizan o galego para tratar absolutamente todos os temas (filosofía, ciencia, política e literatura). Tamén podemos dicir que con esta xeración se consolidan os proxectos culturais das Irmandades da Fala.

Cronoloxicamente podemos situar esta época entre 1920 e 1936, época na que van confluír grandes creadores: por un lado Cabanillas; por outro o grupo Nós (formado por Vicente Risco, Otero Pedrayo e Castelao); por outro, os Vangardistas (Manuel Antonio e Luís Amado Carballo). Todo este período de esplendor, que foi preparado grazas ao labor das Irmandades da Fala, pecharase en 1936 coa Guerra Civil.

Representantes do Grupo Nós

Vicente Risco, Otero Pedrayo e Castelao.

Vicente Risco (Ourense 1884-1963)

Estudou a carreira de dereito en Compostela e traballou como funcionario de facenda en Ourense. Máis tarde foi profesor de historia e fundou a revista “A Centuria”.

Na súa xuventude, leu a literatura que se facía en Europa e recibiu a influencia do expresionismo e simbolismo europeo, e máis tarde sería un dos principais introdutores do vangardismo en Galiza. Tamén desta época data o seu interese polas culturas orientais, interesándose no budismo.

No ano 1917, Risco e Otero ingresan nas Irmandades da Fala e máis tarde no Partido Galeguista. Cando acabou a Guerra Civil, Risco distanciouse do galeguismo e non volve a escribir en galego.

O Pensamento de Risco

Risco defínese como inadaptado, inconformista e rebelde; como un descontento co tempo que lle tocou vivir. Considerábase un home espiritual, fronte ao materialismo da época, era un intelectual que buscaba na arte unha forma de evasión do mundo co que el non estaba satisfeito, xa que ademais a esta arte so poderían acceder os espíritos superiores e privilexiados. Estas ideas vanse plasmar ao longo da súa vida e da súa obra con maior ou menor intensidade.

Tendo isto en conta podemos falar de tres etapas dentro da súa obra:

  1. Pregaleguista: na que é notorio o seu individualismo e que aparece representada polos seus artigos escritos en “A Centuria”.
  2. Etapa galeguista: no que Risco aparece comprometido en traballos colectivos e declara a súa intención social. A esta etapa pertence unha das súas obras máis representativas “Nós, os inadaptados”.
  3. Última etapa: na que Risco abandona o galeguismo e, tal vez por temer represalias por parte da ditadura polo seu pasado galeguista, non volve escribir en galego.

Obra de Risco

1. Narrativa

  • No ano 1919 aparece a obra “Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros”, esta é unha obra breve de humor macabro na que o protagonista vive unha estraña aventura de tipo ocultista e logra liberar a momia de Tutankamón para que poida participar nas danzas macabras dos mortos.
  • En 1923 aparecen dúas narracións breves baseadas nos seus estudos etnográficos, titúlanse: “O lobo da xente” (baseada na lenda do lobishome); “A trade de ouro e a trade de alquitrán” (temas populares relacionados cos celtas e mouros).
  • Non obstante as súas obras máis importantes son “Os europeos en Abrantes” de 1927 (sátira antiburguesa na que aparecen reflectidas persoas e ambientes do Ourense da súa época); “O Porco de pé” de 1928 (obra na que narra a don Celidonio, un comerciante de orixe castelá que chega a Ourense e, coa forza de aforrar e roubar cunha vida miserable, chega a facerse alcalde da cidade).

En ambas obras de Risco realízase unha sátira feroz antiburguesa non por cuestións políticas ou económicas senón por cuestións estéticas (carencia de bo gusto, carencia de cultura e aparencias hipócritas), construíndo así personaxes caricaturescos.

2. Teatro

A súa única obra teatral titúlase “O bufón de el-rei” de 1928 (obra moi relacionada co simbolismo, aparece situada nunha corte medieval de tipo artúrica na que nos contan o ascenso social dun bufón e a súa posterior caída).

3. Ensaio

Céntrase fundamentalmente en temas etnográficos, políticos e filosóficos; os máis importantes son:

  • “Teoría do nacionalismo galego” de 1920 (Risco mostra o seu compromiso con Galiza, coa lingua, coa cultura). Esta é unha das primeiras formulacións teóricas do nacionalismo galego.
  • No ano 1923 aparece “Nós, os inadaptados”, obra na que explica a súa formación intelectual e artística e o seu pensamento, así como a súa evolución ata chegar ao galeguismo.
  • De 1934 é “Mitteleuropa”, son as impresións e as preocupacións de Risco tras unha viaxe a Alemaña. No ensaio fala da crise de Europa, do enfrontamento entre o comunismo e o fascismo, e da aparición do Marxismo (Marx) que para el representa a destrución da civilización occidental, entre outros temas.

“Leira” aparece en 1961, esta foi a única obra que Risco publicou despois da guerra e está formada por artigos e traballos que xa se publicaron antes de 1936.